O Hospital da Mariña leva oito meses cun só cardiólogo para atender a máis de 72.000 persoas
A CIG-Saúde da Mariña denunciaba o 16 de febreiro de 2024 que o hospital quedaba cun só especialista en cardioloxía. Un centro hospitalario dotado con so tres prazas para atender a máis de 72.000 pacientes “entraba en coma” ao quedar un só especialista ao fronte do servizo. “A pasividade do xerente da Área Sanitaria sumado a pésima xestión da dirección do centro fan que, oito meses despois, a situación non só non mudou, senón que camiña cara á morte do servizo”.
Explican que a semana pasada, a comarca quedou 3 días sen cardiólogo (23, 24 e 25) e sóubose que está anunciado o peche do servizo a partir do 28 de novembro “e até cando menos o 13 de xaneiro, por ausencia do único especialista que soporta a demanda cardiolóxica na Mariña”.
A causa desta situación, denuncia a CIG-Saúde. Non é outra que “o abandono absoluto no que se atopa o centro hospitalario e a veciñanza da Mariña por parte da Consellería e do Sergas, coa complicidade do xerente da Área Sanitaria de Lugo e da dirección do Hospital da Mariña, provocando ingresos de pacientes en Lugo, a máis de 100Km, e arrastrando as súas familias”.
Consecuencias de ter só un cardiólogo
Dende CIG-Saúde A Mariña explican novamente que “cun só un cardiólogo é imposíbel atender a consulta diaria, os ingresos na planta, facer as probas cardiolóxicas e atender urxencias”. Por estas razóns, a situación nesta especialidade é a que segue:
- O Hospital da Mariña non asume ingresos de pacientes de cardioloxía.
- As e os pacientes de cardioloxía que precisan de ingreso son trasladados ao HULA, onde chegan sen cama asignada, tendo que acudir por Urxencias.
- As e os pacientes cun episodio cardiovascular agudo que acoden a Hemodinámica do HULA por precisar dun cateterismo, non volven para o Hospital da Mariña quedando ingresados en Lugo por falta de especialistas na Mariña.
- Cardioloxía da Mariña queda limitada a atender a consulta e facer probas cardiolóxicas.
A CIG advirte que desaparece o servizo de cardioloxía co que isto implica de demora no diagnóstico ao ter as e os doentes acudir ao HULA para facer as probas. Ademais estase incrementando aínda máis a lista de agarda para a realización de probas, tanto as primeiras consultas para diagnosticar como as consultas de revisión imprescindíbeis, “multiplicando deste xeito as longas listas actuais”.
Danos "colaterais"
O desmantelamento de cardioloxía supón que a ambulancia medicalizada que hai na comarca (con base en Foz) estea asumindo os traslados dos/as pacientes desta especialidade ao HULA, “deixando á comarca sen a única ambulancia que permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posíbel, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado”.
“Cansáronse de dicir que pasar a depender de Lugo ía traernos máis e mellores servizos e agora o tempo dános a razón”, sentenza a CIG-Saúde. “Este é o froito das políticas sanitarias do Partido Popular polas cales nos atopamos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade digna e de proximidade que releva aos mariñaos e mariñás a pacientes de segunda categoría”.