O malestar alemán: crise económica, ascenso da dereita e enfraquecemento da esquerda

Leandros Fischer - 17 Dec 2024

A desindustrialización e a sensación de afundimento do prestixio nacional foron ingredientes clásicos do fortalecemento das forzas fascistas, así como das que achandan o camiño ao fascismo; e a Alemaña de 2024 non é, en absoluto, unha excepción

[O anuncio de eleccións anticipadas para o 23 de febreiro supón un punto de inflexión na crise política latente que abala a primeira potencia europea. A ruptura da coalición entre socialdemócratas, verdes e liberais cristaliza os efectos da recesión económica, que á súa vez forma parte dunha traxectoria descendente a máis longo prazo, e as diferenzas en materia de política exterior, nomeadamente en relación a Ucraína.

 Politicamente, a impopularidade do bloque gobernamental parece beneficiar sobre todo a extrema dereita, encarnada pola AfD. Pero máis recentemente, o panorama na esquerda tamén sufriu unha gran convulsión: a desaparición de Die Linke que permitiu a irrupción do novo partido de Sahra Wagenknecht, cuxo cóctel de propostas sociais, oposición ás guerras en curso e posicións antimigrantes con tintes islamófobos está a resultar moi controvertida.

 Neste artigo, Leandros Fischer, profesor da Universidade de Aalborg (Dinamarca) e antigo militante de Die Linke, ofrece unha análise global do malestar alemán. Céntrase en particular nos cambios que se están operando na esquerda, co pano de fondo da criminalización do movemento de solidariedade con Palestina e a crecente militarización das políticas alemás e europeas (Contretemps)].

* * * * *

 Non foi unha sorpresa. O chanceler alemán Olaf Scholz, que non é o máis carismático dos oradores, pronunciou un discurso inusualmente enérxico o 6 de novembro, anunciando a dimisón do seu ministro de Finanzas, Christian Lindner, do partido ultraneoliberal Demócratas Libres (FDP). Alemaña encamíñase agora cara a unhas eleccións anticipadas o 23 de febreiro.

 O anuncio da destitución de Lindner pode sorprender, mais non era inesperado. A coalición SPD-Verdes-Liberais, no poder desde 2021, demostrou ser un difícil matrimonio de conveniencia. A pesar de gañar as eleccións con base en temas socialdemócratas clásicos (incluído o gasto público masivo durante a pandemia), o SPD (socialdemócratas) e, en menor medida, os Verdes, víronse obrigados a formar coalición co FDP, o partido tradicionalmente máis neoliberal de Alemaña e firme defensor da disciplina fiscal.

 As convulsións económicas dos últimos anos puxeron a proba o respecto alemán ao límite da débeda, o famoso Schuldenbremse, que limita a capacidade de endebedamento do Estado. O FDP quería mantelo custar o que custar. En moitos sentidos, durante os últimos tres anos e medio, a presenza do FDP na coalición gobernamental serviu de cómoda coartada ao SPD e aos Verdes para explicaren a ausencia de medidas sociais significativas: “Si, quereriamos, pero o FDP, xa ves...”. Con todo, esta coartada esgotouse, xa que as diferenzas se volveron insalvábeis.

 A causa inmediata do colapso da coalición gobernante foi a negativa do SPD a financiar a axuda militar a Ucraína con cargo ao gasto social. No seu lugar, os socialdemócratas querían relaxar as restricións fiscais impostas polo límite da débeda. Nin que dicir ten que o apoio a Ucraína é un punto no que os tres socios de coalición están de acordo, aínda que os Verdes sexan aínda máis falcóns que os seus socios de goberno, sobre todo o SPD. Como dato revelador, Scholz mantivo unha conversa telefónica con Vladimir Putin o 15 de novembro. Aínda que posteriormente reiterou o apoio do seu goberno a Ucraína, esta chamada marcou unha ruptura significativa co estado de ánimo que prevalecía hai dous anos, cando o colapso de Rusia parecía ser o único resultado aceptable aos ollos dos líderes occidentais.

Fin de ciclo para o modelo alemán

 En moitos sentidos, a ruptura da disfuncional coalición de goberno alemá é un síntoma do palpábeis malestar no que se atopa o país, reflexo da crise case terminal do modelo económico que dominou a eurozona durante as dúas últimas décadas. A contrapartida económica ao discurso de Scholz foi o recente anuncio de Volkswagen -posibelmente a empresa máis emblemática do capitalismo alemán- da súa intención de reducir a produción pechando varias plantas, recortando os salarios un 10% e conxelándoos durante os próximos dous anos. Estes anuncios son un cravo máis no cadaleito da industria alemá, que nos últimos anos sufriu as consecuencias da suba dos prezos da enerxía e a caída da demanda mundial de produtos fabricados en Alemaña.

 De feito, o curtopracismo que marcou a era Merkel volve perseguir ao país, descrito como o enfermo de Europa a finais da década de 1990. Tras chegar ao poder en 2005, Angela Merkel continuou e profundou o programa de reformas de Gerhard Schröder [chanceler socialdemócrata de 1998 a 2005], que pretendía pór fin a este estancamento. Ao liberalizar o mercado laboral e remodelar a protección social sobre unha base disciplinaria, os gobernos alemáns restabeleceron a rendibilidade do capital espremendo os salarios reais, que se mantiveron en niveis moi inferiores aos da produtividade. Isto permitiu á industria alemá superar os seus principais rivais europeos, especialmente a Francia e Italia.

 En moitos sentidos, a crise política crónica en Francia -o colapso electoral do Partido Socialista e da dereita gaullista, a aparición do bonapartismo centrista en forma de macronismo e a posterior crise deste último- é o resultado do desexo do capital francés de emular o seu rival alemán, así como da inquebrantábel resistencia do movemento obreiro a estes plans. Este último elemento contrasta fortemente coa colaboración da burocracia sindical alemá, que non só aceptou a redución dos salarios reais como prezo da globalización, senón que tamén participou no brutal réxime de austeridade que os gobernos alemáns impuxeron ao sur de Europa, en particular a Grecia.

 A contrapartida deste milagre exportador foi unha adhesión relixiosa aos superávits comerciais e ao límite da débeda. Alemaña é un país cuxas infraestruturas se están colapsando e cuxos altos niveis de subinvestimento crónico están a piques de rivalizar cos de Estados Unidos. Calquera que viaxe nos trens alemáns nos últimos anos chegará facilmente á conclusión de que a eficiencia alemá non é máis que un mito ben gardado. Ademais, a cuarta economía do mundo quedou tardega en materia de dixitalización. A innovación tamén quedou relegada a un segundo plano, cos fabricantes de automóbiles alemáns, amantes do diésel, moi por detrás de China no desenvolvemento de vehículos eléctricos. Para os gobernos presididos por Merkel, antes de Scholz, todo isto era un pequeno prezo a pagar para que Alemaña fose a campioa das exportacións.

A xeopolítica do modelo alemán: de potencia normativa a paria mundial

 Con todo, a base do auxe exportador alemán non foi só o aumento da taxa de explotación combinado coa ortodoxia ordoliberal. Tamén foi o produto de certo nicho xeopolítico que as elites alemás labraron nas dúas últimas décadas. O poder brando alemán baseábase nunha política exterior máis discreta e reactiva que proactiva. Como resultado, Alemaña era un xigante económico e un anano político. Aínda que os gobernos alemáns posteriores a 1990 adoptaron unha postura intervencionista máis firme -participando nas guerras da antiga Iugoslavia, Afganistán e Mali-, deron prioridade aos intereses económicos, aos que só se podía servir globalmente desenvolvendo un poder normativo no marco da integración europea.

 O apoxeo deste enfoque foi sen dúbida a negativa do goberno de Schröder a participar na invasión de Iraq en 2003, a pesar de que Alemaña proporcionou ás forzas angloamericanas información crucial sobre os obxectivos que debían alcanzarse en territorio iraquí. Malia ser unha orgullosa atlantista que criticou o rexeitamento alemán á guerra cando estaba na oposición, Angela Merkel continuou por ese camiño. Durante a crucial votación do Consello de Seguridade da ONU sobre a intervención militar en Libia en 2011, Alemaña abstívose. O efecto destas decisións foi achandar o camiño para os investimentos alemáns en países como China, A India, Rusia e Suráfrica, preservando ao mesmo tempo os lazos económicos de Alemaña con Estados Unidos.

 Con todo, o factor máis crucial foi o fornecemento de gas ruso barato, que alimentou a industria alemá durante décadas. As raíces desta relación económica remóntanse á era soviética e á apertura de Willy Brandt ao bloque do Leste, a Ostpolitik. Nin sequera a anexión rusa de Crimea en 2014 afectou os plans de Alemaña de seguir construíndo o gasoduto Nordstream, deseñado para eludir Estados potencialmente problemáticos como Polonia e Ucraína. Esta lóxica económica reflectiuse politicamente na incapacidade do Goberno de Merkel para axustar o seu gasto en defensa ao nivel exixido polos Estados Unidos, é dicir, o 2% do PIB. A confianza nesta estratexia mercantilista baseábase no dominio de Alemaña dentro da eurozona. Tratábase dun pensamento a curto prazo impulsado polos intereses das empresas alemás, que non tiña en conta o curso futuro das relacións entre os Estados Unidos e Rusia ao redor de Ucraína.

 A invasión rusa de Ucraína cambiou todo iso e puxo o país no camiño da militarización, chegando mesmo a debaterse abertamente a reintrodución do servizo militar obrigatorio. As misteriosas explosións que inutilizaron o gasoduto Nordstream en outubro de 2022 puxeron fin definitivamente á dependencia económica de Alemaña respecto de Rusia. O Goberno de Scholz participou activamente na escalada en relación a Ucraína, xustificando esta actitude co argumento da compensación pola inxenuidade pasada cara a Vladimir Putin. Con todo, o incremento do prezo das accións de Rheinmetall -o fabricante do carro de combate Leopard- non pode compensar o efecto prexudicial das sancións contra Rusia, que provocaron o colapso das industrias medianas nos últimos dous anos, sobre todo no leste de Alemaña. O recente anuncio de Volkswagen agrava unha situación xa de seu desesperada.

 Nesta difícil situación económica, a xestión da política exterior por parte da ministra dos Verdes, Annalena Baerbock, non fixo senón empeorar as cousas. Prometendo unha “política exterior feminista” antes de asumir o cargo, os Verdes paseáronse polo escenario xeopolítico mundial coa graza dun elefante. Tras o colapso da relación económica con Rusia, as elites que deciden a política exterior parecen aceptar que a competencia con Gran Bretaña polo papel de primeiro lugartenente europeo de Estados Unidos é a única carta a xogar. Mesmo chegan a asumir este papel coa maior arrogancia e falta de reflexión posíbeis; por exemplo, sinalando co dedo e ameazando a China, a segunda economía mundial, polos seus vínculos económicos con Rusia.

 De feito, a política exterior feminista de Baerbock até o momento consistiu en reducir o illamento do Occidente colectivo, impondo sancións a Rusia e vendendo armas á custa dos dereitos humanos a países como Turquía e Arabia Saudita. E o que é máis significativo, o decidido apoio diplomático e militar de Alemaña ao réxime israelí, que está a cometer un xenocidio contra o pobo de Gaza mentres estende a súa guerra de aniquilación ao Líbano, marcou o colapso final do poder brando alemán, coas fundacións políticas dos partidos alemáns e o Instituto Goethe [o equivalente á rede de Institutos franceses no estranxeiro] converténdose no obxectivo das campañas de boicot nos países do Sur.

Fascistas á espreita

 A desindustrialización e a sensación de afundimento do prestixio nacional foron ingredientes clásicos do fortalecemento das forzas fascistas, así como das que achandan o camiño ao fascismo; e a Alemaña de 2024 non é, en absoluto, unha excepción. Con todo, non hai nada de irresistíbel no ascenso electoral da AfD [Alternativa para Alemaña], que agora conta con case o 20% das intencións de voto en todo o país,  cunha fracción de nazis de liña dura no seu interior, cuxo peso é cada vez maior. Adoptando demagoxicamente unha postura antibelicista sobre Ucraína, a AfD é a versión alemá da política trumpista; articula un antagonismo político entre o pobo, ao que di representar, e a elite economicamente incompetente, inmersa na política woke e o politicamente correcto.

 Resulta alarmante que a AfD se introducise de forma significativa entre a clase traballadora, sobre todo no leste de Alemaña, aínda que non só neste país, reflectindo unha evolución similar en Francia e os Estados Unidos. Segundo as enquisas das recentes eleccións rexionais, o racismo e a crenza de que a inmigración é o principal problema ao que se enfronta Alemaña son as principais motivacións dos votantes da AfD, mentres que a súa postura pseudopacifista sobre Ucraína desempeña un papel secundario.

 Con todo, o Goberno dirixido por Olaf Scholz fixo todo o posíbel por lexitimar os principais argumentos da AfD. Tras o xenocidio en curso do pobo palestino por parte de Israel a finais de 2023, Scholz falou publicamente da necesidade de deportar masivamente a posíbeis antisemitas, neste caso presumibelmente dirixido á mocidade alemá de clase traballadora de orixe musulmá, naturalmente inclinada, como vítima do racismo, a identificarse co asediado pobo de Gaza. O pallaso ministro de Economía, Robert Habeck [dos Verdes], apareceu en televisión case ao mesmo tempo para lles lembrar ás e os musulmáns alemáns que a súa aceptación como cidadáns con plenos dereitos estaba condicionada a que renunciasen á solidariedade con Palestina.

 Cando, a primeiros 2024, saíron á luz revelacións sobre unha reunión secreta entre altos cargos da AfD e coñecidos neonazis, en que se falaba da emigración de retorno de millóns de persoas, non só inmigrantes, senón tamén alemás con raíces estranxeiras, producíronse manifestacións masivas contra a AfD en todas as grandes cidades. Aínda que a maioría da xente saíu á rúa para expresar un auténtico desgusto coa AfD, os organizadores aseguráronse de que o seu discurso apoiase non só o goberno de Scholz, senón tamén a institucións racistas clave como a policía. A ironía da situación non pasou desapercibida para as e os manifestantes que se solidarizan con Palestina, que tentaron intervir nestas marchas, pero que en moitos casos foron expulsados ao berro de: Esta non é a vosa manifestación! O liberalismo alemán, en particular o dos Verdes, parece cada vez máis unha mestura de políticas racistas e posturas moralizantes.

 O 7 de novembro, o Bundestag [parlamento federal] aprobou unha resolución que pretende combater o antisemitismo, na que o antisemitismo se define case exclusivamente como oposición ao sionismo, e que autoriza a denegar ou retirar o financiamento a investigadores e artistas que expresen o seu apoio aos dereitos palestinos. Esta resolución é un paso máis no camiño cara ao autoritarismo e a redución dos espazos públicos para o pensamento crítico. Elaborouse a porta pecha entre o goberno e a oposición liderada polo CDU, cos deputados queixándose en privado da inmensa presión que exercían sobre eles a embaixada israelí e os grupos de presión. A AfD apoiou con entusiasmo a resolución, mentres que Die Linke, o partido de esquerdas, se abstivo vergoñentamente. Só a BSW [Alianza Sahra Wagenknecht], recente escisión de Die Linke, votou en contra. Significativamente, a AfD parabenizou o seu arquiinimigo, Os Verdes, por recoñeceren finalmente que a principal fonte de antisemitismo na Alemaña actual son as persoas inmigrantes musulmás.

 O crecemento electoral da AfD segue un patrón ben coñecido, segundo o cal os partidos maioritarios tentan conectar coa xente ordinaria adoptando os temas de conversación da extrema dereita, o que outorga a esta última unha maior lexitimidade política. A represión das manifestacións de apoio a Palestina e a cancelación de actos nos que participaban oradores críticos con Israel -moitos deles claramente xudeus- foron factores chave na lexitimación da AfD. A AfD non só é perigosa para a poboación musulmá, tamén está a ter consecuencias cada vez máis preocupantes para a poboación xudía alemá.

 Desde o 7 de outubro, as institucións gobernamentais e as forzas dominantes fixeron todo o posíbel para infundir medo nas comunidades xudías, lembrándolles a cada paso que o seu verdadeiro fogar está noutra parte, nun Estado que está a cometer un xenocidio. Un recente artigo no web do semanario Der Spiegel sobre un atentado frustrado contra a embaixada israelí en Berlín (desde entón suprimido), que se refería a ela como a embaixada xudía, é sintomático deste estado de cousas. Que mellor agasallo para un partido como a AfD, moitos de cuxos líderes defenden unha cosmovisión antisemita proveniente da tradición völkisch alemá, disfrazada tras un apoio demasiado entusiasta a Israel!

Die Linke: un partido invertebrado

 A ausencia dunha alternativa críbel á esquerda é outro factor decisivo no ascenso da extrema dereita. Nas enquisas, Die Linke, o principal partido de esquerda radical de Alemaña desde finais da década de 2000, situouse sistematicamente por baixo do limiar do 5% necesario para entrar no Parlamento federal(1). Queda por ver se será capaz de superar os prognósticos o próximo mes de febreiro e volver ao Bundestag. Dados os seus malos resultados electorais en tres Estados do Leste que outrora se consideraban o seu feudo -Turinxia, Saxonia e Brandeburgo (onde, por primeira vez na súa historia, foi excluído dunha asemblea do Leste)-, o futuro do partido non parece brillante.

 A súa cabeza de lista nas últimas eleccións europeas, Carola Rakete, é unha activista humanitaria con ideas políticas vagas e case inexistentes, que votou a favor de aumentar a axuda militar a Ucraína. O balance da dirección saínte foi unha desfeita, xa que Die Linke non adoptou ningunha posición lexíbel sobre a guerra proxy entre Rusia e a OTAN e cre que a crise do custo da vida non ten nada que ver co aumento das rivalidades interestatais. Os principais representantes da esquerda do partido tardaron varios meses en pedir un cesamento do fogo en Gaza por medo a ser cualificados de antisemitas.

 Agás contadas excepcións, o partido estivo ausente das mobilizacións de apoio a Palestina, e os activistas dos numerosos campamentos de solidariedade que proliferaron nas universidades alemás a primavera pasada votaron maioritariamente a favor de MeRA25, o movemento paneuropeo do ex ministro de Finanzas grego Yanis Varoufakis, que condenou enerxicamente o apoio do goberno alemán a Israel. Unha honrosa excepción á debilidade de Die Linke foi o eurodiputado Özlem Demirel, cuxas posicións sobre Ucraína e Gaza foron inequívocas. Con todo, como di o refrán, a excepción confirma a regra.

 A crecente sensación de que o partido perdeu o contacto cos votantes da clase traballadora desempeñou un papel chave no xurdimento dunha nova dirección no congreso do partido celebrado hai un mes. A anterior parella, formada por Janine Wissler e Martin Schirderwan, anunciou que non se presentaría á reelección, e foi sucedida por Ines Schwerdtner e Jan van Aken. Neste congreso, a esquerda mantívose firme, como demostra a saída do partido dalgúns dos seus dirixentes máis dereitistas e sionistas, que no entanto conservan os seus escanos nos parlamentos rexionais para seguir desestabilizando o partido e chantaxealo desde o exterior.

 A nova dirección tamén se beneficiou da integración en Die Linke de toda a executiva dos Mozos Verdes, que abandonaron colectivamente o seu partido orixinal. En apoio da súa decisión, este grupo citou o fracaso dos Verdes en cuestións de inmigración e medio ambiente, así como o feito de que o partido non defende un modelo económico alternativo ao capitalismo. Non é esaxerado interpretar este cambio como un resultado indirecto da mobilización en apoio de Palestina, en cuxas fileiras hai moitos participantes dos movementos ecoloxistas radicais e antirracistas.

 Con todo, a nova dirección xa fracasou na súa primeira proba ao absterse na mal chamada resolución antisemitismo no Bundestag, supostamente porque un dos deputados máis dereitistas do grupo parlamentario ameazou nunha mensaxe de texto con votar a favor da resolución se o resto do grupo votaba en contra. No primeiro aniversario do 7 de outubro, Schwerdtner tamén emitiu unha declaración na que, aínda que condenaba as accións de Israel, atribuía odio eliminatorio a Hamás, unha terminoloxía sacada directamente do repertorio sionista que afirma que a resistencia palestina é a herdeira das SS. Esta brandura substantiva enmascárase con argucias publicitarias, como o anuncio de Schwerdtner e van Aken de que só recibirán un salario reducido nos seus novos cargos na dirección do partido.

 O máis significativo é que Die Linke iniciou procedementos para expulsar a Ramsis Kilani, activista xermano-palestino e figura destacada do movemento de solidariedade con Palestina, baseándose na mesma mestura de acusacións infundadas, distorsións e tergiversacións utilizadas na caza de bruxas contra Corbyn dentro do Partido Laborista. Isto contrasta fortemente coa indulxencia mostrada co ex Primeiro Ministro de Turinxia, Bodo Ramelow, quen, contravindo as decisións do partido, defendeu o envío de armas a Ucraína.

 Unha cousa é certa: o partido non chegará a ningunha parte se tenta contentar a todo o mundo e, ao final, non contenta a ninguén. Centrarse en cuestións de fin de mes -economicismo disfrazado de volta á clase- e esperar que as divisións ao redor da UE, Ucraína ou Gaza desaparezan por encantamento, que é o que Die Linke estivo facendo durante os últimos dez anos, só pode conducir a resultados desastrosos. É máis, é pura fantasía imaxinar que podemos representar a clase traballadora en toda a súa diversidade evitando o único tema que une a todos os inmigrantes de Alemaña, que é, por suposto, Palestina.

 Se o partido acaba movéndose á esquerda, non será por unha intelixente estratexia interna ideada pola súa á esquerda, senón pola presión concertada de movementos extraparlamentarios que están a desafiar frontalmente, entre outras cousas, a ideoloxía da razón de Estado -o apoio incondicional de Alemaña a Israel-.

O partido de Wagenknecht non é unha alternativa

O progreso electoral da BSW (Alianza Sahra Wagenknecht), o partido nacionalsoberanista dirixido pola antiga portavoz de Die Linke no Bundestag, non axudou a Die Linke a resolver as súas dificultades. O BSW erosionou a súa base electoral, sobre todo entre as e os pensionistas, nas tres últimas eleccións no leste de Alemaña. Segundo as sondaxes, a súa postura contra a guerra en Ucraína foi un dos factores máis importantes para votala, postura confirmada pola súa oposición ao estacionamento de novos mísiles nucleares estadounidenses de alcance intermedio en Alemaña.

 Desde 2015, Wagenknecht cuestionou o apoio de Die Linke ás persoas migrantes, argumentando que o partido está a perder o apoio da clase traballadora debido a estas posicións. Presentou o seu enfoque como a forma máis eficaz de reducir o atractivo da AfD, chegando mesmo a atacar as xa draconianas políticas de asilo do Goberno de dereitas. Con todo, os resultados das recentes eleccións rexionais parecen indicar o contrario. O BSW non debilitou a AfD, senón a Die Linke. Significa isto que Wagenknecht errou?

 A resposta é si e non. A líder do BSW é certamente perigosa e irresponsábel ao adaptarse de forma oportunista ao clima de xenofobia imperante, e neste punto hai que se opor ferozmente a ela. En canto aos representantes do seu movemento que non comparten necesariamente os seus puntos de vista sobre esta cuestión, hai que lles pedir contas. Non hai nada natural no racismo, unha ideoloxía cultivada por un conxunto de institucións, políticos e medios de comunicación controlados pola clase dominante. Pero iso, desde logo, non absolve a Die Linke.

 BSW parece atopar un nicho como único partido do Parlamento federal (con varios deputados de Die Linke nas súas fileiras) que se opoñen resoltamente ao apoio militar de Alemaña a Israel e Ucraína. A súa oposición á lamentábel resolución sobre o antisemitismo obedece ao desexo de compensar as continuas capitulacións de Die Linke en política exterior. Os activistas palestinos que buscan apoio parlamentario formulando preguntas sobre o fornecemento de armas alemás a Israel afirman atopar unha porta aberta no BSW, mentres que os membros da á esquerda de Die Linke teñen que lidar coas viraxes internas dun partido que tamén ten membros que locen con orgullo camisetas de apoio a Tsahal en mitins antipalestinos.

 A cuestión das e os inmigrantes non é a única problemática para o BSW. Wagenknecht declarou en repetidas ocasións que o seu partido non é de esquerdas porque, na súa opinión, a esquerda se asocia agora coa política da identidade. Aínda que os seus críticos sempre se apresuran a pintar o seu partido como unha lameira de vermellos e pardos, a énfase na política de sentido común cheira máis ao centrismo anterior a 2008, que se ve a si mesmo como o herdeiro do SPD e o CDU [democristiáns], antes de que ambos os partidos derivasen cara á proguerra e as fronteiras abertas, respectivamente. Non é de estrañar que nos Länder do leste, onde obtivo os seus primeiros éxitos electorais, o BSW iniciase negociacións con vistas a formar unha coalición precisamente con estes dous partidos.

 En termos económicos, a ambición do BSW de recoller o facho do pasado de Die Linke como partido de protesta non casa ben coa visión corporativista de Wagenknecht e a súa fetichización do Mittelstand, a Alemaña das pequenas e medianas empresas que adoitan empregar por centos de traballadores e traballadoras. O feito é que o BSW é un partido acosado por graves contradicións políticas, estratéxicas e organizativas.

 Afirma que Die Linke abandonou a clase obreira, á vez que subliña que os capitalistas opostos ao feudalismo económico son benvidos nas súas fileiras. Desenvolve unha retórica antiinmigración, pero con membros electos que levan nomes como Dagdelen, Mohammed Ali, De Masi, Nastic e Hunko, ten probabelmente o equipo dirixente máis diverso. Afirma ser un partido aberto e sen ataduras ideolóxicas, pero é un club exclusivo con rigorosos procedementos de ingreso.

 As contradicións débense en parte a que Wagenknecht segue os preceptos de Ernesto Laclau forxando cadeas de equivalencia discursivas, que articulan posicións opostas sobre unha serie de cuestións, algunhas progresistas, outras reaccionarias, e que lle permiten aparecer como a encarnación da vontade popular. Con todo, trátase dunha política totalmente reactiva que, en última instancia, se verá obrigada a elixir bando, esquerda ou dereita, se quere seguir sendo eficaz. Este foi o caso de Podemos no Estado español e de La France Insoumise, que comezaron sobre bases similares, nin de esquerdas nin de dereitas.

 A esquerda radical faría ben en tomar en serio estas contradicións para aproveitalas. Ver o BSW exclusivamente a través do prisma das súas posicións socialchovinistas en relación ás persoas migrantes, que á súa vez son afíns ás da socialdemocracia danesa gobernante, é bastante erróneo. Cunha nova presidencia de Trump no horizonte, aumentará a presión sobre a esquerda para que volva caer nunha fronte unida contra o racismo abstracto: “esquécete de Gaza, temos un presidente estadounidense racista que agora está controlado polo Kremlin e que difunde desinformación a través dos populistas”. A posición que ve o BSW exclusivamente como unha escisión de dereitas de Die Linke está completamente indefensa ante semellante chantaxe. Estas forzas supostamente antirracistas, en particular os Verdes, non teñen nada que ofrecer a quen é confrontado diariamente ao racismo en Alemaña, mais que deportacións, empobrecemento e apoio ao xenocidio en Palestina. Son irrecuperábeis.

 En realidade, o BSW é un reflexo invertido da deriva de Die Linke cara a un socialiberalismo anódino. En ambos os partidos hai persoas con instintos xenuinamente esquerdistas, así como oportunistas de todo tipo. En lugar de proclamar a calquera destas dúas formacións como a solución, unha mellor estratexia nestes momentos sería ampliar e desenvolver o movemento de solidariedade con Palestina, que é agora a vangarda da política progresista de oposición en Alemaña. A pesar de ser marxinado pola maioría dos partidos políticos e a burocracia sindical, o movemento demostrou ser resistente, efervescente e extremadamente diverso. Converteuse no nexo de todas as loitas serias contra o racismo, incluído o antisemitismo, o imperialismo e o militarismo, o ecocidio e, por suposto, o xenocidio en Palestina.

 Ademais, a esquerda debe pronunciarse contra os crecentes perigos da escalada nuclear sobre Ucraína. Perigos que rexurdiron co agasallo de despedida de Joe Biden a Zelensky, autorizando o uso de mísiles estadounidenses de longo alcance contra obxectivos no corazón de Rusia. Por último, calquera esquerda que aspire a ser hexemónica terá que falar dos efectos nocivos da desindustrialización en lugar de se limitar a proclamar en abstracto que a solución está na loita de clases. Isto é certo en moitos aspectos, pero en si mesmo non abondará para reducir o atractivo da AfD.

 A esquerda necesita ser vista e recoñecida como a forza que máis se opón ao statu quo, algo que o dobregamento de Die Linke ante o público liberal e a compracencia do BSW cara ao sentimento antiinmigración dominante desbotan desde o principio.

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) Nas eleccións federais de 2021, Die Linke obtivo o 4,89% dos votos. Só puido entrar no Bundestag ao gañar tres mandatos directos nos Länder orientais, o que, en virtude dunha complexa lei electoral, lle permite eludir o limiar do 5%. Nas eleccións europeas do pasado maio, obtivo o 2,76%, mentres que o partido BSW de Sahra Wagenknecht obtivo o 6,17%.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 6 de decembro de 2024]