O IV Congreso da CIG-Industria elixe a Marcos Conde Farto como novo secretario nacional

No proceso tamén se renovou a Executiva federal e se aprobaron os relatorios Base e de Organización
Nacional - 27 Xun 2025

O IV Congreso da CIG-Industria, celebrado baixo o lema “Somos industria. En Galiza: traballo, igualdade, dereitos e soberanía”, elixiu a Marcos Conde Farto como secretario nacional con 110 votos a favor, 1 nulos e 8 en branco. Deste xeito, Conde substitúe a Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, que viña ocupando esta responsabilidade dende hai 12 anos. No decurso da xornada, transcorrida en Compostela, as delegadas e delegados asistentes fixeron unha análise do traballo desenvolvido no período que agora remata e debateron e acordaron as liñas que servirán de guía para a organización e a acción sindical nos próximos anos, nos que o sector afronta enormes retos e ameazas.

Composición da nova Executiva federal

O IV Congreso elixiu tamén a nova Executiva federal, á que se presentou unha única candidatura, que recibiu 111 votos a favor, 0 nulos e 7 en branco e queda conformada por:

  1. Marcos Conde Farto
  2. Mercedes Domínguez Santomé
  3. Armando Carril Casanova
  4. María Xosé García Gómez
  5. Henrique Fernández Oliveira
  6. Amanda Casais Pena
  7. Heriberto Fernández Permuy
  8. Raquel Pérez Fernández
  9. Unai Donoso Rodríguez
  10. Francisco Rei Grill
  11. Antonio Cebey Giadas
  12. César Rodríguez Martínez
Persoas elixidas para o Consello Confederal

As e os congresistas escolleron ademais as persoas que representarán a federación no Consello Confederal da CIG. Unha candidatura que foi apoiada por 110 votos, 0 brancos e 7 nulos, e que está composta por:

  1. Marcos Conde Farto
  2. Mercedes Domínguez Santomé
  3. Henrique Fernández Oliveira
  4. Beatriz Blanco Rodríguez
  5. Eduardo Caamaño Lestón
  6. María Xosé García Gómez
  7. Xulio Fernández Alonso
  8. Benedicto Blanco Lema
  9. César Rodríguez Martínez

O Congreso, que se celebrou no edificio CERSIA de Santiago de Compostela, arrincou cun saúdo do secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedito Blanco, e a proxección dun audiovisual no que se repasou a acción sindical desenvolvida desde o anterior proceso congresual. 

O Informe de Xestión repasa a situación do sector e as repostas da CIG

O informe de Xestión da Executiva saínte, aprobado por 107 votos a favor, 0 en contra e 7 abstencións, foi defendido polo aínda secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, quen destacou a basta e diversa conflitividade vivida neste último período no que a CIG non só consolidou a súa posición como primeira forza sindical na industria, senón que incrementou a súa representatividade.

A través desta conflitividade -salientou Tupi que se realizaron máis de 1.200 protestas, mobilizacións e concentracións e máis de 200 xornadas de folga entre sectoriais de empresa e centros de traballo-, a CIG respondeu ás problemáticas tanto na negociación colectiva para reivindicar convenios dignos, como na defensa dos sectores produtivos e do emprego, combater a precariedade, denunciar e atallar as desigualdades, enfrontar a represión sindical e os abusos, mais tamén trasladando propostas concretas ante os múltiples desafíos do sector.

O informe pon especial atención na situación de crise industrial que vive Galiza, nas demandas e alternativas da CIG en sectores estratéxicos para a economía galega como a automoción ou o naval (tanto o público concentrado na ría de Ferrol arredor de Navantia como o privado nas rías de Vigo e Pontevedra); no sector da industria electrointensiva, no eólico, no dos biocarburantes ou no sector das telecomunicacións, así como nas consecuencias do proceso de transición enerxética que non é xusto nin social nin territorialmente.

Nun momento de espolio e expansión das instalacións renovábeis, non existen proxectos alternativos reais para os territorios afectados polos peches das centrais como Meirama e As Pontes, convertida esta en zona cero da crise industrial do país. Pero tampouco se xera actividade produtiva e emprego de calidade arredor deste sector. Ao contrario, neste período pecharon a maioría das fábricas  dedicadas á construción e á produción de equipamento para a eólica, ao tempo que as empresas electrointensivas anuncian recortes de produción e ameazan con peches polos elevados custes enerxéticos.

Nestes catro anos houbo unha aposta forte pola negociación colectiva, onde por primeira vez a CIG asinou os catro convenios provinciais do metal  e “fomos quen de impoñer o noso modelo de negociación e o resultado foi que houbo mobilizacións e folga nos catro convenios conseguindo rachar co V AENC”. Denunciou ademais tanto o convenio estatal de artes gráficas como o estatal da industria química “porque non só non avanzan dereitos senón que nin sequera contemplan revisións salariais”.

No apartado de eleccións sindicais, ponse en valor o resultado acadado pola CIG-Industria no período pechado 2020-2023, no que se conseguiron 1.199 persoas delegadas das 3.222 que se elixían, o que supón o 37,215 da representatividade e o 3,06% de incremento con respecto ao proceso anterior. A finais do primeiro trimestre de 2025, a representatividade seguía aumentando até o 37,26%. A CIG segue sendo, polo tanto, primeira forza sindical no sector industrial de Galiza.

Aprobados os relatorios Base e de Organización

O Relatorio Base, que foi aprobado por 108 votos a favor, 1 en contra e 6 abstencións, fai un repaso polo contexto político económico da industria en Galiza e define as alternativas da CIG e a acción a desenvolver nos próximos anos para reverter a perda do peso no PIB da industria galega, catro puntos por debaixo da media estatal, e a consecuente destrución de emprego, caída dos salarios e aumento da precariedade neste sector.

Fronte a esta realidade, o relatorio pula pola por una política industrial non depredadora, favorábel ás maiorías sociais, e neste senso defende que a Xunta de Galiza dispoña de plenas competencias nesta materia. Demanda a posta en marcha dun plan de reindustrialización no que a xeración eléctrica teña repercusión alí onde se produce e un plan de desenvolvemento que contemple o peche dos ciclos produtivos en Galiza e no que o sector público xogue un destacado papel, así como a creación dunha tarifa eléctrica galega.

A CIG reclama unha estratexia para recuperar o peso clave na economía do sector naval e do sector da automoción, en proceso de reconversión. Hai que lembrar que a falta de resposta das administracións e das empresas ás propostas trasladadas pola central sindical, levou a CIG a convocar o 28 de novembro de 2024 a primeira folga galega no sector da automoción.

O relatorio marca como obxectivos, entre outras cuestións, o confronto da estatalización da negociación colectiva, apostando por un marco galego de relacións laborais e seguir a pular por un convenio galego do sector do metal; a loita contra os abusos e a precariedade na integración das persoas con capacidades distintas; ou combater a fenda salarial de xénero e as desigualdades  que persisten nos centros de traballo.

No relatorio de Organización, aprobado por 105 votos a favor, 0 en contra e 7 abstencións, chámase a reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo, ter máis capacidade de liderar as loitas e levar adiante o conflito, sendo capaces de formular alternativas e solucións. “Esa é a folla de ruta, indícase, para facer medar a nosa organización sindical, a afiliación e a representación. Con debate, toma de decisións colectivas, confrontación de propostas e mobilización, e facendo partícipes ás persoas afiliadas”.

Instase a promover a constitución de seccións sindicais como vía para facer chegar as alternativas e campañas, para mellor coñecer as problemáticas dos centros de traballo e poder darlles unha resposta organizada, fomentando o modelo sindical asembleario e participativo propio da CIG.

Participación do secretario xeral e delegacións convidadas

O acto de clausura, tras da votación dos informes e das candidaturas, contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e coa intervención de todas as delegacións internacionais convidadas. Ao Congreso asistiron Eremi Fatima Melo Da Silva, secretaria xeral da Unión Internacional Sindical da Metalurxia e a Minaría da Federación Sindical Mundial (UISMM FSM); Irati Bañuelos Ruiz de Erentxun e Esther Arruti Roteta, de ELA; Joao Cunha e Carlos Cruz de FIEQUIMETAL; Kristina Gete Etxeberria e Iratxe Azkue de LAB; María Casadellà Oller e Jordi Mir Buxalleu de Intersindical Catalana; Elena Castro Hortelano e Javier Pérez Ortiz de Intersindical Valenciana; Asier Calderón pola UISMM Europa FSM; e Cristina Escalada Pérez e Jorge Ruiz De Lazcano Fernández de OSTA.

Durante a súa intervención, o secretario xeral da CIG prognosticou catro anos de duras loitas diante dos múltiples desafíos, “que temos que afrontar coa credibilidade do acumulado durante anos na construción do sindicato que hoxe é a CIG”. Subliñou que sermos primeira central sindical en número de persoas delegadas e afiliadas “é o resultado dun proceso histórico que comezou hai 50 anos” sobre a base das loitas do ano 1972 en Ferrol e Vigo “e a semente de vencer do asasinato de Moncho Reboiras”.

Cualificou os procesos congresuais como a posta a punto para afianzar a capacidade, como sindicato, de organizar e promover o conflito “se queremos avanzar en dereitos; mais sen perder de vista que a CIG é resultado dunha planificación colectiva que procura a maior complicidade social, combinando a formulación de respostas coa capacidade de organizar a loita para facelas posíbeis”.

Carril reiterou que a loita sindical ten un carácter social e político “porque o noso obxectivo como clase traballadora é estender a solidariedade e o apoio social ás nosas reivindicacións para mellorar as condicións de vida”.

Chamou a acumular forzas e construír poder popular para confrontar o sistema “porque a CIG é un sindicato que está implicado na transformación social de Galiza, que asume e fai propios os obxectivos colectivos da clase traballadora galega. Como nación oprimida, a loita pola emancipación social está ligada á loita pola emancipación nacional”, aseverou.

Por iso, continuou o secretario xeral, toda loita que se afronta no ámbito sindical constitúe a oportunidade para esa toma de conciencia e para avanzar máis aló dunha reivindicación do ámbito laboral concreta. E para afianzar este camiño, “cómpre fortalecer o tecido de alianzas na confrontación social que hai no país para poder construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Carril animou a reforzar a organización e o modelo sindical da CIG que só pode existir “se hai compromiso militante, participación e traballo colectivo e acción real nos centros de traballo e nas rúas”.

O secretario xeral quixo rematar a súa intervención trasladando os parabéns á nova Executiva federal e cun agradecemento especial a Tupi polo seu traballo, a súa dedicación e o seu compromiso durante tantos anos. “Foi unha honra e un privilexio compartir con el traballo e debate, e sobre todo, gozar da súa camaradería”, concluíu.

Marcos Conde: “precisamos unha política industrial galega, non depredadora, sustentábel e pensada para o futuro”

O encargado de concluír este IV Congreso foi o novo secretario nacional,  Marcos Conde, quen iniciou a súa intervención cun sentido recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que deixan a Executiva federal e, “moi especialmente ao compañeiro Tupi pola súa entrega e contribución a este proxecto colectivo”.

Puxo en valor o carácter de proxecto común e plural da CIG e na obriga  “de estar á altura das necesidades da clase traballadora galega”, polo que marcou como tarifas principais da nova Executiva “fortalecer a nosa presenza nos centros de traballo, mellorar a coordinación dos subsectores industriais, impulsar a afiliación e a formación sindical, reforzar os mecanismos de seguimento da negociación colectiva e avanzar decididamente cara a un marco galego de relacións laborais”.

Marcos Conde alertou da grave situación industrial que vive o noso país e denunciou a inexistencia dunha estratexia propia. “A nosa capacidade para decidir está secuestrada por intereses alleos, polos ditados do capital financeiro e polas prioridades de Madrid”, criticou, fronte ao que reivindicou competencias plenas para Galiza nesta materia.

Ante o fracaso da chamada transición xusta, exixiu “un verdadeiro plan de reindustrialización galego que vincule produción e territorio, que peche ciclos produtivos dentro do país e que aumente o valor engadido da nosa produción”. Nesta liña defendeu a reestatalización das empresas estratéxicas privatizadas e impulsar a creación do Instituto da Empresa Pública Galega. “Necesitamos construír unha política industrial galega, non depredadora, sustentábel e pensada para o futuro. Un modelo que aproveite os nosos recursos en beneficio da maioría social e que garanta emprego digno e estabilidade para as vindeiras xeracións”, aseverou.

Criticou que o sector naval non fora declarado estratéxico até o ano 2024, e a insuficiencia do plan xa Xunta. Situación similar, engadiu, ao que ocorre na automoción, xa que a transición ao vehículo eléctrico estase a facer sen garantir o futuro das persoas traballadoras galegas”

Puxo enriba da mesa exixencias concretas como unha eléctrica galega, plans industriais vinculados ás actividades enerxéticas, e a aposta pola formación para fixar talento. “Porque a industria do futuro require traballo digno, estabilidade e condicións laborais xustas e dignas”. No referido ás condicións de traballo, expuxo como fundamental avanzar cara a un Marco Galego de Relacións Laborais que recoñeza os convenios sectoriais e provinciais como prioritarios fronte aos estatais e tamén seguir loitando contra a fenda de xénero e a desigualdade estrutural.

Reforzar a organización

Ao longo da súa intervención, o novo secretario nacional da CIG-Industria chamou a fortalecer a organización, reforzando a presenza nos centros de traballo, promovendo a creación de seccións sindicais, a participación a través de asembleas e a dinamización dos organismos; así como avanzar na consolidación dos subsectores. Conde instou tamén a mellorar os mecanismos de seguimento da negociación colectiva e ampliara base afiliativa “porque sen afiliación non hai organización, e sen organización non hai loita”.