O IV Congreso da CIG-Industria elixirá este venres nova Executiva e Secretaría federal

Nacional - 23 Xun 2025

A CIG-Industria celebrará o próximo venres, 27 de xuño, o seu IV Congreso no que se escollerá a persoa á fronte da Secretaría Nacional, a nova Executiva da federación e as persoas que formarán parte do Consello Confederal da CIG. O proceso, baixo o lema “Somos industria. En Galiza:  traballo, igualdade, dereitos e soberanía”, terá lugar no Edificio Cersia (Rúa do Alcalde Raimundo López, San Lázaro, Santiago de Compostela) e arrincará ás 09:00h coa recepción e acreditación das/os 147 congresistas.

Ao longo da mañá debaterase e votarase o Informe de Xestión da Executiva saínte -que defenderá o actual secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi, que non repetirá no cargo por esgotar o límite de mandatos- e os Relatorios Base e de Organización, nos que se definen as liñas de actuación que guiarán a federación nos próximos catro ano. A partir do mediodía procederase á presentación de candidaturas e á elección dos novos cargos.

O acto de clausura está previsto para ás 13horas, está aberto aos medios de comunicación, e durante o mesmo intervirá a persoa electa  para a Secretaría Federal.

No Informe de Xestión saliéntase o o medre na representación acadado nestes últimos catro anos, que consolida a CIG como primeira forza sindical no sector industrial de Galiza. No período pechado 2020/2023, a federación acadou 1.199 dos delegados e delegadas que se elixiron, o que supón o 37,21% da representatividade.