O Hospital Provincial de Conxo queda sen UCI este verán
A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza acordou pechar a UCI do Hospital Provincial e trasladar ao seu persoal á do Hospital Clínico. A decisión adoptouse por mor da falta de persoal, tras coller unha facultativa da unidade unha baixa por Incapacidade Temporal. A CIG-Saúde reclama a súa reapertura para garantir a asistencia debida ás doentes e reitera a súa demanda dun Plan Funcional que prevea os medios materiais e humanos precisos para evitar que se repitan situacións como esta.
A representante da CIG, Irene Tato, lembra que desde hai anos a Xerencia bloquea camas de UCI durante o verán no Hospital Provincial, que queda só coa metade. A este habitual recorte de medios súmase este ano o peche completo da unidade. “A planificación que fai a Xerencia é manter habilitadas 15 camas na UCI do Clínico e cando este non teña máis dispoñibles, os doentes serán derivados á unidade de reanimación, onde serán atendidos polo seu persoal, sen contar co específico de UCI para os seus coidados”.
Tato afirma que o persoal trasladado da UCI do hospital de Conxo quedará de soporte para a UCI do Clínico “sen ter a día de hoxe as súas funcións e responsabilidades ben definidas o que pode crear conflitos internos entre o persoal e dificultades para exercer as súas competencias”.
Falta de previsión
A CIG-Saúde de Compostela denuncia a falta de previsión e planificación do servizo. Apunta que xa no ano 2020 o persoal da UCI do clínico estivo en folga pola malas condición laborais existentes, chegando a acadar, no acordo de fin de folga, un compromiso de elaboración e implantación dun plan funcional para o servizo que recollese os recursos humanos, materiais e plan de formación precisos para dar unha axeitada asistencia sanitaria.
Denuncia que, porén “a día de hoxe este plan está metido nun caixón e non se fixo efectivo”. Situación que entenden que queda confirmada do momento no que unha soa incapacidade temporal dunha facultativa provoca un peche dunha unidade. Neste sentido, Irene Tato considera que “é notoria a falta de planificación de relevo xeneracional, a falta de contratos dignos a o persoal facultativo que deciden abandonar esta área sanitaria buscando mellores condicións laborais”.
Atención baixo mínimos
O hospital de Conxo, tras do traslado do seu persoal de UCI ao Clínico, só conta, mediante gardas, cunha facultativa de medicina interna e dúas facultativas anestesistas. “Pero non con persoal con coñecementos específicos e de distintas categorías como pode ser persoal de enfermería, facultativos especialistas en medicina intensiva, TCAES e celadores/as que forman parte do equipo básico habitual da unidade necesario para manter a asistencia sanitaria específica de paciente critico.
A CIG-Saúde de Compostela defende que o Hospital Provincial de Conxo debe manter a súa UCI aberta para proporcionar os coidados precisos ás persoas usuarias, xa que “aínda que no período estival se reduciron o número de cirurxías, segue habéndoas e pode haber outras urxentes e pacientes susceptibles en calquera momento de coidados máis específicos como poden ser os de coidados intensivos”.
O sindicato reitera a necesidade de que se implante o Plan Funcional e se dote o servizo da UCI, tanto da unidade do Clínico como a de Conxo, dos recursos necesarios para dar unha boa asistencia ás persoas usuarias da área sanitaria, tal e como recolle a carteira de servizos, responsabilidade da Xerencia da área sanitaria.