O III Encontro Nacional de Mulleres debate sobre violencias machistas e a folga xeral de mulleres
Unhas 250 delegadas sindicais participarán no III Encontro Nacional das Mulleres da CIG para continuar debatendo sobre a situación sociolaboral das mulleres, a problemática do acoso e o resto de violencias machistas que se producen no traballo. Ademais abordarán a proposta da convocatoria do Paro Internacional de Mulleres, retomando así a feita o ano pasado de sumar a central a este chamado de organizacións feministas como a Marcha Mundial, da que fai parte.
Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa, é o lema escollido pola Secretaría das Mulleres da CIG para a campaña que vai desenvolver co gallo da conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Nesta ocasión, a central sindical propón unha batería de medidas para actuar no ámbito educativo, sanitario, político, xudicial e laboral, co obxectivo de identificar e eliminar as causas estruturais da violencia contra as mulleres, e promover relacións de respecto e igualdade desde idades temperás.
Algunhas das propostas refírense á necesidade de que as empresas conten cun Protocolo de atención para traballadoras vítimas violencia de xénero, no cal figuren os seus dereitos laborais; garantir e asegurar ás traballadoras vítimas o exercicio dos dereitos laborais e económicos e ás prestacións da Seguridade Social que recolle a lexislación, avaliando as súas necesidades e impulsando melloras, ampliando o seu período de goce e aumentando as contías das prestacións económicas; ou negociar protocolos de prevención e actuación en materia de acoso sexual, laboral e por razón de xénero en todas as empresas e administracións.
III Encontro Nacional de Mulleres
A resposta sindical a esta problemática será abordada neste III Encontro Nacional de Mulleres, que terá este mércores, día 22 de novembro no Edificio Cersia en Compostela e no que participarán preto de 250 delegadas sindicais. O encontro desenvolverase entre as 10 e as 14 horas e durante o mesmo abordaranse os distintos tipos de acoso aos que se afrontan as mulleres nos lugares de traballo (acoso sexual, laboral, e por razón de sexo e identidade), farase unha posta en común da nosa resposta sindical (denunciadas presentadas, sentenzas xudiciais, protocolos negociados e aplicados nas empresas, etc), e debaterase o posicionamento da CIG diante do paro de mulleres do próximo 8 de marzo.
Así mesmo, con motivo da proximidade do 25 de Novembro, aproveitarase a xornada para realizar unha concentración de repulsa contra a violencia machista, que terá lugar ás 12:15 horas nas portas do edificio Cersia.
Paro de mulleres
Para a secretaria nacional, Marga Corral Sánchez “o vindeiro 25 de novembro comeza unha conta atrás que culminará o 8 de marzo coa convocatoria dunha folga xeral de mulleres en Galiza”. A iniciativa viría sumarse á convocatoria dun paro internacional de mulleres impulsado polas organizacións feministas, como a Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, co obxectivo de rexeitar, de xeito activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres: non só ante a violencia física ou os feminicidios, senón ante a resposta que moitas administracións dominadas polo patriarcado dan a estas agresións, e contra a permanente discriminación laboral, o acoso e a fenda salarial que padecemos as mulleres.
Desde a central sindical presentarán a proposta de folga para que sexa aprobada polas delegadas da CIG, mais fan tamén un chamamento a un paro xeneralizado no que as mulleres "non só non acudan ao seu traballo remunerado, senón que se absteñan tamén de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado, e ao tempo, realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas".