O íntimo abrazo entre o liberalismo e a extrema dereita

Vijay Prashad - 21 Nov 2023

O capitalismo salvaxe globalizou a produción e liberou os propietarios (tanto individuos como empresas) do cumprimento mesmo das normas da democracia liberal, como pagar os impostos que lles corresponden. Esta estrutura político-económica xera unha orde social neoliberal que ten as súas raíces na imposición da austeridade á clase traballadora e ao campesiñado e na atomización das e os traballadores

Para o compañeiro N. Sankaraiah (1922-2023)

 Unha das curiosidades do noso tempo é que a extrema dereita se sente bastante cómoda coas institucións vixentes da democracia liberal. Hai casos aquí e acolá de líderes políticos descontentos que se negan a aceptar a súa derrota nas urnas (como Donald Trump e Jair Bolsonaro) e logo fan chamados aos seus seguidores a emprenderen accións extraparlamentarias (como o 6 de xaneiro de 2021 en Estados Unidos e, nunha farsa de repetición, o 8 de xaneiro de 2023 en Brasil). Mais, en xeral, a extrema dereita sabe que pode conseguir o que quere a través das institucións da democracia liberal, que non son hostís aos seus programas.

 O fatal e íntimo abrazo entre os proxectos políticos do liberalismo e da extrema dereita pode entenderse de dúas maneiras. En primeiro lugar, este abrazo obsérvase na facilidade coa que as forzas de extrema dereita utilizan no seu beneficio as constitucións e institucións liberais dos seus países, sen necesidade de suplantalas drasticamente. Se un goberno de extrema dereita pode interpretar unha constitución liberal desta maneira, e se as institucións e o persoal desta estrutura constitucional non se opoñen a esta interpretación da extrema dereita, entón non hai necesidade dun golpe contra a estrutura liberal. Pódese baleirar desde dentro.

 En segundo lugar, este abrazo íntimo, pero fatal, ten lugar dentro das “culturas da crueldade” (como as chamou Aijaz Ahmad) que definen o mundo social do capitalismo salvaxe. Obrigada a traballar para o capital —en empregos cada vez máis precarios e atomizados— para sobrevivir, a clase traballadora descobre, como astutamente observou Karl Marx en 1857/58, que o diñeiro é “a verdadeira comunidade” (Gemeinwesen) e que a persoa é o instrumento, e o escravo, do diñeiro. Arrincados dos coidados dunha auténtica comunidade, as e os traballadores vense levados a vidas que abalan entre o inferno de longas e difíciles xornadas laborais e o purgatorio dun longo e difícil desemprego. A ausencia de asistencia social estatal e o colapso das institucións comunitarias dirixidas polas e os traballadores producen “culturas de crueldade”, un tipo normal de violencia que se estende desde o fogar até a rúa. Esta violencia prodúcese con frecuencia sen moito ruído e reforza as estruturas tradicionais de poder (ao longo de eixos de patriarcado ou étnicos, por exemplo). A fonte de poder da extrema dereita reside nestas “culturas da crueldade”, que en ocasións desembocan en actos espectaculares de violencia contra as minorías sociais.

 O capitalismo salvaxe globalizou a produción e liberou os propietarios (tanto individuos como empresas) do cumprimento mesmo das normas da democracia liberal, como pagar os impostos que lles corresponden. Esta estrutura político-económica xera unha orde social neoliberal que ten as súas raíces na imposición da austeridade á clase traballadora e ao campesiñado e na atomización das e os traballadores mediante o aumento do seu tempo de traballo, a erosión das institucións sociais que dirixen e, por tanto, a diminución do seu tempo de lecer. As democracias liberais de todo o mundo realizan enquisas sobre o uso do tempo das súas poboacións para ver como empregan o seu tempo as persoas, pero case ningunha destas enquisas presta atención a se a clase traballadora e o campesiñado teñen tempo para o lecer, como poderían empregar este tempo de lecer e se a redución do seu tempo de lecer é unha preocupación para o desenvolvemento social xeral do seu país. Estamos moi lonxe da Constitución de 1945 da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, que instaba á “libre circulación das ideas por medio da palabra e da imaxe” e á necesidade de “dar un novo impulso á educación popular e á difusión da cultura”. Siléncianse os debates sociais sobre os dilemas da humanidade mentres se consagran vellas formas de odio.

 É o odio ao inmigrante, ao terrorista e ao traficante de drogas —todos eles retratados como sociópatas— o que provoca unha forma cáustica de nacionalismo, que non está arraigada no amor ao próximo, senón no odio ao forasteiro. O odio disfrázase de patriotismo mentres crece o tamaño da bandeira nacional e aumenta enormemente o entusiasmo polo himno nacional. Isto maniféstase visibelmente no Israel de hoxe. Este patriotismo neoliberal, salvaxe e de extrema dereita cheira a podre, a ira e amargura, a violencia e frustración. Nas culturas da crueldade, os ollos da xente desvíanse dos seus propios problemas, dos baixos salarios e a case inanición nos seus fogares, da súa falta de oportunidades educativas e de provisións para a atención de saúde, cara a outros —falsos— problemas que son inventados polas forzas do capitalismo salvaxe para apartar a xente dos seus problemas reais. Unha cousa é ser patriótico contra a fame e a desesperanza. Pero as forzas do capitalismo salvaxe tomaron esta forma de patriotismo e botárona ao lume. Os seres humanos anhelan ser decentes, por iso tantos miles de millóns de persoas en todo o mundo saíron ás rúas, bloquearon barcos e ocuparon edificios para exixir a fin da guerra de Israel contra Gaza. Pero ese anhelo está sufocado pola desesperación e o resentimento, polo abrazo íntimo e diabólico do liberalismo e a extrema dereita.

 Desde o Instituto Tricontinental de Investigación Social presentamos Que esperar da nova onda progresista de América Latina? (dosier núm. 70, novembro de 2023), un estudo sobre o panorama político en América Latina. O texto ábrese cun prólogo de Daniel Jadue (alcalde da comuna de Recoleta, Santiago de Chile, e membro destacado do Partido Comunista de Chile). Jadue sostén que o capitalismo salvaxe agudizou as contradicións entre capital e traballo e acelerou a destrución do planeta. O “centro político”, argumenta, gobernou a maioría dos países do mundo durante as últimas décadas “sen resolver os temas máis perentorios dos pobos”. Coas forzas socialdemócratas movéndose para defender o capitalismo salvaxe e a austeridade neoliberal, a esquerda viuse arrastrada ao centro para defender as institucións da democracia e as estruturas do benestar social. Entrementres, produciuse, escribe Jadue, “o rexurdimento de discursos sumamente contestatarios nas forzas de dereita, mesmo máis extremistas que na era do fascismo”.

 O noso dosier traza os zigzags da política en toda América Latina, co triunfo da esquerda nas eleccións presidenciais de Colombia equilibrado polo férreo control da dereita en Perú, para logo deterse nun punto de gran importancia: a esquerda na meirande parte de América Latina abandonou o obxectivo final do socialismo e adoptou no seu lugar a tarefa de ser administradores do capitalismo cun rostro máis humano. Como se afirma no dosier: “a esquerda móstrase hoxe incapaz de conquistar a hexemonía no que se refire a un novo proxecto de sociedade. A propia defensa irrevogábel da democracia burguesa é un síntoma de que non hai perspectivas de ruptura e revolución. De feito, este tema exprésase nas reticencias que certos líderes de esquerda a apoiar o actual réxime venezolano, por consideralo antidemocrático. A pesar de que Venezuela, xunto con Cuba, é un dos poucos casos dun país onde a esquerda conseguiu atravesar todas estas crises sen ser derrotada. Esta posición submisa e a falta de compromiso na loita contra o imperialismo marcan un importante retroceso”.

 A democracia liberal demostrou ser unha barreira insuficiente para frear as ambicións da extrema dereita. Aínda que as elites liberais están arrepiadas pola vulgaridade da extrema dereita, non se opoñen necesariamente a desviar as masas dunha política de clase a unha política de desesperación, como fixo a ultradereita. A principal crítica á dereita non vén das institucións liberais, senón dos campos e as fábricas, como se ve nas mobilizacións contra a fame e contra a uberización do traballo. Desde as manifestacións masivas contra a austeridade e pola paz en Colombia (2019-2021) até as de Guatemala contra o lawfare (2023), a xente —atrincheirada, desde hai décadas, fronte ás institucións liberais— volveu tomar as rúas. As vitorias electorais son importantes, pero, por si soas, non transforman nin a sociedade nin o control político, que permaneceu baixo o férreo control das elites na meirande parte do mundo.

 O prólogo de Jadue alerta tanto da debilidade do centro político como da necesidade de construír un proxecto político que reanime as mobilizacións e evite que se disipen na frustración: “A reconstrución dun horizonte concreto, o socialismo e a unidade da esquerda transfórmase entón nun desafío primordial na definición dos dilemas que enfrontamos, pero o chamado é a debater afastándonos da linguaxe da dominación e estruturando unha verdadeira linguaxe da emancipación. Xa non é suficiente a integración e a coordinación, faise necesaria a comprensión máis absoluta daquilo ao que Marx chamaba a unidade material do mundo, para pasar á unidade total dos pobos e a acción conxunta en todo o planeta.”.

 As reservas de forzas da clase traballadora en todo o mundo –incluídos as e os traballadores precarios e o campesiñado– víronse minguadas polo proceso de globalización. Aos principais partidos revolucionarios resultoulles difícil ampliar e mesmo manter a súa forza no contexto de sistemas democráticos que foron tomados polo poder do diñeiro. Porén, para facer fronte a estes desafíos, o “horizonte concreto” do socialismo que menciona Jadue está a elaborarse mediante a construción sostida de organizacións, mediante a mobilización das masas e mediante a educación política, incluíndo a batalla das ideas e a batalla das emocións (parte do cal, por suposto, é o traballo do Instituto Tricontinental de Investigación Social e este novo dosier, que esperamos que lean e difundan para a súa discusión).

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 16 de novembro de 2023]