A residencia de maiores Vila do Conde de Gondomar incumpre ratios de persoal, o que afecta a calidade do servizo
A sección sindical da CIG na residencia da terceira idade Vila do Conde, en Gondomar, denuncia que os incumprimentos en materia de persoal está a provocar unha sobrecarga laboral nas persoas traballadoras que afecta a calidade do servizo. Dende a central sindical sinalan que se tramitaron dous expedientes administrativos, tras constatarse que o centro non cumpre os ratios de persoal establecidos pola Xunta sen que a Consellaría de Política Social teña nin sequera respondido.
A representación da CIG no comité (4 delegadas de 5) da residencia de maiores Vila do Conde -de xestión privada pero con prazas públicas concertadas coa Xunta- explica que unha vez esgotada a vía do diálogo coa empresa, que se nega a atender as demandas da parte social, decidiu facer públicos os incumprimentos dos ratios de persoal establecidos pola Administración para este tipo de centros.
Uns incumprimentos que foron constatados pola propia Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia en 2023 e 2024, o que motivou a apertura de dous expedientes administrativos que a Consellaría de Política Social aínda non resolveu. A CIG tivo constancia dos feitos tras unha nova denuncia presentada nos últimos meses ante Inspección de Maiores.
Ante a pasividade da Consellería, e dunha Inspección de Maiores que se nega a recibir ao comité para atender as incidencias, a CIG presentou hai meses unha denuncia na Inspección de Traballo por uns feitos que supoñen unha gran carga de traballo para o persoal, causando numerosas baixas, riscos psicosociais, estrés e ansiedade.
Xa que a residencia continúa funcionando con menos persoas traballadoras das que establece a normativa para este tipo de centros, até o punto de que na quenda de mañá traballan unicamente 9 auxiliares e unha limpadora, na de tarde 7 auxiliares e ningunha limpadora e na de noite 2 auxiliares e unha enfermeira para atender a 130 persoas.
Atención deficiente
A conseguinte sobrecarga laboral afecta a calidade do servizo: atrasos nos horarios das comidas e da medicación e imposibilidade para poder acompañar ao baño aos residentes a tempo de que poidan facer as súas necesidades e á hora de garantir unha hixiene persoal axeitada, entre outras cuestións.
Segundo sinala a presidenta do comité de empresa, Susana Represas, moitas familias son coñecedoras deste tipo de deficiencias “porque as propias persoas usuarias lles trasladan queixas”. Unhas deficiencias que se veñen producindo dende hai anos, pero que nos últimos dous estanse a ver incrementadas.
“De feito, agora as familias xa non poden acceder ao interior do centro como facían antes; dende a pandemia da covid só poden estar na entrada ou no exterior da residencia”. Na CIG denuncian que se trata dunha medida coa que as empresas pretenden ocultar as deficiencias na atención e no mantemento das instalacións.
Ante este empeoramento das condicións de traballo e da atención aos residentes o cadro de persoal decidiu en asemblea unha serie de medidas para facer público o que está a acontecer, xa que a dirección sostén que o problema non é de incumprimento dos ratios de persoal senón de organización. “É non é só que incumpran os ratios porque o di a propia Consellaría, senón que tampouco cumpren o establecido na folla de traballos diarios na que figura o número de persoas traballadoras que prestan servizo, xa que temos constado que aparece un número de persoal que non é real no día a día”.
Por iso, ademais de socializar a problemática entre as familias e de levar a cabo distintas accións para visibilizar a conflitividade laboral existente no centro, manterán xuntanzas cos grupo municipais de Gondomar e coas forzas políticas con representación no Parlamento galego para intentar que Política Social actúe para garantir que a residencia conta co persoal necesario para ofrecer unha atención digna.