O IES de Carral convoca folga o día 17 pola imposición unilateral da Consellaría dun ciclo de FP Básica

O equipo directivo dimitiu en bloque e o luns 15 está convocada manifestación de toda a comunidade educativa
Carral - 11 Xun 2026

O claustro do IES de Carral decidiu convocar unha folga que se desenvolverá durante a súa xornada laboral o próximo mércores, 17 de xuño. Esta é a medida extrema que se viu obrigado a adoptar logo dunha actuación da Consellaría que a CIG-Ensino considera, cando menos, "avasaladora".

A semana pasada a Consellaría anuncioulle á dirección que tiña pensado ofertar no IES de Carral un ciclo de FP básica, pero non só non deu explicacións de por que se decidira facelo nun centro onde non hai nin os espazos nin as instalacións dispoñíbeis, senón que anunciou no DOG mediante unha Resolución a súa implantación antes sequera de darlle oportunidade ao claustro a pronunciarse ou a darse por informado.

Ante esta situación de desamparo, o equipo directivo, apoiado polo resto da comunidade educativa, nomeadamente os pais e nais do alumnado actual do centro, decidiu presentar a súa dimisión en bloque e convocar unha concentración ante as portas do IES que se celebrou esta mesma mañá.

Cómpre unha planificación adecuada

Durante a protesta, o director do centro deu lectura a un manifesto onde explicou que  'o equipo directivo e o claustro do profesorado non se opón, todo o contrario, a aumentar as modalidades de ensino do centro; iso si, sempre que sexa o produto dunha adecuada planificación, tanto do tipo de ensinanza a impartir, como dos espazos que se van crear para facelo, como dos ciclos formativos máis axeitados para a nosa localidade, froito do consenso entre Xunta, Concello e centro educativo'.

Este ciclo en concreto ofértase na Coruña, Ordes ou en Betanzos e non está directamente conectado co sector produtivo do Concello de Carral polo que entenden que o claustro debe ser escoitado nas decisións que tome a Consellaría.

Apoio da CIG-Ensino

A CIG-Ensino amosa o seu apoio ás demandas do IES de Carral e reclama, como o resto da comunidade escolar do municipio, "que a Consellaría escoite o posicionamento do centro e que atenda as súas peticións". A central sindical anima, así mesmo, a acompañar calquera mobilización que se programe para as próximas xornadas, nomeadamente a manifestación que transcorrerá desde o IES até o Concello de Carral o luns 15 de xuño e a xornada de folga á que acudirá o profesorado do centro o mércores 17 de xuño.