O metal da Coruña inicia mobilizacións fronte o bloqueo da patronal á negociación do convenio
Traballadores e traballadoras do metal concentráronse na tarde deste mércores diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña en resposta ao bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo e para exixir un calendario áxil de reunións que permitan avanzan nun acordo e actualizar e mellorar as condicións laborais e salariais do sector.
Porén a pretensión da patronal é alongar a negociación o máximo tempo posíbel, mentres a precariedade laboral avanza e se deterioran as condicións laborais e os salarios perden capacidade adquisitiva ante o medre imparábel da carestía.
Por iso, coa protesta desta tarde, o sector quixo dar un paso adiante, facer visíbel o seu malestar ante este boicot patronal á negociación e lanzarlle un aviso claro: se continúa nesta mesma actitude de bloqueo e falta de vontade real de acordo, “terán que asumir que nos forzaron á mobilización e á convocatoria de folga”
A este respecto, a CIG-Industria subliñou que as demandas sociais son realistas e razonábeis e pasan por cuestións tan básicas unha suba dos salarios digna, estabelecer unha cláusula de revisión ao IPC que opere a 1 de xaneiro de cada ano, reducir a xornada máxima anual ás 1.712 horas (37,5 horas/semana), ou adecuar os pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade para que realmente os poidan percibir as persoas que traballan nestas condicións.
Así mesmo, estender o dereito de subrogación a máis actividades; implementar medidas de prevención e saúde laboral para atallar a elevada sinistralidade; eliminar a subcontratación en cadea; incorporar cláusulas que garantan a xubilación anticipada; e avanzar no recoñecemento dos coeficientes redutores da idade de xubilación.
Fronte a estas xustas reivindicacións, a patronal presentou unha proposta a finais de febreiro que foi cualificada polas organizacións sindicais de “decepcionante e auténtico retroceso”. Tal é que a patronal pretende un convenio a cinco anos sen tocar a xornada anual (1.752 horas/ano), recortando as condicións do persoal de tendido de liñas, cables, redes telefónicas ou ferrocarrís, ao impor que a xornada comece e remate directamente no lugar de traballo, e eliminando o complemento de baixa médica en caso de enfermidade común.
“Todo isto, acompañado dunha proposta salarial claramente insuficiente: un 8% en cinco anos, moi por debaixo do incremento real do custo da vida”.
Neste contexto, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT fixeron un chamado ao sector a responder con firmeza, con unidade e con determinación, “porque só así conseguiremos que nos tomen en serio e podemos avanzar cara a aun convenio xusto que recoñeza o valor do noso traballo”.