O marabilloso mundo dos GAFAM: como interpretar a súa actual crise?
Hai varios factores que poden explicar a onda de despedimentos no sector dixital, que están ligados á crise económica e á redefinición das estratexias comerciais de determinados GAFAM (Google, Apple, Facebook, Amazon, Microsoft), mais tamén á reconfiguración dos conflitos interimperialistas alentados pola guerra en Ucraína
Despedimentos, novos modelos económicos, guerra tecnolóxica: como interpretar a actual crise dos GAFAM (Google, Apple, Facebook, Amazon, Microsoft)? Tras o crecemento exponencial da súa actividade durante o período da pandemia da Covid-19, os xigantes da economía dixital están a perder impulso, as súas accións están a caer (o Nasdaq caeu o 30% nun ano) o que se traduce en vagas de despedimentos masivos.
Durante a crise sanitaria, a actividade online disparouse, impulsada polo teletraballo e o comercio electrónico, mais este período de crecemento parece terminar. Despois de Meta[1], Twitter e Amazon, agora é a quenda de Google. A empresa de Mountain View anunciou recentemente a supresión de 12.000 postos de traballo, é dicir máis do 6 % do seu persoal mundial.
Sundar Pichai, director executivo de Alphabet (a empresa matriz de Google) xustifica o plan de despedimentos masivos polo cambio das condicións económicas fronte ás vagas de investimento que acompañaran “os períodos de crecemento espectacular”[2].
A crise e a inflación galopante están a ter un impacto nos ingresos do mercado de publicidade dixital, que é central no modelo de negocios dalgunhas grandes empresas como Google e Facebook. Isto explicaría que polo momento a compañía Apple, máis centrada no mercado de produtos de hardware (tablets, teléfonos, etc.), non anuncie ningún plan de despedimentos. Algúns investimentos, como a do señor Zuckerberg no metaverso, resultan moi arriscadas mentres que outras empresas, como Twitter, buscan novos modelos viábeis de negocio.
O estourido da burbulla nos anos 2000
A desaceleración económica da tecnoloxía segue a unha idade de ouro de máis de vinte anos durante os cales os actores de Silicon Valley parecían intocábeis. Desde o estourido da burbulla a primeiro dos anos 2000, as empresas dixitais experimentaran un período de crecemento que coincidiu co lanzamento da etiqueta “web 2.0”. Popularizada por Tim O'Reilly en 2003, acompañou o lanzamento dunha serie de plataformas comerciais baseadas no modelo de contido xerado polo usuario. Por suposto, a dimensión participativa foi intrínseca á tecnoloxía de Internet civil desde os seus inicios e, por tanto, non esperou á “web 2.0”. Pola contra, este termo permitiu aos actores da web asociar os seus sitios á idea de facer sociedade e de estimular os internautas a que se lancen á produción de contidos para os medios sociais, agochando as implicacións económicas que están detrás da explotación dos datos.
Porén, o afastado oeste no uso de datos persoais está a xerar cada vez máis preocupación por parte dos internautas, en particular tras a explosión de escándalos como o de Cambridge Analytica ou as revelacións de Edward Snowden. Isto tamén animou a institucións internacionais como a Comisión Europea a producir textos, cuxa aplicación e espírito liberal seguen a ser moi problemáticos, pero que tentan lexislar en termos de moderación de contidos e de regulación da competencia[3].
Unha redefinición dos modelos económicos?
Se a crise actual non semella ter a mesma natureza que a de primeiros de século, o que podería estar en xogo é, como no seu momento, unha redefinición dos modelos económicos de certas grandes plataformas que hoxe atravesan un período de transición. A prensa especializada pregúntase pola elección estratéxica dos despedimentos en Google: gran parte das e os empregados despedidas parecen formar parte do equipo do programa de código aberto, mentres que os equipos que traballan na IA (intelixencia artificial) non serían afectados[4]. Tamén fomos testemuñas da compra de Twitter por Elon Musk, con novas preguntas que xurdiron arredor da superación do modelo da gratuidade, e tamén dos investimentos masivos de Mark Zuckerberg no metaverso, que constitúen un terzo dos investimentos totais do grupo Meta. Nacido da fusión entre a palabra meta e universo, este concepto pretende crear unha realidade virtual física que combina realidade aumentada e espazos virtuais, e articula tanto videoxogos, redes sociais e comercio electrónico como mundos de inmersión en 3D. Nestes espazos é posíbel realizar toda unha serie de accións da vida diaria, acudir a eventos, participar en reunións, mercar roupa con criptomonedas, outro sector que se viu especialmente afectado pola caída na bolsa.
Para algúns actores económicos, o metaverso constituiría o futuro de Internet mentres que para outros a aposta é moi arriscada. O metaverso podería representar un paso máis na dirección dunha penetración cada vez máis importante do mundo da mercadoría en todas as esferas das actividades humanas.
En calquera caso, a viabilidade do metaverso é actualmente incerta e esta inestabilidade está a provocar que algúns investidores perdan a confianza no sector dixital e se dirixan cara a sectores considerados máis estables.
Monopolios, vixilancia dos datos e novos recintos dixitais
Hai, pois, varios factores que poden explicar a onda de despedimentos no sector dixital, que están ligados á crise económica e á redefinición das estratexias comerciais de determinados GAFAM, mais tamén á reconfiguración dos conflitos interimperialistas alentados pola guerra en Ucraína. De feito, esta situación está na orixe dunha especie de guerra tecnolóxica entre Estados Unidos e China, na que os dous países están a tratar de traballar cara a un reenfoque dos seus sectores estratéxicos.
A isto súmase o feito de que se trata dun sector extremadamente financeirizado. Empresas como Twitter ou Instagram baséanse no que os pensadores do capitalismo cognitivo denominan capital intanxíbel, termo contraditorio porque este tipo de capital se basea nos procesos de formación da intelixencia colectiva (incorporada no traballo e non no capital). O seu valor é por tanto ficticio porque non corresponde a unha duplicación do capital real senón que está determinado polas flutuacións na bolsa. Por tanto, o capitalismo cognitivo interprétase como “un proceso de reestruturación polo que o capital trata de absorber e subxugar á súa lóxica, de maneira parasitaria, as condicións colectivas de produción do coñecemento, afogando o potencial de emancipación inscrito na sociedade do general intellect”[5].
Desde a viraxe dos anos 2000, a doutrina de Silicon Valley baseouse nunha nova aplicación da noción schumpeteriana de “destrución creativa” onde a apropiación das rendas da innovación (garantidas polo sistema de patentes, a definición estrita dos dereitos de propiedade e a baixa tributación) axuda a garantir os beneficios nos períodos de transformación[6].
A transformación que propoñen os GAFAM lamentabelmente semella caracterizarse por unha maior vixilancia e mercantilización dos espazos da comunicación, a creación de novos recintos e novas rendas así como a deterioración das condicións para o exercicio crítico do debate na esfera pública.
_____________________________________________________________________________
Notas:
(1) Meta é a empresa matriz de Facebook, Instagram WhatsApp.
(2) lemonde.fr, 20 de xaneiro de 2023.
(3) A Lei de Servizos Dixitais (DSA) ten como obxectivo regular os contidos ilegais e a publicidade e a Lei do Mercado Dixital (DMA) refírese á regulación da competencia entre os GAFAM definidos como gardiáns (controladores de acceso a servizos e mercados).
(4) Google ten múltiples proxectos de código aberto, é dicir, baseados no desenvolvemento de software con códigos fonte abertos, accesíbeis e modificábeis, destinados a promover a innovación e a cooperación dentro das comunidades de desenvolvedores/as: https://www.theregister…
(5) A. Negri & C. Vercellone (2008), “Le rapport capital/travail dans le capitalisme cognitiv”, Multitudes , 32, 39-50: https://doi.org/10.3917/… .
(6) C. Durand (2020), Techno-féodalisme, Critique de l’économie numérique, La Découverte p. 40-41.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 11 de febreiro de 2023]