O Hospital da Mariña conta cun só cardiólogo para atender a máis de 70.000 persoas
Aínda que o Hospital de Burela dispón de tres prazas dotas, xa de por si un número insuficiente, a CIG-Saúde da Mariña denuncia que nestes momentos só hai un especialista en cardioloxía para atender as consultas diarias, os ingresos en planta e as urxencias. A causa desta situación, critican, "é, unha vez máis, a nefasta xestión desta dirección, provocando traslados e ingresos de pacientes da Mariña ao HULA por falta de especialistas, a máis de 100 Km, e arrastrando as súas familias”.
A CIG-Saúde explica que “cun só un cardiólogo é imposíbel atender a consulta diaria, os ingresos na planta, ou atender urxencias”. Por iso, o Hospital da Mariña só asumirá 4 pacientes ingresados de cardioloxía, a partires de aí as persoas doentes son trasladadas e ingresadas no HULA. No caso das persoas doentes cun episodio cardiovascular agudo e que precisan dun cateterismo, derívanse a Hemodinámica no HULA e xa quedan ingresadas en Lugo por falta de especialistas na Mariña.
Ademais, a falta de especialista provoca un aumento das listas de agarda para a realización de probas diagnósticas, en consultas de revisión imprescindíbeis, en primeiras consultas para diagnosticar. Esperas "inasumíbeis e vergoñentas, que multiplicarán as que xa había até o de agora", advirten.
A representación da CIG subliña que este deterioro na atención é "froito das políticas sanitarias do Partido Popular: atopámonos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade digna e de proximidade aos mariñaos e mariñás”.
Para o sindicato nacionalista “é fundamental rescatar a sanidade pública galega para garantir un servizo básico de calidade e proximidade".