O incremento do SMI afectará en Galiza a pouco máis de 53.000 persoas

Non atinxe sequera ao 10% da poboación con salarios máis baixos
Nacional - 05 Out 2021

A Axencia Tributaria introduciu, por primeira vez para o ano 2019 un módulo específico baixo o nome “Módulo salario ano completo”. Para isto, crúzanse os datos da declaración á Axencia Tributaria cos da Seguridade Social. A Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) facilita os  días cotizados por cada relación laboral que tivo cada persoa no exercicio de estudo. Con esta información, estimouse o salario anual do exercicio completo das relacións laborais a nivel asalariado/a.

O numero de persoas traballadoras en Galiza afectadas pola suba do SMI son apenas o 7,4% do total da poboación traballadora do país. Xa que logo, segundo os datos que proporciona a Axencia Tributaria o Salario Medio Anual, no ano 2018, sería de 25.364€.

Por iso, tal e como explica o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, segundo estes datos para cumprir coa Carta Social Europea, que indica un salario mínimo igual ao 60% do salario medio, o salario mínimo en Galiza tería que ser de 1.087€.

En diferentes foros de opinión dáse por certa a afirmación de que en Galiza coa actual suba aos 965€ cúmprese a Carta Social Europea, porén o certo é que cos datos da Axencia Tributaria estamos lonxe de cumprir o obxectivo.

O salario medio anual no Estado español é de 27.247€. Para cumprir a Carta Social Europea o SMI no Estado tería que ser de 1.167€. Por iso a CIG mantén a súa demanda de que se incremente a 1.150€ o SMI no ano 2021.