O metal da Coruña chega ao 8º día de folga dando unha mostra de forza e coa patronal solicitando unha mediación
De non producirse unha negociación áxil e con propostas que permitan chegar a acordo, os paros seguirán o 30 de xuño, 2, 7 e 9 de xullo
A Coruña/Ferrol/Compostela - 17 Xun 2026
Milleiros de traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña están secundando este mércores a oitava xornada de folga e as manifestacións realizadas na cidade herculina, Ferrol e Compostela na demanda dun convenio digno. Esta xornada de paro xeral no siderometal desenvólvese ademais coa noticia de que a patronal solicitou unha mediación no AGA, á que a representación sindical dará contestación formal no día de mañá.
Para a CIG-Industria este movemento da patronal é consecuencia da determinación, a dignidade e a unidade amosada polo conxunto do sector nestes oito días de folga. Unha loita exemplar fronte á intransixencia e ao inmobilismo do empresariado que apenas se moveu da súa proposta inicial, malia os esforzos da parte social que si rebaixou as súas pretensións co obxectivo de facilitar un acordo.
"Este convenio ímolo sacar adiante. O persoal está moi concienciado e con plena disposición a lograr un bo acordo", salienta Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria na mesa de negociación.
Sobre a petición de mediación, apunta que esta tarde cada unha das tres centrais sindicais reunirase para fixar postura e mañá darase resposta oficial ao Consello Galego de Relacións Laborais. "Concretar un calendario de reunións áxil para desbloquear a situación e propostas que poidan ser tomadas en consideración é o que levamos demandando dende o primeiro día de folga", lembra Caamaño.
Adianta que, "como acto de responsabilidade", a CIG aceptará a solicitude, pero advirte que a central nacionalista non pasará por un proceso de mediación "no que a patronal pretenda ternos presos nunha negociación longa. Nós entendemos que a participación do AGA debe ser para facilitar unha negociación rápida, pois seguimos reclamando ter o convenio asinado antes de entrar no verán". E incide, "a solución do conflito está na man da patronal, pois é a responsábel de estancar a negociación co súa reiterada negativa a moverse".
En todo caso, e coa experiencia destes meses, para evitar que o empresariado busque alongar as conversas e frear a mobilización no sector ao amparo da mediación, xa están convocados dous días máis de folga para o 7 e 9 de xullo, a maiores dos previstos para o 30 de xuño e 2 de xullo.
“Agardamos que veñan á mediación con gañas reais de negociar, e iso a patronal debe demostralo pondo enriba da mesa propostas dignas de ser valoradas e trasladadas ao conxunto das persoas traballadoras do sector. Que non se equivoquen porque cambiamos o escenario, pero non as nosas reivindicacións”, aseverou.
Sobre as principais demandas sociais apunta á un incremento salarial xusto, a redución da xornada anual, atallar a precarización do persoal fixo-descontinuo e contratado a través de ETT, limitar a subcontratación, estender o dereito de subrogación, garantir o acceso á xubilación anticipada, ou regular os pluses de penosidade, perigosidade e toxicidade.
Finalmente, o representante da CIG puxo en valor a loita desenvolvida polos traballadores e as traballadoras do metal da provincia “que son un exemplo de dignidade e capacidade mobilizadora”.