O mes de xaneiro remata cunha forte caída da afiliación á Seguridade Social en Galiza
Galiza comezo o ano 2016 cun novo incremento do paro rexistrado, que neste período medrou un 3,34%, o que supón 7639 persoas desempregadas máis que no mes anterior. Deste xeito, o número de parados/as situouse en 236.447 persoas; pola contra, no conxunto do Estado o paro incrementouse un 1,40% de media.
Se ben o mes de xaneiro remata sempre cun aumento dos desempregados/as, nos últimos anos producíase unha redución dese incremento; sen embargo, nesta ocasión a tendencia variou ao medrar o desemprego un 3,34%, cando en xaneiro de 2015 a suba fora do 2,8%. No resto do Estado o incremento foi inferior que nos anos precedentes.
A nivel sectorial, o maior medre produciuse nos Servizos, cun 5,08% máis de desempregados/as que no mes anterior; na Construción tamén medrou, neste caso un 1,93%; tan só na Industria se reduciu o desemprego, un 1,10%.
A nivel provincial, incrementouse o desemprego en todas as provincias, sendo en Pontevedra onde se rexistrou o maior aumento.
Escasas prestacións e alta temporalidade
Á vista dos datos, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, incide na problemática derivada da redución da porcentaxe de parados/as beneficiarios/as de prestacións por desemprego, que rematou o ano 2015 nun 49,2%. Isto significa que menos da metade dos desempregados/as percibe algún tipo de prestación; destes/as, tan só o 42% ten dereito á prestación contributiva (o 20% do total).
No que atinxe á contratación, rexistráronse 62.688 contratos, dos que unicamente o 8,9% foi subscrito baixo algunha modalidade de contratación indefinida.
Malvido entende que estas cifras son unha consecuencia directa da nefasta política en materia económica e laboral que está a aplicar o Partido Popular na Xunta e no Goberno central, en especial as sucesivas reformas laborais, que non fixeron máis que agudizar a precariedade e consolidaron a perda de dereitos.
Así, denuncia que con esta evidente falta de alternativas laborais , e diante da ausencia de políticas económicas e sociais que permitan albiscar mudanzas reais na situación, a mocidade galega segue a emigrar. Por iso considera moi necesario o debate sobre o emprego aberto en base ás medidas propostas pola CIG e recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que a central presentou no Parlamento galego e que foi rexeitada polo PP.