O metal da Coruña amplía a convocatoria de folga aos días 26 e 27 de maio
As centrais sindicais acordan ir a tres xornadas de paro ante a negativa patronal a recoller nin unha soa demanda social
Ante a falta de avances nas negociacións coa patronal, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT acordaron ampliar dous días máis a convocatoria de folga prevista para o 19 de maio no siderometal da provincia da Coruña. Deste xeito, as persoas traballadoras do sector están chamadas a paros xerais os días 19, 26 e 27 de maio en defensa dun convenio digno e para reivindicar que a patronal atenda as xustas demandas sociais.
Na tarde deste xoves, día 14, tivo lugar reunión da mesa de negociación na que a patronal contestou ás plataformas sindicais de convenio sen recoller nin unha soa das demandas formuladas polo persoal. “A patronal négase a avanzar en calquera materia: nin salarios, nin redución da xornada, nin ampliar a subrogación, nin regular os pluses, nin medidas para frear a precarización e limitar a subcontratación, nin nada de mellorar os complementos nas baixas”, denuncian os sindicatos.
Neste escenario de inmobilismo, as centrais sindicais advirten que a patronal non lle deixa outra alternativa ao sector que intensificar a mobilización para poder desbloquear as negociacións e acadar un convenio digno. Critican que se pretenda cargar sobre as traballadoras e traballadores os custes da crise derivada da guerra no Irán, “mentres as empresas continúan incrementando os seus beneficios”.
Neste senso, hai que lembrar que a oferta da patronal consiste nun convenio a cinco anos, cun insuficiente incremento salarial do 8%, e introducindo ademais recortes como a supresión da regulación da distribución irregular da xornada (limitada a 70 horas anuais) ou restrinxir o cobro do seguro colectivo en caso de accidente laboral con resultado de invalidez, cando este sector ten un elevado grao de perigosidade.
Tamén se avén a patronal a necesaria reescritura de todo o articulado do convenio de siderometal para evitar a xudicialización actual de moitos dos artigos que pola súa redacción facilitan interpretacións diverxentes.
CIG, CCOO e UGT fan un chamamento a todas as persoas traballadoras do siderometal da provincia (que emprega a unhas 18.000 persoas) a dar unha resposta unitaria e contundente, secundar masivamente as folgas dos días 19, 26 e 27 de maio e participar nas mobilizacións que se convoquen para esas xornadas. “Unha vez máis temos que saír á rúa defender os dereitos que que tanto nos custou conseguir no noso convenio e pelexar pola mellora das condicións laborais, salariais e sociais no siderometal”, aseveran.