O ISM denega a asimilación do persoal gardacostas no réxime especial do Mar
Preto de 250 persoas empregadas no servizo de gardacostas de Galiza encárganse da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño e da importantísima loita contra o furtivismo. Porén, só a metade é persoal funcionario público que comparte espazo e funcións co persoal laboral da consellaría do Mar e coas empresas privadas coa que esta privatizou os servizos auxiliares das embarcacións. Mentres este persoal das empresas privadas non ten dificultades para estar no TREMAR e acceder á xubilación anticipada con coeficientes redutores por causa das súas funcións, o persoal gardacostas funcionario queda excluído destes dereitos mais se lle aplican as obrigas do ISM para poder embarcar.
Así o denuncia a CIG-Administración Autonómica, que se reuniu o pasado mes de marzo coa consellería do Mar para que solicitara ao ISM o TREMAR para o persoal gardacostas por asimilación de funcións xa que, de non facelo, se estaba a producir unha discriminación clara por razón do réxime xurídico. A este respecto a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, lembra que este persoal funcionario estaba encadrado até o ano 1996 neste réxime especial e que os xulgados do Social “seguen a recoñecer os coeficientes redutores durante toda a vida laboral independentemente de onde cotizaran ao persoal gardacostas xubilado, coa fin de complementar as súas pensións”.
Apunta que tiveron acceso á resposta do “Instituto Social de La Marina”, na que “o ISM bota balóns fóra e derívanos ao recoñecemento dos coeficientes redutores” pola vía do RD 1698/2011 polo que se regula o réxime xurídico e de procedemento xeral para establecer os coeficientes redutores e anticipar a idade de xubilación no sistema da seguridade social. “Mais na práctica”, sinala, “segue obrigando a estes funcionarios e funcionarias públicas a pasar un recoñecemento médico específico de embarque e a manter ao día os cursos necesarios para o embarque e xestión das embarcacións, á vez que lles denegan o acceso a estes recoñecementos e formación específica por no estar adscritos/as ao Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar (TREMAR)”.
A xustificación do ISM para excluílos é, segundo explica Burgos, que son funcionarios e funcionarias públicas acollidos ao réxime xeral da Seguridade Social. “Pois claro, nalgún sitio tiñan que estar, pero isto non xustifica que non poidan estar no TREMAR. Non atopamos ningunha normativa que xustifique a exclusión”, afirma.
Lembra ademais que a solicitude de asimilación ou entrada no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar é pola razón fundamental do dereito á protección da saúde deste persoal que comparte o mesmo ámbito laboral que os seus compañeiros. E rexeita que con esta resolución o ISM obrigue pero non protexa a funcionarios e funcionarias gardacostas da Xunta de Galiza.
Por iso a CIG-Administración Autonómica solicita a consellería do Mar que recorra a resolución do ISM e que faga as xestións necesarias para eliminar a discriminación e protexer ao seu persoal, pero aínda estamos pendentes de resposta.
Xunto a isto, adianta que están a traballar nunha segunda vía cos grupos parlamentares para que se introduza unha emenda no anteproxecto da Lei de Pesca, en tramitación nestes momentos no Congreso dos Deputados e Deputadas, que recoñeza os coeficientes redutores.