O mercado laboral galego rexistrou o ano pasado un aumento da desigualdade e do empobrecemento entre a clase traballadora
O mercado laboral galego rexistrou o ano pasado un aumento da desigualdade e do empobrecemento entre a clase traballadora, tal e como se desprende do informe sobre a situación do mundo do traballo no noso país elaborado polo gabinete técnico de Economía da central sindical. O documento, feito en base a datos recollidos por distintos organismos oficiais, evidencia que a recuperación do mercado laboral galego -caracterizado por unha elevada precariedade e por unha alta temporalidade na contratación- queda aínda lonxe da media estatal.
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, compareceu en rolda de prensa en Vigo xunto á técnica do gabinete de Economía da central sindical, Natividad López, para dar conta das principais conclusións recollidas no informe. Sío e López explicaron en primeiro lugar que na elaboración do documento optouse por comparar os datos de 2021 cos de 2019 en lugar de facelo cos de 2020 para ter unha radiografía máis fiábel do mercado laboral ao establecer a comparativa cun período anterior á pandemia do coronavirus.
Deste xeito, despréndese que o noso país non recuperou aínda os niveis de ocupación anteriores á crise económica provocada pola pandemia. A ocupación é un 0,9% inferior con respecto a 2019 , o que en termos absolutos significa que hai 10.100 persoas empregadas menos. Pola contra, na media do conxunto do Estado acadouse o nivel de ocupación previo á crise.
Así as principais variábeis que caracterizan o mercado laboral galego son o forte incremento da poboación inactiva (18.500 persoas) e un descenso da poboación activa (12.900 persoas). Isto é así tanto pola caída da ocupación como polo descenso do desemprego, agravando deste xeito a caída da poboación activa.
Esta caída vén acompañado dun forte envellecemento da poboación activa galega. As persoas até 45 anos baixaron ao 48,9%, o que significa un descenso de tres puntos con respecto a 2019. Con todo, a maior caída prodúcese entre os 30 e os 40 anos; e o maior aumento a partir dos 60 anos. Por sexos, as mulleres foron máis prexudicadas ao perder o dobre de poboación activa: un 1,5% fronte ao 0,6% dos homes.
As mulleres, as máis prexudicadas
A poboación ocupada, pola súa banda, tan só recuperou a metade do emprego durante o ano 2020, con 10.100 empregos menos e cunha incidencia desigual dependendo do sexo ou da rama de actividade. Con respecto a 2019, o 73% do emprego perdido corresponde a mulleres; e por sectores foron a industria, cunha caída da ocupación do 4,85 (8770 persoas), e os servizos (4500 persoas) os que rexistraron maiores descensos da poboación ocupada.
Analizar a caída por ramas de actividade permite precisar aínda máis a evolución sectorial.
Así, dentro da industria o emprego perdeuse no sector manufactureiro (9500 persoas menos), e dentro do sector servizos foi na hostalaría, cun descenso do 21,9% (17.900 postos de traballo menos). Nesta rama de actividade foi, xunto co comercio e co resto de servizos, onde se perdeu emprego.
Por idades, a poboación ocupada descendeu até o 47,6% no tramo de menos de 45 anos, cando en 2019 era do 51,2% (baixou un 3,6% dende ese ano). Deste xeito, por primeira vez a poboación ocupada menor de 45 anos supón menos da metade en Galiza, despois de que as persoas menores de 45 anos baixasen en 44.300 menores de 45 anos e as maiores desa idade baixasen en 34.200. A crise industrial que está a sufrir A Coruña fai que toda a perda de poboación ocupada se centre nesta provincia.
Segundo a situación profesional, o aumento do emprego no sector público amortizou a caída, con 11.900 persoas ocupadas máis, compensado a perda de 13.900 persoas no sector privado. En consecuencia, o peso do sector público no emprego asalariado é do 22,7%, cando antes da pandemia era do 21,3%. Pese a estes datos, a taxa de temporalidade no sector público alcanza xa o 29,2% da poboación asalariada, porcentaxe moi superior á do sector privado, que é do 23,1%.
A pandemia como escusa para despedir
Paco Sío e Natividad López incidiron en que estes datos só se poden entender tendo en conta que as empresas privadas aproveitaron a pandemia para despedir e para non renovar a moitas persoas traballadoras temporais. Pola contra, no sector público medrou a contratación precisamente para facerlle fronte ás consecuencias do coronavirus.
Unha temporalidade que -segundo denunciaron- é maior entre as mulleres (26,8% fronte ao 22,2% dos homes). Ademais, o 40,5% das persoas asalariadas temporais teñen un contrato de duración inferior aos tres meses, mentres que os de menos de cinco meses superan xa o 62%. Así, a media de contratos por persoa situouse en 3,8: en 2021 asináronse 827.641 contratos repartidos entre 214.600 persoas asalariadas.
O número de contratos convertidos a indefinidos quedou no 9,8% do total, o que amosa a alta temporalidade do mercado laboral galego. A modalidade máis usada é a dos temporais por circunstancias da produción, que acada o 50%; mentres que os de obra é servizo atinxen o 30% e son os segundos máis empregados. No que ten que ver coa xornada, o contrato máis usado en 2021 foi a tempo completo (64,7%), fronte o parcial, que foi do 34,4%. De todas formas, o 42,8% tivo unha duración inferior a un mes, e o 30% inferior a unha semana.
En canto a poboación parada, a covid tamén afectou ás estatísticas, xa que as persoas en ERTE por este motivo en ningún momento foron consideradas paradas no Servizo Público de Emprego, aínda que si aumentou o número de persoas preceptoras de prestación por desemprego, aumentando a taxa de cobertura até niveis nunca vistos.
A poboación inactiva tivo un incremento importante debido ao aumento dos estudantes e das persoas que perciben unha prestación. No caso dos estudantes o aumento foi de 30.800 persoas (20,2%) e nas persoas pensionistas de 17.400. Estas caídas víronse compensadas polo aumento de persoas inactivas por labores no fogar (19.100) como consecuencia da pandemia.
Ingresos salariais e por prestacións
Os datos sobre os ingresos reais trasladados polas declaracións da renda do ano 2020 indican que durante o ano 2020 un total de 196.619 persoas traballadoras galegas pasaron de ter ingresos por salarios a telos por prestacións. A rama de actividade de “outros servizos persoais e de ocio” foi a máis afectada, xa que o 48,7% das persoas traballadoras (53.706) empregadas pasaron por un ERTE, sendo o 27,3% do total das afectadas por un ERTE. Esta actividade caracterízase por unha gran precariedade, temporalidade e rotación.
Curiosamente, os ERTE introduciron máis estabilidade no seu emprego e aumentaron os seus ingresos, ao contrario que nas demais ramas de actividade. No total da clase traballadora galega a diferenza de ingresos salariais foi de 6882 euros ao ano entre as persoas traballadoras que non foron a ERTE e as que si.
A segunda rama na que máis se deixaron sentir os ERTE foi a industrial, cun 29,1% de persoas traballadoras prexudicadas (un total de 21.299) e cunha caída media nos seus ingresos de 800 euros ao ano. A terceira rama foi “comercio, reparación e transporte” cun 24,6% de afectación polos ERTE.
A porcentaxe de poboación con ingresos inferiores ao SMI foi do 39,2% en 2020, un 4,7% máis que en 2019 e un 12,7% comparado co 2009. “O que vén a evidenciar o progresivo empobrecemento da clase traballadora que provocaron as reformas laborais dos anos 2010 e 2012 que o actual Goberno se nega a derrogar”. As desigualdades tamén se dispararon, até o punto de que os ingresos da poboación que cobra 10 veces o SMI medrou o dobre que os restantes grupos, cobrando 93 veces máis que o grupo con ingresos máis baixos.
O número de persoas asalariadas só aumentou entre a poboación con ingresos inferiores ao SMI, sendo un 19,9% (203.606 persoas traballadoras) da poboación asalariada a que tivo ingresos inferiores á metade do salario mínimo, cuns ingresos medios de 2970 euros/ano. Este colectivo representaba o 17,8% no ano 2019.
Finalmente, a partir de ingresos superiores ao SMI a poboación asalariada descende en todos os tramos. Mentres que as persoas con maiores rendas son cada vez menos, as súas rendas non paran de medrar (até un 14,5% en 2020).