O lawfare en América Latina: guerra contra a política
Os últimos acontecementos rexionais volven poñer en evidencia a actualidade e a eficacia da guerra política por vía xudicial. Que é o lawfare? Quen son os seus actores protagónicos? Que incidencia teñen nel os Estados Unidos?
América Latina é hoxe, máis que nunca, un espazo en disputa. Parte da conflitividade e das tensións políticas buscan ser dirimidas no campo do xurídico. O lawfare, inicialmente asociado a unha «guerra contra a corrupción», ampliouse até alcanzar procesos electorais e aparellos financeiros, incluíndo por momentos a axenda de loita contra o narcotráfico e o terrorismo. Trátase dun proceso de longo alento que non se restrinxe á instrumentalización do aparello xudicial con fins políticos.
É unha guerra política pola vía xudicial-mediática, con intereses económicos, políticos e xeopolíticos ocultos á opinión pública. Conta con xuíces, corporacións da comunicación, xornalistas e líderes de opinión, policías, embaixadas e axentes de intelixencia (locais e estranxeiros). Caracterízase polo abuso de prisións preventivas, delacións premiadas e veredictos antes do debido proceso xudicial, mediante acoso e desmoralización a través de medios de comunicación. Inclúe violacións de domicilio de locais políticos e de fogares de militantes, persecución e ameaza a familiares, situacións de exilio e refuxio político, manipulación e propagación de medo nos involucrados en determinados procesos políticos (lawfear). Nos últimos anos, estas tácticas foron utilizadas contra varias ducias de líderes ou exfuncionarios e funcionarias de gobernos e de militantes en Arxentina, Ecuador, Brasil, Bolivia, O Salvador, Venezuela, vinculados a gobernos, programas ou proxectos que cuestionan con maior ou menor alcance a ortodoxia neoliberal.
Esta guerra opera «desde arriba», por medio dun aparello xudicial que se «eleva» por riba do Poder Lexislativo e do Executivo, ampliando a marxe de manobra e poder para os xuíces, en detrimento da perda de equilibrio entre poderes, habilitando unha crecente xuristocracia e normalizando en moitos casos a dobre vara de medir da lei. A posición elevada do aparello xudicial e a selectividade nos casos articúlase cun rol protagónico dos medios de comunicación, que operan para a pronta criminalización de sectores ou líderes políticos. Esta dinámica aliméntase con voces de especialistas (moitas provenientes de think tanks estadounidenses) que teñen forza de verdade e eco nos principais medios e redes sociais. É rechamante o rol de axencias de goberno e intereses do sector privado estadounidense involucradas tanto nos procesos xudiciais como nos resultados e eventos posteriores a estes, que mostran a instrumentalización do aparello xudicial-mediático a favor de obxectivos económicos, políticos e xeopolíticos foráneos, que comparten intereses e negocios con minorías privilexiadas locais.
O proceso de lawfare non se limita á persecución contra partidos políticos e sectores vinculados ao progresismo, senón que avanza tamén contra a protesta social, exacerbando a criminalización da militancia e a política, nunha aposta por salvar ou fortalecer o neoliberalismo, a tecnificación da política, a despolitización do Estado e o reforzamento dos seus aparellos represivos.
Ante estes procesos, e considerando a conxuntura de disputa actual, o seguinte texto presenta, nunha primeira parte, o contexto rexional e xeopolítico onde se produce o lawfare, así como os antecedentes desta estratexia de desestabilización e criminalización da política, poñendo especial atención no rol dos EUA. Nunha segunda parte, preséntanse casos específicos que dan conta do modo en que opera o lawfare: os actores, intereses e dinámicas implicadas.
O lawfare en América Latina hoxe e os seus antecedentes
Os gobernos progresistas, con diversos matices e diferenzas, caracterizáronse por unha demanda da soberanía económica, política, territorial e cultural, poñendo en evidencia e cuestionando as asimetrías e desvantaxes impostas polo sistema internacional neoliberal aos países periféricos en termos políticos, económicos e de seguridade (Szalkowicz e Solanas, 2017; Serrano Mancilla, 2015; Pinheiro Guimarães, 2004).
A partir do golpe de estado en Venezuela en 2002, cobraron materialidade e maior visibilidade as tensións entre estes procesos de cambio e as directrices políticas, económicas e de seguridade estabelecidas polo goberno e o sector privado de Estados Unidos, que comprende a América Latina como territorio propio ou parte «natural» da súa esfera de influencia. Despregáronse diversas ferramentas de poder duro e brando plasmadas en procesos de desestabilización e intentos deliberados de golpes de estado (algúns exitosos, outros truncados): golpe cívico-militar, golpe parlamentario, golpe mediático, guerra psicolóxica, guerra híbrida, co obxectivo de deslexitimar, desmoralizar e en última instancia expulsar da política estas experiencias e o seu legado (Roitman, 2017; Borón, 2012; Allard e Golinger, 2009).
O lawfare, porén, non é produto único e orixinal dos intereses foráneos. As dereitas e as minorías privilexiadas de América Latina son o elo fundamental para que poida operar con éxito. Noutras palabras, eses intereses entendidos como «foráneos», en realidade, son compartidos por sectores políticos que son submisos cara a fóra, pero que a nivel nacional e local operan como clase dominante (Fernandes, 2008).
En efecto, o anticomunismo e a contrainsurxencia (que mudaron para identificar a calquera grupo/sector político do ámbito da esquerda que se defina e opere como oposto á orde instituída), non son produtos necesariamente importados, senón que foron promovidos desde cedo polas clases dominantes locais (García Ferreira e Taracena Arriola, 2017), vinculados a un proceso de dependencia material e ideolóxica fronte ás elites dos países centrais. Esta dependencia adquire unha legalidade e sistematicidade a partir da orde internacional articulada na posguerra (1944-1945) onde tamén se institúe, legaliza e lexitima o sistema de relacións centro-periferia (Pinheiro Guimarães, 2004), nun esquema de crecente polarización entre capitalismo («Occidente») vs. comunismo («Oriente») (Said, 2004), a través dunha serie de organismos, financiamentos e vínculos que marcaron a presenza dos EUA en América Latina.
Os EUA e a guerra política polos corazóns e as mentes en América Latina
Despois da Segunda Guerra Mundial, os EUA lanzáronse a liderar o proceso de reorganización da orde mundial occidental. As principais institucións internacionais, desde a Organización das Nacións Unidas (ONU), até o Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio (GATT) e o Fondo Monetario Internacional (FMI) formaron parte da proxección dos intereses dos EUA a nivel internacional, en particular aqueles asociados á expansión dunha economía ancorada nun vasto complexo industrial militar. No marco das crecentes tensións coa Unión Soviética, foise organizando o terreo xeopolítico para un enfrontamento indirecto permanente, cualificado de Guerra Fría. América Latina, na esfera de influencia dos EUA, tivo o seu rol como fornecedora de recursos estratéxicos e materias primas, así como de receptora no mercado de asistencia para o desenvolvemento e a seguridade impulsado desde alí. Os procesos emancipadores, que reivindicaban a soberanía e a autodeterminación, o nacionalismo e o antiimperialismo de posguerra, foron percibidos como unha ameaza, asociados inmediatamente a un inminente avance do comunismo na rexión (González Casanova, 1979). Nese contexto, asináronse o Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (1947) e a Carta da Organización dos Estados Americanos (1948), para garantir unha «América para os americanos».
No marco da contención do comunismo desenvolvéronse a guerra política e a guerra psicolóxica, nunha loita polos «corazóns e as mentes», que incidiu na doutrina de seguridade hemisférica. A pesar de se centrar en actividades de comunicación e diplomacia pública, incluíu tamén operacións encubertas. Segundo documentos no seu momento secretos, estas operacións implicaban: actividades realizadas ou financiadas por este goberno [EUA] contra Estados ou grupos estranxeiros hostís, ou a favor de Estados aliados, que se planean e executan de xeito tal que o goberno estadounidense non aparece como responsábel, co fin de se poder desentender de tales feitos e persoas. “[Incluía] propaganda, guerra económica […] asistencia a movementos insurxentes, guerrillas e grupos de refuxiados, así como o apoio a grupos anticomunistas locais en países que estean ameazados polo comunismo no mundo libre” (FRUS 1945–1950, Doc. 274, subliñado da autora).
En canto á guerra política, paraugas baixo o cal operaba a guerra psicolóxica, era por definición «a continuación da guerra por outros medios» e abranguía desde accións abertas como alianzas políticas, medidas económicas, e propaganda, até accións encubertas e apoio clandestino a socios ou amigos noutros países, guerra psicolóxica, así como o apoio e incentivo de resistencia de base en países inimigos (FRUS, 1948).
Neste escenario, o anticomunismo constituíu un dos eixos ordenadores e lexitimadores da reprodución ideolóxica e a xustificación a nivel nacional e internacional, das intervencións dos EUA durante a Guerra Fría (Chomsky e Herman, 1979). Unha división entre «nós» e «eles», entre «nós» e o «inimigo», que foi mudando a outras formas de nomealo, mesmo despois da implosión da Unión Soviética: «eixo do mal», «réximes non democráticos» ou «autoritarios», «Estados falidos», «Estados terroristas» (Chomsky e Herman, 2000).
Como resultado da doutrina anticomunista, materializada en políticas contrainsurxentes operadas polos gobernos locais, apoiados en maior ou menor medida polos EUA, levouse a cabo o golpe contra Jacobo Arbenz (1954) (Cullather, 2002); a desarticulación da Revolución Boliviana de 1952 (Field, 2016); o permanente asedio á Revolución Cubana; o golpe contra João Goulart en Brasil en 1964 (Romano, 2013); o golpe contra Salvador Allende en 1973; e a guerra en Centroamérica (Tapia Valdés, 1980; Bermúdez, 1987). Estes gobernos ou sectores políticos non estaban necesariamente vinculados ao comunismo, mais foron derrocados ou destituídos por medio da articulación de ferramentas de «poder brando», como a asistencia para o desenvolvemento, incluíndo reformas institucionais a nivel estatal ou local, sumadas á asistencia para a seguridade, incluíndo adestramento de parte das FF.AA. e policías locais en contrainsurxencia (Romano, 2013).
Na actualidade, un dos nexos con estes procesos de Guerra Fría, é a reivindicación da «guerra política» como alternativa máis conveniente para recuperar a hexemonía decadente dos EUA fronte a China (Rand Corporation, 2012). En efecto, os seus intelectuais recomendan reforzar medidas de «poder brando»: guerra psicolóxica, sancións económicas e presión diplomática. Precisamente o lawfare, o uso da lei como unha arma, é unha das ferramentas e compoñentes desa guerra política, que ao se combinar ou actuar en paralelo a estratexias de guerra psicolóxica, sumadas á posibilidade do uso de forza, compón as guerras híbridas (Romano, Tirado e García Sojo, 2019; Korybko, 2019).
O lawfare como «poder brando» na actualidade
É por iso polo que cómpre considerar a noción de «poder brando», tal como é concibida desde o establishment liberal estadounidense: unha maneira de lograr que os outros fagan o que eu quero, sen recorrer necesariamente ao uso da forza (Nye, 2004). Por definición, cualifícase o lawfare como unha guerra «por outros medios», neste caso, pola vía legal. Enténdese que dirimir a batalla nos tribunais nacionais e internacionais é menos violento e «máis xusto» (Dunlap, 2009). É unha estratexia típica de gobernos demócratas (aínda que non exclusivamente utilizada por eles), que fai parecer como «brando» algo que en realidade implica a posibilidade do uso da forza; fai aparecer como «legal» accións orientadas a crebar a legalidade, incluída a desestabilización de gobernos electos por medio da presión económica, diplomática, etcétera.
Así, o lawfare, como ferramenta de «poder brando», combínase e opera con outras ferramentas propias da guerra psicolóxica e política, entre elas a asistencia para o desenvolvemento. Esta asistencia forma parte das estratexias de lexitimación da expansión do capital monopólico estadounidense despois da Segunda Guerra Mundial. O Punto IV de Truman (1949) é un exemplo, sendo o máis ilustrativo a Alianza para o Progreso e os diversos programas da AID (hoxe USAID) a partir dos anos sesenta. Esta tiña por obxectivo contribuír ao desenvolvemento dos países do continente, en clave de «modernización» da infraestrutura, acceso a saúde, educación, incluso o sistema de cultivos (traducido na «revolución verde» para mellorar o rendemento e favorecer a produción en escala) (Delgado e Romano, 2013). Tamén se caracterizou por articular os programas de asistencia económicos e técnicos coa asistencia militar e policial nun contexto de crecente guerra contrainsurxente, «anticomunista», para obstaculizar, erradicar, etc., calquera experiencia político-económica que cuestionase os valores ou interferise nos intereses das potencias occidentais, lideradas polos EUA en plena Guerra Fría (Romano, 2017).
A asistencia para o desenvolvemento tivo maior protagonismo, porén, a partir do oitenta, cando se estendeu a través de organismos multilaterais para «rescatar» a maioría dos Estados latinoamericanos, afectados pola crise das commodities e o endebedamento xerado polo fluxo de petrodólares nos anos setenta. Este proceso tivo como protagonisas ás Institucións Financeiras Internacionais (IFI), como o Banco Mundial (BM) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), que organizaron a neoliberalización das economías, retomando as premisas dos Chicago Boys impartidas á calor do golpe de estado contra Salvador Allende en Chile (Harvey, 2007) e cumprindo os designios da Comisión Trilateral conformada a inicios da década de 1970.
Esta asistencia promove determinadas liñas económicas (e políticas) (Romano, 2018). Tamén se aplicou para tentar «modernizar» os aparellos xurídicos. Isto materialízase en proxectos de modernización, actualización e formación de recursos humanos, que implican exportación de doutrinas, marcos de avaliación, programas de estudos, que nalgunhas conxunturas redefinen directrices políticas e económicas (Borón, Tirado, Lajtman, García Fernández e Romano, 2019; Pásara, 2012; Hammergren, 2007), pasando o seu impacto máis aló do ámbito xurídico.
En 1983, o Departamento de Estado creou un grupo de traballo «interaxencia» para atender a administración da xustiza en América Latina (Pásara, 2012). As axencias do Estado estadounidense articularon coas IFI en diversos aspectos das reformas dos Estados. O BID dispuxo aproximadamente 1,2 mil millóns de dólares entre 1992 e 2011 para a reforma xudicial, en forma de empréstito (endebedamento do Estado) (Pásara, 2012: 4). En xeral, a USAID prefire advertir que o apoio ás reformas xurídicas se centrou en cuestións «técnicas» en lugar de «políticas», evitando aspectos contextuais que afectan profundamente o funcionamento dos sistemas xurídicos. Do mesmo xeito que a USAID, o BID inclínase pola asesoría «despolitizada», orientando o apoio a computadoras e edificios de oficinas (Pásara, 2012: 11).
Desde o punto de vista das axencias involucradas nesta asistencia: «a reforma xudicial foi longamente considerada como un prerrequisito para a consolidación da democracia e para o desenvolvemento sustentábel en América Latina. Moitos países da rexión chegaron á última década do século XX con institucións xurídicas ineficientes e politicamente vulnerábeis (De Shazo e Vargas, 2006).
Con todo, hai varios aspectos que están asociados a estas reformas vía asistencia: o primeiro é o de empréstitos que endebedan os Estados; o segundo é a intervención política disfrazada de asesoría técnica; o terceiro, a naturalización da asistencia e a asesoría como algo necesario e bo en si mesmo (coa contraportada: o vínculo de dependencia que xera) (Romano, 2020). Do mesmo xeito que no plano económico, existe desde o goberno estadounidense unha tendencia a estandarizar os aparellos xurídicos de acordo ás necesidades e percepcións sobre o bo funcionamento da lei, ou ao seu uso máis correcto, especialmente forxado ao redor da loita contra a corrupción.
Cómpre engadir que é tamén desde aqueles anos que se foi acuñando o relato da «corrupción» como un mal propio (inevitábel) do público e do Estado. Esta corrupción debe ser extirpada do Estado apelando entón ás «boas prácticas» do sector privado (eficiencia e transparencia) para desprazar a «lóxica» do público, asociada ao malgaste e á mala xestión dos «políticos» (ler: militantes, funcionarios con traxectoria en partidos políticos), apostando á formación de técnicos (supostamente apolíticos) (Romano e Díaz Parra, 2018). Este antecedente explica, en parte, o feito de que a persecución xudicial se exacerbase contra funcionarios de gobernos que propiciaron a intervención do Estado en materia económico-social a favor das maiorías, ensanchando o Estado e revalorizando o público.
[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 6 de decembro de 2022]