A subida do paro en Galiza no mes de xaneiro duplica a media estatal
O incremento do paro rexistrado en Galiza durante o mes de xaneiro duplicou a media estatal, ao contabilizar unha subida do 2,99% (6164 persoas) fronte ao 1,55% no conxunto do Estado. Ademais, o noso país perdeu neste período un total de 12.998 afiliados/as á Seguridade Social, o que supón tamén o dobre do que medra o desemprego.
Xaneiro acostuma ser un mes no que tradicionalmente medra o número de persoas desempregadas, xa que ás condición climatolóxicas que fan que sectores como a construción reduzan a actividade súmaselle a perda de postos de traballo no sector servizos. Este ano que comeza non foi unha excepción: o desemprego medrou un 2,99% (6.164 persoas) en Galiza neste mes, acadando as 212.078 persoas rexistradas no SEPE. Na media estatal o incremento foi do 1,55%, habendo tan so dúas comunidades -Cantabria e Estremadura- con incrementos superiores aos rexistrados no noso país.
A nivel sectorial o paro unicamente baixou na industria, cun 1,9% menos de desempregados/as; tanto na construción (0,63%) como nos servizos (4,88%) rexistráronse medres significativos. Pola contra, no conxunto do Estado o desemprego medrou só no sector servizos.
Pero máis preocupante que o aumento do desemprego é a forte redución da afiliación á Seguridade Social neste último mes, xa que duplicou o medre do desemprego; é dicir, se ben o desemprego se incrementou en 6164 persoas, a afiliación reduciuse en 12.988.
Os factores que inflúen neste desfase teñen que ver con que moitas das persoas que perden o emprego xa non se rexistran nas oficinas do SEPE e coa emigración, xa qua a situación do mercado laboral obriga a moitos/as traballadores/as a buscarse un futuro no estranxeiro.
Ao mesmo tempo, a pesar do descenso da afiliación e do medre do desemprego continúa a rexistrarse un elevado número de contratos. En total foron 69.894 durante o mes de xaneiro, dos que unicamente o 9,7% foron indefinidos. Isto só se explica pola elevada rotación e escasa duración dos mesmos.
Atopámonos pois con que o noso país comezou o ano cun incremento do desemprego, da precariedade e da temporalidade, ademais de aumentar o número de persoas que buscan unha saída laboral na emigración.
Figura do traballador/a pobre
Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, lembra que detrás das estatísticas e dos datos atópanse cada vez máis familias e persoas con nomes e apelidos que están en risco de exclusión social. Neste senso, alerta sobre o medre mes a mes da desigualdade entre aqueles/as que teñen un emprego estábel e os que padecen continuas rotacións do posto de traballo.
“A situación é cada vez máis preocupante, xa que vemos como se está a afondar na consolidación da figura do traballador/a pobre”, indica. Malvido lembra que fronte a isto a CIG vén de iniciar unha campaña de mobilizacións para reclamar a recuperación dos dereitos laborais e sociais “roubados coa escusa da crise económica” e coa que se pretende lograr tamén a derrogación das distintas contrarreformas laborais.