O IV Congreso da FGAMT-CIG reelixe a Dores Martínez como secretaria nacional
O IV Congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG celebrado en Pontevedra este sábado reelixiu a Dores Martínez como secretaria nacional con 110 votos a favor, 5 brancos e 1 nulo. Ademais, durante a sesión que tivo lugar na Facultade de Forestais e na que participou o secretario xeral da central, Paulo Carril, tamén se renovou a Executiva que dirixirá a federación durante os vindeiros catro anos, aprobouse o informe de xestión da dirección saínte e escolléronse os representantes no Consello Confederal.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi o encargado de abrir, tras o saúdo da tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, un encontro que se celebrou baixo o lema 'Organización e loita para avanzar' e no que participaron 118 congresistas. O máximo responsábel da central fixo un repaso polas principais frontes abertas tanto no país como no conxunto do Estado, con especial atención ás últimas políticas regresivas promovidas polo PP, como a Lei de Sanidade ou a de Fomento de Iniciativas Empresariais, mais tamén a problemáticas como a última vaga de incendios ou o proceso soberanista que se está a producir en Catalunya.
Carril amosou o seu desexo de que o IV Congreso da FGAMT sirva para reforzar o proxecto sindical que representa a CIG e para redobrar esforzos na defensa dos dereitos da clase traballadora e chamou a “sermos atrevidos na formulación das nosas alternativas para ampliar a presenza nas empresas e nos centros de traballo e incrementar a nosa capacidade de mobilización e de resposta social”. E todo isto co obxectivo inmediato de lograr a derrogación das últimas reformas laborais e de recuperar os dereitos roubados coa escusa da crise.
Ademais, amosouse moi crítico co que cualificou como “a lacra que representa para a clase traballadora o modelo sindical de pacto social”, fronte ao que renovou o compromiso do modelo sindical que representa a CIG coa defensa dos intereses da maioría social. “Nós non nos entregamos, non nos entregamos”, asegurou. Polo tanto, apostou por afondar no reforzamento do proxecto “para dar unha mellor resposta ao retos que temos por diante e para transformar a resignación e o medo en afiliación e en resposta social, en definitiva, en poder popular”.
Neste senso, indicou que o obxectivo final da CIG é a transformación revolucionaria da realidade social cun fin último: “vivirmos nunha Galiza ceibe e sen explotación”, para o que é necesario contar cun “emprego digno na nosa terra”. Finalmente, amosou a súa satisfacción polo feito de que a central lograse posicionarse como primeira forza do país en número de delegados/as, tras anos sendo a primeira en base afiliativa e en capacidade de mobilización.
Composición da Executiva Federal
A nova Executiva Federal da FGAMT-CIG, á que se presentaron dúas listas e que foi aprobada por 99 votos a favor fronte aos 15 da outra candidatura (que conseguiu un posto) está integrada polas seguintes persoas:
- Mª Dores Martínez Castelo.
- Xesús Pastoriza Santamaría.
- Rosa Abuín Rodríguez.
- Amparo Alonso Sanchís.
- Anxo Padín Domínguez.
- Federico López Castro.
- Inácio Pavón Barbagelata.
Representantes no Consello Confederal
A representación da FGAMT no Consello Confederal da CIG, á que tamén concorreron dúas listas e que saíu adiante por 100 votos a favor fronte aos 16 da outra candidatura (que logrou un representante), queda conformada do seguinte xeito:
- Mª Dores Martínez Castelo.
- Xavier Aboi Pérez.
- Xesús Pastoriza Santamaría.
- Mª Xosé Vizoso González.
- Xesús García Couso.
- Manuel Regueiro Rey.
Informe de Xestión
A continuación, tras aprobarse o regulamento da sesión congresual, debateuse o Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado por unanimidade. No texto sinálase que nos catro anos que transcorreron dende a celebración do anterior Congreso a clase traballadora galega sofreu as peores consecuencias das políticas antisociais iniciadas polo PSOE e rematadas polo PP, <<cun punto de inflexión na aprobación da reforma laboral en febreiro do 2012>>. Políticas que supuxeron -segundo se denuncia- un recorte xeneralizado de dereitos económicos e sociais para a maioría social e que provocaron unha elevadísima destrución e precarización do emprego.
Ademais, a modificación dos procesos de negociación dos ERE, a redución do tempo máximo do período de consultas nas medidas colectivas ou a falta de intervención da Xunta no procedemento dos ERE <<supuxeron atrancos para defendérmonos ante procesos de despido colectivo, ERTE, modificacións substanciais das condicións laborais, recortes salariais, etc.>>. A isto hai que sumar a reforma da negociación colectiva, que posibilita que as patronais acodan ás mesas de negociación amparadas por unha reforma laboral que lles cubre legalmente as costas ante calquera tipo de proposta, <<e cando o convenio non contén cláusula de ultravixencia utilizan esta cuestión como coacción ante a posíbel perda do convenio>>.
A redución na cobertura do Fogasa e na prestación por desemprego son outras das problemáticas que a federación tivo que enforontar neste período, ao igual que os recortes en materia de desemprego coa eliminación do subsidio para maiores de 52 anos e o impedimento do acceso ao subsidio a maiores dos 55 anos ao depender da situación da unidade económica familiar. <<A perda de postos de traballo, a precarización do emprego, a falta de cobertura social de desempregados/as e o recorte no sistema público de pensións foron factores determinantes que acabaron afectando a nosa estrutura federativa e ao conxunto da CIG a distintos niveis: perda de afiliación, diminución da cota como consecuencia da redución salarial e da situación de desemprego, perda de representación sindical por peche ou por redución do cadro de persoal>>.
Gañar en capacidade de resposta
Fronte a isto, a federación levou a cabo modificacións internas para gañar en axilidade e en capacidade de resposta. A primeira delas foi posta en marcha do secretariado, o que permitiu mellorar a coordinación entre as distintas estruturas. <<Este organismo encargouse de deseñar, debater e planificar as medidas para enfrontar os tempos adversos que atravesa a clase traballadora galega e planificar a acción sindical e cada unha das accións encamiñadas a fortalecérmonos como organización e a combater as políticas antisociais aprobadas polo PP>>.
O texto tamén recolle os principais conflitos e negociacións nas que a FGAMT-CIG foi protagonista durante os últimos catros anos. En especial, cítanse as negociacións dos convenios do sector da conserva, Pescanova, transporte de viaxeiros/as por estrada, ambulancias ou Remolcadores de Ferrol (Refesa). Entre os conflitos máis salientábeis no sector da alimentación atópanse os de Freiremar, Frigolouro, Conservas Alonso, Modesto Carrodeguas ou Halago Alimentaria; no de mar destácase a Lei de Acuicultura, os coeficientes redutores da idade de xubilación dos mariñeiros/as, a flota cefalopodeira, o cerco, a estiva ou a Ría do Burgo; no téxtil: Montoto, Confecciones Guerral, Florentino, Téxtil Mendo, Viriato, Grupo Deus ou Treves; no transporte: Sogama, Tranvías Ferrol ou Hermanos Ferrín; e nas telecomunicacións, Telefónica, Vodafone, R Cable ou Orange.
Mención especial merecen os casos de represión sindical, como a condena a tres anos de prisión a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez por participar na folga do transporte en 2008 e que dende hai case catro anos está a motivar unha intensa campaña de mobilizacións para reclamar que se lles conceda un indulto que evite a súa entrada na cadea. Tamén se recollen o despedimento do candidato da FGAMT-CIG ás eleccións sindicais en Remolcadores de Ferrol (Refesa), Transegre, Transportes Calviño, Autocares Ojea ou o sucedido con Nélida Pisco en Autobuses de Calo.
Relatorio de Organización
O relatorio de Organización, no que se definen as prioridades organizativas e de acción sindical que rexerán o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos, saíu adiante tamén por unanimidade. Entre os principais obxectivos que se establecen no documento salientan o reforzamento das estruturas comarcais e da participación da afiliación de cada comarca na acción sindical, especialmente do corpo de delegados/as. Para isto, apóstase por incidir na formación política e ideolóxica dos representantes da CIG nas empresas e na súa participación na vida interna do sindicato, para o que resulta fundamental a labor dos liberados/as.
Tamén se apunta a necesidade de ampliar a base afiliativa da federación, de igual feito que se logrou aumentar a representación nas empresas nestes últimos catro anos con respecto ao período anterior.
Intervención da secretaria nacional
A encargada de pechar o IV Congreso, antes da intepretación do Himno galego, foi a recén reelixida secretaria nacional, Dores Martínez, que fixo fincapé en que “a esperada recuperación de dereitos laborais e sociais usurpados á clase traballadora galega segue a ser un desexo, por moito que dende o Goberno español e e a Xunta se teime en seguir cacarexando que a recuperación económica xa é unha realidade, e por moito que a ese cacarexo se unan os coros das organización sindicais estatais”.
Fronte a isto contrapuxo a vixencia do modelo sindical que representa a FGAMT-CIG, xa que “non é nin moito menos un modelo que chame nin ao conformismo nin á derrota, senón todo o contrario: representamos un modelo sindical que chama á organización da clase traballaora, á loita e á mobilización social como método de defensa dos intereses da maioría social”.
E para logralo considera necesario afondar na negociación colectiva como ferramenta para poñerlle freo os incrementos de xornada laboral e á súa distribución irregular, recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos 10 anos, vetar a utilización das ETT e a proliferación de contratos a tempo parcial e de curta duración, etc. “O noso obxectivo non é só a loita contra o desemprego, senón tamén contra o emprego precario”, lembrou.
Neste punto, advertiu sobre a necesidade de non trabucarse á hora de escoller organizacións aliadas, en referencia a CCOO e UGT, ás que acusou de levar anos asinando pactos de contención salarial co Goberno e coa patronal e de manter reunións paralelas co empresariado “para asinar acordos pola porta de atrás”.