O imperialismo e a nova Guerra Fría
Países como China identifícanse como socialistas, mais aínda están no proceso de desenvolver os seus sistemas socialistas. As revolucións nestes países sentaron as bases do socialismo, pero enfrontaron moitos atrancos, incluído o bloqueo imperialista, a guerra e a subversión. A nova Guerra Fría contra China, unha guerra de clases, é a resposta do imperialismo estadounidense aos seus grandes avances tecnolóxicos de China
Nun limiar de 1917 de texto ‘O imperialismo, etapa superior do capitalismo’, Vladimir Lenin di: “Confío en que este folleto axude o lector a comprender a cuestión económica fundamental, a da esencia económica do imperialismo, porque a menos que se estude, será imposíbel comprender e avaliar a guerra e a política modernas”. E noutro de 1920: “O capitalismo converteuse nun sistema mundial de opresión colonial e de esganamento financeiro da abafadora maioría da poboación do mundo por parte dun puñado de países "avanzados". E este "botín" repártese entre dous ou tres poderosos saqueadores do mundo armados até os dentes (Estados Unidos, Gran Bretaña, Xapón), que arrastran o mundo enteiro á súa guerra pola repartición do seu botín”.
Hoxe, a maior diferenza é que hai unha única potencia imperialista dominante: os Estados Unidos.
Como principal “superpotencia” despois da Segunda Guerra Mundial, os Estados Unidos impuxeron o dólar como moeda de reserva mundial cando se estabeleceu o sistema de Bretton Woods en 1944. No apoxeo do seu poder, Gran Bretaña tamén foi unha importante potencia imperial. Porén, nunca logrou o mesmo dominio na economía global que os Estados Unidos hoxe. A libra esterlina nunca foi a moeda de reserva mundial.
O feito de que o dólar sexa a moeda de reserva mundial significa que se utiliza para fixar o prezo de todos os produtos básicos, como o petróleo. Isto dálles aos Estados Unidos un papel dominante sobre o mercado petroleiro mundial, por exemplo. Ademais, a meirande parte das débedas do mundo tamén o son en dólares. Isto significa que os países que deben diñeiro deben pagar en dólares.
O Consello de Relacións Exteriores di no seu informe “O futuro da hexemonía do dólar” que “case o 60% das reservas mundiais de divisas se manteñen en dólares, co euro nun distante segundo lugar con arredor do 20%. Un 90% das transaccións nos mercados cambiarios factúranse en dólares, do mesmo xeito que a metade do comercio internacional”.
A dolarización da economía capitalista mundial significou o dominio estadounidense da economía global. O Sistema da Reserva Federal de Estados Unidos controla a oferta de dólares estadounidenses. O Sistema da Reserva Federal de Estados Unidos é, de feito, o banco central do mundo. De feito, a maioría das moedas estadounidenses (os billetes de dólares verdes) circulan fóra de Estados Unidos.
FMI e Banco Mundial
O Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial son outras dúas institucións estreitamente asociadas co sistema do dólar. O FMI foi creado en 1944 na Conferencia de Bretton Woods, xunto co Banco Mundial.
O FMI outorga empréstitos a curto prazo a países que enfrontan graves crises de liquidez a curto prazo. O Banco Mundial outorga empréstitos a longo prazo a países para importantes proxectos de infraestrutura.
O FMI e o Banco Mundial adoitan impor duras medidas de austeridade aos países que lles piden empréstitos. Promoven políticas que benefician os países ricos á custa dos países en desenvolvemento. Ademais, tenden a financiar proxectos con impactos ambientais e sociais negativos. Por exemplo, o Banco Mundial financia proxectos que provocaron deforestación e desprazamento de pobos indíxenas.
BRICS é unha agrupación das economías mundiais de Brasil, Rusia, A India, China e Suráfrica formada en 2006. En Johannesburgo, Suráfrica, o 24 de agosto de 2023, o grupo de nacións BRICS anunciou a incorporación de Arxentina, Exipto, Etiopía, Irán, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos.
Os países BRICS crearon algunhas alternativas ao FMI e ao Banco Mundial, incluído o Novo Banco de Desenvolvemento (NDB) e o Acordo de Reserva Continxente (CRA).
O NDB proporciona asistencia financeira e técnica para proxectos de infraestruturas e desenvolvemento sustentábeis para os países BRICS e outras economías emerxentes e en desenvolvemento. A CRA é unha rede de seguridade financeira que os países BRICS poden utilizar para facer fronte ás crises de balanza de pagamentos. A CRA está deseñada para reducir a dependencia dos países membros do FMI e outras fontes externas de asistencia financeira en tempos de tensión económica.
Porén, os países BRICS aínda non puideron ofrecer unha alternativa viábel ao dólar estadounidense como moeda mundial.
Os países BRICS estiveron a traballar para reducir a súa dependencia do dólar estadounidense aumentando o uso das moedas de cada un no comercio. Houbo propostas para fixar o prezo de materias primas chave como o petróleo nunha cesta de moedas, incluído o iuán chinés, pero o dólar segue sendo o principal mecanismo de fixación de prezos.
O brazo militar
Tan importante como o sistema do dólar é o brazo militar do imperio mundial estadounidense.
O orzamento militar dos Estados Unidos foi de 877.000 millóns de dólares en 2022, segundo o Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (SIPRI), que é máis que os orzamentos militares combinados de China, Rusia, A India, Arabia Saudita, Gran Bretaña, Alemaña, Francia, Corea do Sur, Xapón e Ucraína. A cifra do SIPRI non inclúe o orzamento militar da CIA, o armamento nuclear do Departamento de Enerxía nin moitas outras axencias e operacións militares ocultas e encubertas en Estados Unidos.
O Pentágono ten máis de 750 bases en máis de 80 países. O maior número de bases estadounidenses están en Xapón (120), Alemaña (119) e Corea do Sur (73).
Ademais, a OTAN actúa como brazo militar do imperio estadounidense. Os altos custos de ser membro da OTAN requiren que os países financien a expansión militar estadounidense.
A expansión da OTAN posterior á Guerra Fría incorporou nove países que eran aliados da Unión Soviética ou de ex repúblicas soviéticas.
Espérase que os membros da OTAN dediquen polo menos o 2% do PIB en gastos de “defensa”. Para a maioría dos países, alcanzar esta cifra require un aumento substancial dos orzamentos militares a un custo financeiro significativo. Espérase que os membros da OTAN fornezan tropas e recursos ás misións da OTAN. Participar en operacións como Afganistán ten custos humanos e materiais.
O gasto militar combinado dos membros da OTAN foi de aproximadamente 1,26 billóns de dólares en 2023. Os armamentos da OTAN deben ser compatíbeis cos sistemas de armas estadounidenses, o que significa que os membros da OTAN compran principalmente armas fabricadas nos Estados Unidos.
Tras o colapso da Unión Soviética, o papel da OTAN mudou. A OTAN estivo involucrada en moitas intervencións militares comandadas polos Estados Unidos desde 1991.
- O xeneral do exército estadounidense Wesley Clark comandou a guerra de bombardeos aéreos de 78 días da OTAN contra Iugoslavia en 1999.
- Os Estados Unidos lanzaronba súa guerra contra Afganistán en 2001 como unha operación da OTAN.
- A Secretaria de Estado Hillary Clinton e o Secretario de Defensa Robert M. Gates dirixiron os bombardeos de sete meses da OTAN contra Libia en 2011.
- Os Estados Unidos e a OTAN están inmersos nunha guerra indirecta en Ucraína contra Rusia, proporcionando miles de millóns de dólares en axuda militar, incluídas armas, municións e adestramento, e realizando importantes despregamentos de tropas en Polonia, Rumanía, os estados bálticos e outros países que rodean Rusia. A OTAN tamén activou a súa forza de resposta rápida, unha forza multinacional duns 40.000 soldados.
Colonialismo e neocolonialismo
Un elemento central da análise de Lenin sobre o imperialismo foi o crecemento expansivo do colonialismo na segunda metade do século XIX e as primeiras décadas do século XX.
As potencias imperialistas adquiriron colonias para aseguraren fontes de materias primas, mercados para produtos manufacturados e oportunidades de investimento. Ademais, as potencias imperialistas utilizaron o seu control das colonias para explotar a man de obra dos pobos colonizados.
A análise de Lenin foi esencial no desenvolvemento dos movementos anticoloniais en todo o mundo, xa que explicou as causas do colonialismo e a necesidade de se liberar do imperialismo capitalista.
Unha diferenza entre o imperialismo de 1914 e o actual é o cambio do colonialismo ao neocolonialismo.
No seu libro de 1965 “Neocolonialismo: A última etapa do imperialismo”, o presidente de Ghana, Kwame Nkrumah, definiu o neocolonialismo como a influencia económica e cultural continua das antigas potencias imperiais e outras nacións occidentais sobre as súas antigas colonias despois do fin do control político aberto e do colonialismo formal. O poder xa non se exerce directamente a través do goberno e os gobernadores coloniais, senón indirectamente a través de políticas económicas e culturais que benefician os intereses das corporacións e nacións occidentais.
A guerra de clases global
O Exército Vermello soviético liberou do fascismo a moitos países de Europa do Leste ao final da Segunda Guerra Mundial, incluídos Polonia, Estonia, Lituania, Letonia, Ucraína, Checoslovaquia, Bulgaria, Romanía, Austria, Hungría, Albania e a metade oriental de Alemaña. Os comunistas iugoslavos liderados por Josip Broz Tito tamén liberaron Iugoslavia.
A Unión Soviética xurdiu como a segunda potencia mundial despois da Segunda Guerra Mundial.
Asia converteuse no centro das revolucións lideradas polos comunistas. En Hanoi, o 2 de setembro de 1945, o Viet Minh (dirixido por Ho Chi Minh e o partido comunista de Vietnam) estabeleceu a República Democrática de Vietnam. O 9 de setembro de 1948, os comunistas coreanos, liderados por Kim Il Sung, estableceron a República Popular Democrática de Corea.
O Partido Comunista de China, dirixido por Mao Zedong, dirixiu unha revolución exitosa contra o gobernante Partido Nacionalista (KMT) en outubro de 1949, estabelecendo a República Popular de China.
Unha vez que os comunistas chineses tomaron o poder, dúas quintas partes da poboación mundial vivían en países gobernados por partidos comunistas.
As faíscas da revolución e os movementos de liberación nacional de inspiración comunista varreron África, Asia, América Latina e Medio Oriente.
A guerra civil de Laos comezou en 1954 e durou até 1975. A guerra terminou coa vitoria do comunista Pathet Lao e o estabelecemento da República Democrática Popular Lao. A guerra civil camboiana comezou en 1967 e durou até 1975.
O movemento independentista indio logrou independizarse do dominio británico en 1947. O levantamento do Exército de Terra e Liberdade de Quenia (chamado Mau Mau polas autoridades británicas) de 1952 a 1960 levou á independencia de Quenia en 1963.
A Revolución Alxerina de 1954-1962 estivo dirixida pola Fronte de Liberación Nacional (FLN). A revolución derrocou o goberno colonial francés e estabeleceu a República independente de Alxeria.
A Revolución Cubana (1953-1959), encabezada por Fidel Castro e o Movemento 26 de Julio, que logo se converteu no Partido Comunista de Cuba, estabeleceu a República socialista de Cuba.
África
Os movementos antiimperialistas de liberación nacional estendéronse por África.
- A Frente de Libertação de Moçambique (FRELIMO) loitou contra o dominio portugués en Moçambique e logrou a independencia en 1975.
- O Congreso Nacional Africano (ANC) loitou contra o apartheid surafricano e saíu vitorioso en 1994, dirixido por Nelson Mandela.
- A Unión Nacional Africana de Zimbabwe (ZANU) logrou a independencia en 1980, con Robert Mugabe como líder fundador.
- O MPLA loitou contra o dominio portugués en Angola. Dirixida por Agostinho Neto, a independencia obtívose en 1975.
- SWAPO é un partido socialista que loitou contra o dominio surafricano en Namibia e obtivo a independencia en 1990.
- O socialista Partido Africano de Guiné-Bissau para a Independencia de Guiné e Cabo Verde (PAIGC), dirixido por Amílcar Cabral, loitou contra o dominio portugués en Guiné-Bissau e Cabo Verde e logrou a independencia en 1974 e 1975, respectivamente.
- A Revolución Etíope (1975 a 1991) fundou a República Democrática Popular de Etiopía, encabezada por Mengistu Haile Mariam do Partido dos Traballadores de Etiopía.
- Thomas Sankara e Blaise Compaoré lideraron a Revolución de Agosto en Burkina Faso. Sankara foi un revolucionario inspirado por Fidel Castro e o Che Guevara de Cuba.
Filipinas
Dirixida polo Partido Comunista de Filipinas (fundado por José María Sisón en 1968), a guerra de liberación do Novo Exército Popular é a insurxencia comunista máis longa do mundo.
Indonesia
En 1964, Indonesia tiña o partido comunista máis grande fóra dos países socialistas. A súa afiliación superaba os tres millóns e estimábase que había entre 15 e 20 millóns de seguidores activos.
O goberno do presidente Sukarno aplicou unha política exterior militantemente antiimperialista. Un golpe militar de dereita levou o poder o xeneral Suharto coa axuda da CIA.
Como se di na Wikipedia, “Os Estados Unidos estiveron moi involucrado no fornecemento de diñeiro, armas, radios e subministracións... O goberno de Estados Unidos, xunto coa CIA, proporcionou listaxes de xente con nomes de líderes públicos de esquerda coa intención de eliminalos”. Uns dous millóns foron masacrados.
Centroamérica, Suramérica e o Caribe
Houbo moitos movementos revolucionarios de liberación en Centro e Suramérica desde 1945 até 2020. Ademais da revolución vitoriosa en Cuba, estivo a Revolución Sandinista en Nicaragua e a Revolución Bolivariana en Venezuela, encabezada por Hugo Chávez. O Goberno Revolucionario Popular do Movemento Nova Xoia en Granada foi esmagado por unha invasión militar estadounidense en 1983.
De 1945 a 2020, os movementos revolucionarios loitaron en Haití, O Salvador, Perú, Colombia, Arxentina, Chile, Bolivia, Porto Rico, República Dominicana, Bolivia, Uruguai e Paraguai.
O Movemento de Países Non Aliñados
A Conferencia de Bandung foi unha reunión de líderes asiáticos e africanos celebrada en Bandung, Indonesia, do 18 ao 24 de abril de 1955. A conferencia foi organizada por Indonesia, Birmania (Myanmar), A India, Ceilán (Sri Lanka) e Paquistán e contou coa asistencia de 29 países, a maioría dos cales se acababan de independizar do dominio colonial. Os obxectivos da conferencia eran promover a cooperación económica e cultural e oporse ao colonialismo ou neocolonialismo de calquera nación.
A Conferencia de Bandung achandou o camiño para a fundación do Movemento de Países Non Aliñados (MNOAL) en 1961. Os fundadores do MNOAL foron Sukarno de Indonesia, Jawaharlal Nehru da India, Josip Broz Tito de Iugoslavia, Gamal Abdul Nasser de Exipto e Kwame Nkrumah de Ghana. Os obxectivos do MNOAL incluían a loita contra o colonialismo e o neocolonialismo.
No seu discurso na cimeira dos BRICS, o presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, comparou o bloque coa Conferencia de Bandung de 1955, que foi organizada para oporse ao colonialismo: “Ao reflexionar sobre o propósito e o papel dos BRICS no mundo actual, lembramos a Conferencia de Bandung de 1955, onde as nacións asiáticas e africanas exixiron unha maior voz para os países en desenvolvemento nos asuntos mundiais", dixo. “Aínda compartimos esa visión común", engadiu Ramaphosa. “A través da XV Cimeira BRICS e este diálogo, debemos esforzarnos por promover o espírito de unidade, amizade e cooperación de Bandung”.
A Guerra Fría
O 16 de abril de 1947, Bernard Baruch, un financeiro multimillonario e “asesor” de presidentes desde Woodrow Wilson até Harry S. Truman, cuñou o termo “Guerra Fría”. Nun discurso ante a Cámara de Representantes de Carolina do Sur, Baruch dixo: “Non nos deixemos enganar; Estamos hoxe no medio dunha Guerra Fría. Os nosos inimigos atópanse no estranxeiro e na casa”.
A Guerra Fría foi diferente. En lugar de rivalidades interimperialistas que arrasaran o mundo con dúas guerras mundiais e outras innumerábeis guerras menores, esta foi unha guerra das potencias imperialistas, encabezadas polos Estados Unidos, contra a URSS, os países socialistas de Europa do Leste, China, Corea, Vietnam, Cuba, etc. Foi unha guerra de clases entre o imperialismo e o socialismo.
O derrocamento da URSS
A Guerra Fría terminou coa caída da URSS. E con iso, a natureza do neocolonialismo mudou. Antes de 1991, a existencia dun campo socialista fixo posíbel que os países neocoloniais resistisen o dominio neocolonial e obtivesen un maior grao de independencia política sen derrocar por completo os vínculos económicos neocoloniais. Isto último só era posíbel se un país se unía ao bloque socialista, como o fixo Cuba en 1960.
A existencia do campo socialista encabezado pola Unión Soviética deu vida á consigna Traballadores e pobos oprimidos do mundo, unídevos!
O Manifesto Comunista conclúe: “Traballadores do mundo, unídevos!” que foi emendada pola Internacional Comunista en 1920 no Congreso dos Pobos do Leste en Bakú, Acerbaixán, para dicir “Traballadores do mundo e pobos oprimidos, unídevos!” para reflectir o carácter cambiado do capitalismo, a transformación en capitalismo monopolista e imperialismo.
A Revolución Chinesa contou co apoio da Unión Soviética e Vietnam beneficiouse enormemente do apoio do bloque socialista durante as guerras francesa e estadounidense.
O papel heroico de Cuba na Batalla de Cuito Cuanavale é o exemplo máis destacado de internacionalismo revolucionario. Na primavera de 1988, as forzas armadas da Suráfrica do apartheid e os mercenarios de Jonas Savimbi apoiados por Estados Unidos foron derrotados pola forza combinada do exército cubano, o exército angolano e as unidades militares dos movementos de liberación de Suráfrica e Namibia. Isto levou directamente á independencia de Namibia e despois á caída do réxime de apartheid na propia Suráfrica.
O colapso da URSS puxo fin a esta solidariedade internacional e disolveu o campo socialista. É como cando os traballadores están en folga, fan piquetes pero o sindicato que apoia os folguistas desiste. A folga pode continuar, pero é difícil sen unha organización central para os traballadores.
Cando Lenin estaba a escribir o seu folleto sobre o imperialismo, o seu maior desafío político foi o colapso da Segunda Internacional en agosto de 1914. Como complemento ao folleto, incluíu o Manifesto de Basilea de 1912, “o que fala de maneira precisa, clara e definitiva da conexión entre esa guerra inminente e a revolución proletaria”.
Se estalase a guerra, a clase traballadora debe utilizar a crise económica e política non só para poñer fin a esta senón para espertar o pobo e así acelerar a caída do dominio capitalista.
O fracaso da Segunda Internacional fronte á guerra mundial imperialista representou a fin das esperanzas de toda unha xeración revolucionaria.
O único outro acontecemento na historia do movemento obreiro que se compara –e supera– é a traizón da dirección de Gorbachov da URSS e o colapso da Unión Soviética.
A destrución contrarrevolucionaria da Unión Soviética foi o resultado dunha longa retirada dos dirixentes soviéticos ante o tremendo poder do imperialismo estadounidense.
Hoxe en día, os antigos países socialistas de Europa do Leste e algunhas antigas repúblicas socialistas soviéticas son membros da OTAN.
A loita antiimperialista de liberación nacional nunca acabou, aínda que foi atrasada polo colapso da Unión Soviética e o campo socialista.
O 26 de xullo de 2023, un golpe militar derrocou o presidente de Níxer, Mohamed Bazoum. Isto produciuse tras os recentes golpes de estado en Burkina Faso, Guinea-Conakry, Malí e Chad. Estes países están unidos polo Sahel, unha rexión semiárida nas proximidades do deserto do Sahara que se estende desde o Océano Atlántico no oeste até o Mar Vermello no leste.
Francia foi a potencia neocolonial no Sahel, con Estados Unidos tamén profundamente involucrado. A maior base militar estadounidense de drons en África está en Níxer.
Os informes indican que o golpe conta co apoio do pobo, con moitas manifestacións masivas en Niamey, a capital de Níxer, contra as opresivas condicións neocoloniais.
A nova Guerra Fría
A Guerra Fría foi unha guerra de clases entre dous sistemas sociais irreconciliábeis: o capitalismo imperialista e o socialismo. Chamóuselle fría porque non houbo unha guerra militar aberta. Na súa forma, parécese máis ao que hoxe se chama unha guerra híbrida, que inclúe extensas operacións encubertas, sancións económicas, guerra cibernética e intensa propaganda (o Pentágono di especificamente que o uso de comunicacións masivas con fins propagandísticos está no seu arsenal de guerra híbrida).
As sancións estadounidenses son unha guerra económica. Aínda que a Guerra Fría finalizase, os Estados Unidos continuaron coa súa guerra contra Cuba cun bloqueo e sancións económicas.
A guerra de sancións de Estados Unidos tamén inclúe a Venezuela, Irán, Cimbabue, Corea do Norte, Nicaragua, Siria e o Iemen. Outros países sometidos a sancións estadounidenses son China, Rusia, Bielorrusia, Myanmar, O Líbano, Libia, Malí, Somalia, Sudán, Sudán do Sur, Congo, Eritrea, Burundi, Afganistán e Turkhmenistán.
O actual conflito económico, diplomático, político e militar entre os Estados Unidos e China adoita denominarse a “nova Guerra Fría”.
Os Estados Unidos levan moito tempo tentando acabar co socialismo en China. Este esforzo intensificouse despois do colapso da Unión Soviética e o campo socialista, cando Estados Unidos viron China como o último país socialista importante do mundo.
Países como China identifícanse como socialistas, pero aínda están no proceso de desenvolver os seus sistemas socialistas. As revolucións nestes países sentaron as bases do socialismo, pero enfrontaron moitos atrancos, incluído o bloqueo imperialista, a guerra e a subversión.
A nova Guerra Fría contra China, unha guerra de clases, é a resposta do imperialismo estadounidense aos grandes avances tecnolóxicos de China.
Os avances de China teñen o potencial de fortalecer as súas bases socialistas. The Guardian informa de que: “China lidera en 37 das 44 tecnolóxicas rastrexadas nun proxecto dun ano de duración realizado polo grupo de expertos do Instituto Australiano de Política Estratéxica. Os campos inclúen baterías eléctricas, hipersónicas e comunicacións avanzadas por radiofrecuencia como 5G e 6G”.
A China socialista sacou centos de millóns de persoas da pobreza. Segundo un informe do Banco Mundial de 2019, o número de persoas que viven na pobreza extrema en China caeu de 770 millóns en 1990 a 5,5 millóns en 2015. Isto representa unha diminución do 94%.
As Nacións Unidas din que China é responsábel de máis do 70% da diminución global da pobreza desde 1990. Trátase dun logro notábel, nunca antes visto na historia mundial.
As universidades de China desempeñaron un papel na redución da pobreza. China está a formar máis enxeñeiros e investigadores que os Estados Unidos e Europa xuntos. Graduaron a millóns de enxeñeiros, científicos e técnicos, que axudaron a impulsar o crecemento económico e crear empregos.
Marx dicía que a sociedade avanza co desenvolvemento das forzas produtivas a través da tecnoloxía: “O muíño de man proporciónache sociedade co señor feudal; a sociedade do muíño de vapor co capitalista industrial” (“A pobreza da filosofía”, 1847)
Hoxe, a revolución en alta tecnoloxía senta as bases para que os traballadores e os pobos oprimidos poñan fin ao dominio imperialista e organicen un sistema de socialismo internacional.
[Artigo tirado do sitio web Monthly Review, do 7 de setembro de 2023]