O Grupo Naturgy continúa a deslocalización dos seus servizos de Atención ao Cliente da Coruña
A partir do próximo mes de setembro, o servizo de atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UFD), pasará a ser realizado en máis dun 80% dende Colombia, o que supón unha perda duns 100 postos de traballo. Por iso hoxe o persoal secundaba os paros convocados nas quendas de mañá, tarde e noite e sumábase á manifestación que tivo lugar no Obelisco. Unha mobilización para reclamar unha solución e información sobre o procedemento de deslocalización que vai ter o servizo de avarías e distribución a partir do día 1 do mes que vén.
Así o denunciaba no decurso da manifestación Florentino Fernández, secretario da sección sindical da CIG na empresa, asegurando que “malia terlle trasladado unha batería de preguntas e consultas para que nos aclaren que vai acontecer, non sabemos nada despois de máis dun mes”.
O problema, segundo explica Fernández, é que a partir do día 1 de setembro, o 80% do servizo de avarías será prestado desde Colombia e aquí vaise manter unha segunda empresa cun 20% do persoal, que se pode reducir entre 15-20 persoas para dar atención en galego.
O secretario da sección sindical advirte de que se vai perder toda a experiencia deste persoal que leva máis de 25 anos prestando este servizo. “O coñecemento do servizo, do funcionamento propio de Unión Fenosa Distribución pérdese cando se comeza desde cero e desde Colombia”. Denuncia que quen vai pagar serán os clientes finais porque aínda que a nova Lei da Clientela establece que hai que atendelos antes de 90 segundos, “vai facer que se lles atenda en tempo pero a calidade se desplome totalmente”.
Subliña ademais que este é un servicio básico e esencial para a cidadanía, para notificar cortes, avarías, subas de tensión, altas e baixas do servizo de electricidade ou reclamacións, que ao longo destes anos se prestou, tanto en galego como en castelán, nesta delegación de Teleperformance Coruña, dando cobertura a toda a clientela da Distribuidora (UFD) do grupo Naturgy de todo o estado.
Protección de datos
Fernández denuncia ademais que os datos dos clientes van estar expostos nun país non que non existe unha lexislación como no Estado, nin Europa, porque “en Colombia non existe unha Lei de Protección de Datos que garanta a seguridade dos datos da clientela e iso tampouco se aclara por parte de Teleperformance, nin por parte de Naturgy como se vai”.
Por iso demandan un compromiso por parte da empresa para que se reubique o persoal afectado, que a data de hoxe non teñen e que lles explique como se vai levar adiante esa reubicación, “que criterios se van seguir, como se vai facer, que vai ocorrer coa quenda de noite, coa xente que ten concrecións horarias e gardas legais” e, sobre todo, co servizo de retén de avarías cuxa función, explica, “é precisamente reforzar cando hai momentos de acumulación de avarías” e aínda non saben se se prestará desde Galiza ou tamén desde Colombia.