O Junior’s despide ás traballadoras que denunciaron impagos, atrasos e irregularidades

CIG-Ensino denuncia “represión sindical” e convoca unha concentración mañá no centro
Compostela - 13 Feb 2019

A dirección do colexio Junior’s comunicou este martes o cese a catro traballadoras, todas elas afiliadas á CIG e que denunciaron a situación de impagos, retrasos e irregularidades contractuais. A CIG-Ensino denuncia que, con esta decisión os propietarios do colexio pretenden, “non só impedir que a central sindical teña representación para esixir que se paguen os salarios atrasados e se cumpla a lexislación laboral, senón tamén amedrentar o resto do persoal para que non denuncie a situación”.

No día de onte foron despedidas catro traballadoras do colexio Junior´s entre as que se atopa a administrativa, con máis de 22 anos de antigüidade na empresa, e que ía ser a candidata da CIG-Ensino nas vindeiras eleccións a delegada de centro.

Esta traballadora, que exercía labores administrativas, de secretaría e de atención ao alumnado no servizo de madrugadores, tiña contrato como gobernanta, o cal xa supón unha contratación irregular, e conta cunha ampla traxectoria na empresa, na que conviviu con tres propietarios diferentes.

“Absolutas falacias”

Na carta de despedimento queda constancia de que os argumentos dados polo empresa son, para a CIG-Ensino, “absolutas falacias” e que esta decisión, ao igual que a de prescindir doutras tres traballadoras, responde a represalias de índole sindical.

De feito, o 25 de xaneiro, o propio Diego Rosales recriminoulle por teléfono que se presentara de candidata pola CIG. Ademais, as outras tres persoas afectadas tamén son afiliadas a esta central sindical e formaron parte do grupo de traballadoras que denunciaron publicamente o 28 de xaneiro as irregularidades contractuais, os despedimentos e os impagos que se veñen producindo no centro no último ano.

As outras traballadoras despedidas son a celadora, vinculada ao Junior´s desde o ano 2009 ou ben mediante contratas ou mediante subrogación e á que desde a súa incorporación en decembro, tras do permiso por maternidade, non lle tiñan asignada ningunha función no seu posto de traballo.

Igualmente foille comunicado o despedimento a dúas traballadoras da limpeza, unha delas con máis de 12 anos de traxectoria e a outra contratada desde o ano pasado pero á que lle aplicaron unha cláusula de descolgue salarial totalmente ilegal. “A falta de rigor absoluto na xestión do administrador pode contrastarse no contido das cartas de despedimento destas dúas traballadoras que son totalmente idénticas, sen nin sequera variar unha coma, cando a súa situación laboral e de vinculación coa empresa é diferente”, afirma a CIG-Ensino.

Reclamación de nulidade e readmisión

Desde a central sindical, o seu responsábel comarcal, Rubén F. Monteagudo, puxo en coñecemento da inspección laboral esta situación e xa deu instrucións ao servizo xurídico do sindicato para iniciar os trámites de denuncia para reclamar a nulidade dos despedimentos e a readmisión destas traballadoras. “Está claro –en palabras de Monteagudo- que esta decisión responde a unha persecución directa por parte de Diego Rosales a quen deu a cara denunciando a situación no centro e pretende que o persoal que aínda está traballando teña medo a dar un paso adiante para optar á representación sindical e a seguir denunciando as irregularidades laborais que se produciron desde o inicio da súa xestión”.

Mobilizacións

A CIG-Ensino ten previsto convocar unha mobilización en defensa da readmisión do persoal e para reclamar que se paguen os salarios adebedados. A concentración será mañá ás 11 horas diante do centro educativo.

Así mesmo, pretende tamén informar ás familias do alumnado da situación lamentábel que se está producindo no colexio e denunciar a hipocrisía dunha empresa/institución que supostamente di representar uns valores humanistas e que o que fai é conculcar sistematicamente os dereitos do seu cadro de persoal.