O IX Congreso da CIG-Construción reelixe a Plácido Valencia como secretario nacional

No proceso celebrado este sábado en Compostela renovouse a Executiva federal e fixáronse as liñas de acción sindical para os próximos anos
Nacional - 22 Nov 2025

O IX Congreso da Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG reelixiu este sábado a Plácido Valencia como novo secretario nacional con 54 votos a favor e 18 en branco. No proceso, celebrado no edificio Cersia de Santiago de Compostela baixo o lema ‘Nós construímos, nós decidimos!’ e no que participaron arredor de 80 persoas, tamén se renovou a Executiva federal e aprobáronse o Informe de Xestión e o Relatorio de Organización, documentos que establecen as principais liñas de traballo que orientarán a acción sindical da FCM nos vindeiros catro anos.

Executiva Federal e representantes no Consello Confederal

A Executiva Federal, á que concorreu unha única lista como no caso da Secretaría Nacional, sumou 72 apoios, e queda conformada deste xeito:

  • Plácido Valencia Rodríguez.

  • Eduardo Sebio Molguero.

  • Marcos Sánchez Branco.

  • Xulio Vicente González.

  • Melanie Arias Puccio.

  • Mario Maceiras Dosil.

  • Lara Fernández Lorenzo.

  • Alfonso Losada Rodríguez.

  • Javier Iglesias Valiñas.

  • Francisco Xabier Espasandín García.

  • Jesús Antonio Varela Campos.

Para o Consello Confederal resultaron elixidas as seguintes persoas, con 71 votos a favor e 1 abstención:

  • Plácido Valencia Rodríguez.

  • Eduardo Sebio Molguero.

  • Lara Fernández Lorenzo.

  • Marcos Sánchez Branco.

Pasar da resistencia á ofensiva

No acto de clausura tomou a palabra o secretario nacional, Plácido Valencia, que repasou as dificultades que enfrontou a FCM no anterior período, marcado pola intensificación da negociación colectiva e da mobilización nun sector caracterizado pola inestabilidade, eventualidade e abuso de contratas e pola dureza dun contexto socioeconómico que abafa a clase traballadora “mentres a patronal e a Xunta seguen a aplicar políticas e a tomar decisións que perpetúan a precariedade”.

Fronte a esta ofensiva empresarial e política a federación respondeu con campañas, denuncias e organización nos centros de traballo “porque non renunciamos á nosa identidade: loita, mobilización e negociación a partir da forza da afiliación, e defensa dunha Galiza con dereito a decidir, tamén no eido laboral”.

Polo que incidiu na necesidade de seguir reforzando o proxecto sindical que representa a CIG, “con máis persoas delegadas activas, máis referentes nos centros de traballo, máis militancia formada e consciente. Porque o sindicalismo non é un servizo: é unha ferramenta de transformación colectiva”.

Ao mesmo tempo, adiantou o eixo estratéxico que definirá a acción sindical da FCM no futuro inmediato, é que non é outro que pular na conquista dun marco galego de negociación colectiva. “O sector da construción galega non pode depender de decisións que se toman en Madrid por organizacións que nin coñecen a nosa realidade nin defenden os nosos intereses. A estrutura empresarial galega é distinta, o territorio é distinto, a capacidade produtiva é distinta. E se queremos salarios dignos, xornadas xustas, seguridade real e un reparto xusto da riqueza, necesitamos un marco propio”.

Lembrou que o anterior período caracterizouse, en moitos momentos, pola resistencia. “Resistimos a crise, a precariedade e a imposición estatal enfrontándonos en solitario á patronal e aos sindicatos estatais”. Polo que anunciou a apertura dunha nova etapa na que a FCM vai pasar á ofensiva.

“Queremos máis afiliación, máis presenza nas obras, máis mobilización, máis acción pública, máis comunicación e máis organización. Queremos que cada conflito laboral en Galiza teña detrás a nosa federación como referencia de loita, firmeza e combatividade. E queremos deixar moi claro algo, non imos permitir retrocesos, nin pactos á baixa, nin rendicións silenciosas. Se algo demostramos nestes anos é que, por moi difícil que sexa o camiño, a clase traballadora galega responde cando hai un proxecto claro, coherente e combativo”.

O sindicato como ferramenta da contrapoder

O secretario nacional da CIG, Paulo Carril, interveu ao remate do Congreso en representación da Executiva Confederal para en primeiro lugar poñer en valor a “histórica” xornada de folga protagonizada polo persoal da construción o pasado 5 de novembro polo que supón de “salto cualitativo” para un sector que se atopaba “paralizado”. Unha iniciativa mobilizadora que rompe unha dinámica de anos e que exemplifica o que é a CIG, o sei modelo sindical: “Non aspiramos a xestionar a realidade, senón a transformala en favor dos intereses da clase traballadora”.

Por iso chamou a intensificar a loita fronte ao actual contexto de carestía da vida e de perda de dereitos, “buscando sempre a confrontación coa patronal, co sindicalismo de conciliación e coas forzas políticas que sustentan os actuais Gobernos do Estado e da Xunta, que están máis preocupadas pola propaganda que por mellorar as condicións de vida e de traballo da maioría social; fonte a isto, temos que seguir conquistando dereitos e mudando a realidade”.

Mais quixo deixar moi claro que para que a CIG continúe a ser unha ferramenta de contrapoder nos centros de traballo e a nivel social “temos que estar cada vez máis e mellor organizados e temos que ser áxiles na nosa acción e atrevidos nas nosas iniciativas”.

Marco galego de negociación colectiva

Na xornada debateuse o Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado con 68 votos a favor e 1 abstención. O documento fai un exhaustivo repaso tanto da situación socioeconómica internacional como da estatal e galega, con especial atención ao impacto sobre os sectores da construción e madeira, nomeadamente no que afecta ao seu persoal.

De feito, pesar dos datos que amosan unha recuperación moderada da construción, a precariedade laboral continúa sendo unha realidade: os contratos temporais manteñen un alto grao de eventualidade, as condicións de traballo seguen a ser deficientes e a explotación de persoas traballadoras estranxeiras é unha constante, con horarios excesivos, incumprimento de dereitos e formación insuficiente en prevención e seguridade.

As recentes reformas laborais, como a modificación do artigo 24 do VI Convenio Xeral do Sector da Construción, teñen máis un carácter formal que real, xa que o chamado “contrato fixo da construción” non resolve a temporalidade nin mellora a estabilidade laboral.

Nos últimos tempos, ademais, a patronal e os sindicatos UGT e CCOO propuxeron a creación dun plan de pensións sectorial para a construción, que pretendería substituír compromisos e dereitos consolidados nas cotizacións á Seguridade Social, así como desviar salarios das persoas traballadoras. “Desde a CIG manifestamos de forma clara a nosa oposición, porque a solución non pasa por desviar recursos para plans privados ou sectoriais que benefician a empresas e fondos financeiros, senón por reforzar o sistema público de pensións”.

Durante este mandato, a FCM intensificou a súa loita pola consecución dun Convenio Galego para a construción, fronte á pretensión patronal de centralizar as negociacións en Madrid e impor condicións laborais precarias. A recente xornada de folga no sector, amplamente secundada, demostrou a forza e a unidade do sindicalismo galego a prol dun marco galego de negociación colectiva que garanta salarios dignos, seguridade laboral e dereitos reais.

En canto ao sector da madeira e forestal-industria, que representa arredor do 12% do emprego industrial do país, incídese na necesidade de seguir a loitar para mellorar as condicións laborais, xa que os baixos salarios e a escasa formación en prevención continúan a ser un problema, polo que a negociación dun convenio galego adaptado ás necesidades do noso territorio debe de ser unha prioridade.

No plano organizativo, saliéntase que os últimos catro anos serviron para recuperar a estabilidade financeira da federación e para consolidala como primeira forza sindical a nivel galego. De igual xeito, neste período experimentouse un crecemento afiliativo sostido e un avance na presenza en sectores e comarcas nas que había marxe de mellora.

Tamén se puxo en marcha o Secretariado Federal, axilizouse a coordinación interna e reforzouse a participación nas estruturas confederais. “A FCM é hoxe máis sólida, está máis cohesionada e ten maior capacidade de resposta”, valórase.

No plano sindical, faise fincapé en que a federación foi quen de dar un salto cualitativo: a campaña polo Convenio Marco Galego da Construción, as mobilizacións en todas as comarcas, a oposición aos plans privados de pensións e a reivindicación dos coeficientes redutores culminaron nun fito histórico: a primeira folga nacional no sector en case medio século.

Combater a precariedade e recuperar dereitos

O Relatorio de Organización, que define as liñas de acción sindical para os vindeiros anos, contabilizou 71 votos a favor e 1 abstención. No texto establécense unha serie de obxectivos estratéxicos da accións sindical para os próximos catro anos, como son promover o marco galego de negociación colectiva, combater a precariedade, recuperar os dereitos arrebatados e o poder adquisitivo perdido e apostar pola formación profesional.

En canto á negociación colectiva, centrarse en reforzar e ampliar o Marco Galego de Relacións Laborais, dotando o sector dun convenio galego propio que teña prevalencia sobre calquera outro, que sirva como ferramenta contra a precariedade, o dumping e a centralización estatal e que se negocie en Galiza por e para o persoal do sector.

Tamén se recollen unha serie de actuacións orientadas a ampliar a presenza das mulleres e a garantir os seus dereitos laborais no sector, afondando na formación adaptada, nos protocolos contra o acoso e a discriminación e nas medidas de conciliación.

De igual xeito, ponse o foco na necesidade de avanzar na organización das persoas traballadoras migrantes, que padecen maiores niveis de explotación con contratos precarios ou falsos autónomos, salarios por debaixo de convenio e pagos en man, xornadas abusivas e incumprimento dos descansos legais, ausencia de formación e de medidas de protección, discriminación laboral e social e chantaxe empresarial.

“Ante isto, a resposta da CIG ten que ser clara: unha soa clase obreira, iguais dereitos para todas as persoas traballadoras; salarios e condicións segundo convenio, sen excepción de orixe ou situación administrativa; formación en prevención e acceso á promoción profesional; e tolerancia cero fronte á discriminación e o racismo”.

Finalmente, incídese tamén na conveniencia de contar con mecanismos de atracción da xente nova ao sector para permitir o relevo xeracional, garantindo ao mesmo tempo condicións laborais dignas e un futuro estábel. Para o que se propón formación sindical adaptada á realidade e á linguaxe da mocidade e involucrar as novas xeracións na defensa dos seus dereitos.