O levantamento palestino envía unha advertencia: a época da hipocrisía terminou

Sergio Carraro - 09 Out 2023

Na cuestión palestina é hora de asumir compromisos substanciais no recoñecemento dos seus dereitos históricos e actuais. A insurrección palestina, aínda que con características similares mais diferentes ás dunha guerra convencional, puxo o problema sobre a mesa, incluíndo o risco de desencadear un conflito rexional de dimensións sen precedentes

 O 7 de outubro, o mundo espertou coa noticia dun levantamento real e ben coordinado do pobo palestino que tomou completamente por sorpresa o mito do aparello de seguridade e espionaxe israelí e demoleuno. Mais tamén tomou por sorpresa o resto do mundo, tanto os máis hostís como os máis sensíbeis á causa palestina.

 O goberno israelí, os medios de comunicación e as chancelarías occidentais, os únicos que unha vez máis se poñen do lado de Israel, falaron de guerra. Algúns aspectos da acción militar palestina son indubidabelmente de natureza bélica, mais o contexto parece máis o dun levantamento popular contra unha ocupación israelí brutal que dura décadas que o dunha guerra entre exércitos convencionais.

 A guerra entre palestinos e israelís nunca foi simétrica. A desproporción de forzas sempre foi moi grave, o número de vítimas civís sempre foi asimétrico en detrimento de os palestinos.

 A actitude da chamada comunidade internacional –con demasiada frecuencia limitada aos Estados Unidos e á Unión Europea- nunca foi equidistante ou simétrica entre as razóns dos palestinos e as supostas «razóns» de Israel. Pola contra, Occidente recorreu sistematicamente a «dobres estándares», liquidando todos os compromisos formais asumidos durante décadas polas Nacións Unidas co pobo palestino e apoiando exclusiva e obsesivamente a supremacía da seguridade e a expansión colonial israelí.

 Só a miopía occidental e a arrogancia israelí poderían crer que esta arbitrariedade, repetida durante décadas, tarde ou cedo non podería ter repercusións.

 A Resistencia Palestina utilizou de maneira emblemática a data do cincuentenario da Guerra de Yom Kippur (1973) para desencadear un levantamento popular en Gaza, Cisxordania e nos Territorios Palestinos ocupados desde 1948.

 O ano 1973 marcou un fito na historia do mundo capitalista occidental e os seus satélites. A guerra lóstrego dalgúns países árabes contra Israel prevaleceu na primeira fase, pero logo foi derrotada grazas ao apoio militar estadounidense ás forzas armadas israelís. Testemuños, como o do xeneral e político israelí Moshe Dayan, afirmaron que Israel estaba disposto a recorrer ás súas armas nucleares almacenadas no emprazamento de Dimona para deter a ofensiva militar de Siria e Exipto.

 Mais ante o apoio occidental e europeo a Israel, os países árabes produtores de petróleo declararon un embargo sobre as exportacións en 1973, desencadeando a crise económica máis profunda do capitalismo occidental, da que -en esencia- nunca se recuperou a pesar da contraofensiva liberal lanzada desde entón, os anos 80.

 Cincuenta anos despois, as organizacións da Resistencia Palestina, tras tres décadas de masacres, ocupación militar, opresión colonial, bombardeos devastadores e un número de mortos que faría palidecer a calquera persoa sensata, deron orixe ao terceiro levantamento tras as dúas Intifadas anteriores (finais dos anos 1980 e principios da década de 2000).

 A pesar da omnipresencia da espionaxe e a intelixencia israelís, a pesar da brutalidade das incursións militares contra as comunidades palestinas en Gaza e Cisxordania, a pesar do asfixiante control militar israelí, os palestinos tomaron por sorpresa a todos os aparellos de Israel cunha acción militar coordinada que demoleu o mito de invencibilidade e a obsesión pola seguridade do estado sionista.

 Os palestinos en Gaza, en Cisxordania, en Xerusalén, nos Territorios ocupados desde 1948 e nos campos de refuxiados da diáspora saben moi ben que a reacción militar israelí será moi violenta e, moi probabelmente, o tiveron en conta, antes de actuar.

 Desde hai anos os palestinos levan berrando ao mundo que a única maneira de existir e que se lles recoñezan os seus dereitos como nación é resistindo. Fixérono pacificamente cos Somud, fixérono militarmente con Al Mukawama, fixérono con pedras e con marchas pacíficas tiroteadas por francotiradores israelís, pagando un prezo en vidas humanas, prisioneiros, mutilados que poucos pobos pagaron na historia dos conflitos.

 Agora o mundo experimentou un duro espertar e a chamada «comunidade internacional» terá que dicir e facer moito máis que declaracións que agochan a súa complicidade co Estado de Israel. Incluso a esquerda italiana e europea deberían deixar de tatexar banalidades e clixés obsoletos sobre a cuestión palestina.

 O mundo cambiou rapidamente nos dous últimos anos. A dobre vara de medir utilizada polos Estados Unidos e a UE para actuar nas relacións internacionais volveuse insoportábel para gran parte do planeta.

 Por iso, na cuestión palestina é hora de asumir compromisos substanciais no recoñecemento dos seus dereitos históricos e actuais. A insurrección palestina, aínda que con características similares mais diferentes ás dunha guerra convencional, puxo o problema sobre a mesa, incluíndo o risco de desencadear un conflito rexional de dimensións sen precedentes.

 O levantamento palestino enviou unha advertencia tanto ás autoridades israelís como ao mundo árabe, a Estados Unidos e a Europa. A época da hipocrisía definitivamente terminou.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 8 de outubro de 2023]