“O indulto de Carlos e Serafín é xusto e merecido pero chega tarde"
O Goberno español vén de concederlle o indulto parcial a Carlos e Serafín, os dous traballadores vigueses condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete, tras un lustro de mobilizacións nas rúas e unha intensa campaña na busca de apoio social e institucional. O BOE recolleu finalmente este luns unha medida que evitará a súa entrada na cadea, ademais de rematar cunha década de incerteza para os afectados e as súas familias.
Fixeron falta máis de cinco anos de mobilizacións nas rúas para que o Goberno español atendese o clamor social e institucional que demandaba a concesión do indulto a Serafín e Carlos, os dous traballadores afiliados á CIG e á UGT que en 2011 foron condenados a tres anos de cadea por participar nun piquete informativo durante a folga provincial do transporte en 2008.
Unha vez esgotada a vía dos recursos xudiciais, as centrais CIG, UGT e CCOO levaron a cabo unha ampla campaña de mobilizacións en solidariedade cos afectados co obxectivo de que se lles concedese o indulto. A primeira petición fóralles denegada en 2013 polo Goberno do PP presidido por Mariano Rajoy, e nesta ocasión mantíñanse á espera de que se resolvese a solicitude dun segundo indulto parcial que evitase a súa entrada en prisión. Segundo recolle o BOE deste luns, a pena de cadea é substituída por unha multa a cada un deles de seis euros diarios durante 18 meses.
Neste tempo desenvolvéronse concentracións cada mes, convocáronse varias manifestacións e protestas diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Ademais, iniciouse unha intensa labor na busca de apoios cidadáns e institucionais, logrando sumar milleiros de sinaturas á súa causa e conseguindo que o Parlamento galego, a Deputación e Pontevedra e o Concello de Vigo se posicionasen a favor dun indulto que por fin chegou, aínda que con anos de atraso, tal e como sinalou o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, durante a rolda de prensa convocada hoxe polas tres centrais para valorar a decisión.
A demora prolongou a agonía dos afectados
“O indulto é merecido e xusto, pero chega moi tarde, xa que os dous afectados e as súas familias levan cinco anos de agonía agardando por unha decisión que puxese fin ao risco real de perder a súa liberdade e ver tronzadas as súas vidas e as das súas familias por participar nunha folga en defensa da mellora das condicións laborais do seu sector”, denunciou.
Neste senso, lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez demorase seis meses unha decisión “que só precisaba de vontade política e que podían ter aprobado en calquera das numerosas reunións do Consello de Ministras/os” e cualificou de “innecesario” un atraso que “prolongou a agonía de dous traballadores inocentes”.
Gonçalves asegurou que o indulto parcial é resultado da loita continuada levada a cabo polas tres centrais, que serviu para sumar o apoio dunha amplísima maioría de cidadáns e das principais institucións. “Esta vitoria demostra que a loita é o único camiño e que para vencer hai que loitar; e que cando a clase traballadora actúa unida e de maneira organizada é imbatíbel”, indicou, para a continuación agradecer o apoio de todas as persoas que neste tempo apoiaron a causa de Carlos e Serafín, “que é a causa de todos/as os traballadores/as”.
Con todo, o secretario comarcal da CIG de Vigo quixo deixar moi claro que a concesión do indulto non remata co problema de fondo: o feito de que nun marco que se di democrático o exercicio pacífico de dereitos fundamentais supoña unha condena penal. “Defender a clase traballadora non pode ser delito”, sentenciou antes de esixir a derrogación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal “como primeiro paso para frear a escalada de criminalización da loita social, e moi especialmente a sindical, que impulsou o PP”.
“Grazas aos sindicatos e á xente que nos apoiou”
Os dous traballadores afectados non agocharon a súa felicidade durante a rolda de prensa, que aproveitaron para lanzar mensaxes de agradecemento, en primeiro lugar aos tres sindicatos que dende o primeiro momento se volcaron na súa defensa, e a continuación á xente que se solidarizou con eles. “Grazas ás organizacións e ás persoas que se involucraron nesta causa, que é a causa de todos/as”, expresaron.
Ambos coincidiron en sinalar a enorme alegría coa que recibiron a noticia do indulto tras tantos anos de espera, así como en que o peor de todo este tempo foi precisamente a incerteza de non saber se terían que ingresar na cadea. “Foi un auténtico calvario agardar por unha decisión tan importante para os nosas vidas que non daba chegado, así que sentimos moito alivio cando lemo os nosos nomes no BOE”.