O informe anual do Grupo Correos revela que a empresa prescindiu nun ano de 1152 traballadores/as
Con respecto ao persoal funcionario, o 31 de decembro do 2014 había no grupo 17.743 funcionarios/as mentres que a 31 de decembro de 2015 quedaban 15.097, é dicir 2.646 menos.
A CIG-Correos destaca tamén que destes/as 50.153 traballadores/as, 42.128 pertencían ao grupo de Operativos (carteiros/as, axudantes, axentes de clasificación, atención á clientela, administrativos/as). “Os 8.025 traballadores e traballadoras restantes pertencen aos grupos de Mandos Intermedios, Xefes/as de Sector, Directivos/as, etc. Este é o único colectivo que aumenta nesta empresa. Ou dito noutras palabras, tócanos a máis ou menos un/ha xefe/a por cada 5 traballadoras/es”, denuncian.
Outros datos recollidos no informe que a CIG-Correos pon de relevo son os que seguen neste cadro:
| 2014 | 2015 |
|
Nº vehículos | 13.529 | 13.394 | - 135 |
Nº Serv. Rurais | 6.670 | 6.563 | - 107 |
Nº efectivos medios | 52.514 | 50.153 | - 2.361 |
Nº Oficinas | 2.384 | 2.383 | - 1 |
Perdas millonarias
Este conxunto de datos negativos, a entender da CIG-Correos motivaron o atraso na publicación do informe, xa que, ademais, o balance do pasado ano da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A. arroxa unha das maiores perdas dende a súa constitución como Sociedade Estatal en 2001. “O resultado despois de impostos do exercicio 2015 foron unhas perdas consolidadas de 33,7 millóns de euros”, inciden.
As perdas totais despois de impostos do Grupo Correos (Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A., Correos express, Correos Nexea e Correos Telecom) sumaron unhas perdas consolidadas de 34,098 millóns de euros. “Estas perdas débense fundamentalmente á redución nas cantidades que achega o Estado polo Servizo Público Universal, que pasaron de 518,1 millóns de 2014 aos 180 millóns de 2015”, explica a CIG-Correos.
E mentres se producen estes recortes, engaden, “seguimos sen convenio, sen data de exame de consolidación de emprego, etc., mentres os sindicatos asinantes miran para outro lado e xa se esqueceron das reivindicacións, unha vez pasadas as eleccións sindicais”. Fronte a estas actitudes, subliñan que “dende a CIG seguiremos a defender todos os postos de traballo e a loitar polos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras”.