
O grupo Levantina manterá a unidade produtiva do Porriño e acepta reducir os despidos

O grupo Levantina deu marcha atrás na súa decisión de pechar o centro de traballo da empresa Levgranite no Porriño e aceptou reducir os 95 despedimentos previstos inicialmente a 66, polo que manterá tanto a actividade como un total de 50 empregos.
O comité e a dirección de Levantina chegaron no día de onte a un preacordo tras varias xornadas de negociación, de folga e de mobilizacións que foi ratificado en asemblea pola práctica totalidade do cadro de persoal.
A compañía dedicada á transformación de pedra aceptou reducir o ERE extintivo previsto para 95 persoas a 66, que aplicará de aquí a final de ano de xeito progresivo. De xeito que tras o proceso a empresa contará cun cadro de persoal de 50 persoas traballadoras.
Os empregados/as de Levgranite teñen de prazo até o venres 14 para presentarse voluntarios/as a acollerse ao ERE, en cuxo caso percibirían unha indemnización de 25 días por ano traballo cun máximo de 13 mensualidades, por riba da que establece a lexislación laboral.
Dende a CIG-Construción de Vigo valoran do acordo o feito de que se lograse garantir a continuidade da empresa e reducir o número de persoas afectadas polos despedimentos. E lembran que nos vindeiros días está previsto que se formalice a venta da compañía a un empresario galego que amosou interese na súa adquisición.
Con todo, sinalan que o mantemento da unidade produtiva e dos empregos pactados non depende da operación, xa que a dirección do grupo Levantina comprometeuse a continuar coa actividade e a conservar os postos de traballo.