O “Grupo de Expertos en Atención Primaria” define “as enfermeiras que se trasladan desde o hospital a primaria” como “lastres”
A CIG-Saúde manifesta o seu rexeitamento ás conclusións do “Grupo de Expertos en Atención Primaria”, en particular no referente ao apartado nº 4-e sobre “as enfermeiras que se trasladan desde o hospital a primaria”que son definidas no documento como “lastres”.
“É impresentable que o SERGAS permita a utilización deste cualificativo para definir a un grupo de profesionais altamente cualificado e con unha traxectoria profesional impecable, que fai uso do marco legal para elixir o centro onde quere traballar”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Explica que cando unha enfermeira se traslada do hospital a primaria achega a este nivel asistencial todo o coñecemento adquirido ao longo da súa vida profesional, e toda a súa formación nas distintas patoloxías ou enfermidades que teñen as persoas que ingresan nos hospitais, “e non só desde o punto de vista asistencial, tamén desde a atención ás persoas en toda a súa dimensión persoal, emocional e familiar”, apunta.
Por iso considera que cualificar a este colectivo de profesionais como “lastres” é “un discurso hipócrita que só pretende buscar confrontación entre profesionais”.
Como se pode dicir todo isto cando a responsabilidade é da Consellaría de Sanidade e do SERGAS? |
|
Documento de EXPERTOS |
CIG-SAÚDE |
Falta de Xestión e capacidade organizativa. |
Para que serve tanto cargo de libre designación? |
Indefinición da carteira de servizos de enfermaría. |
Levamos reclamando desde o ano 2009 a carteira de servizos de enfermaría, feita no ano 2008 durante o goberno bipartito. Asistencia Sanitaria sempre dixo NON Á CARTEIRA DE ENFERMARÍA. “Non era bo limitar as cousas” |
Potencial resolutivo superior ao expresado actualmente |
A opinión das profesionais non conta. O criterio utilizado nos últimos anos foi: deixar de facer para non gastar. |
Non están delimitadas as funcións. |
Non hai mapa de competencias. Na maioría dos centros de saúde non hai protocolos. O persoal que se incorpora de novo fai o que, por uso e costume, se fai nese centro. A innovación está penalizada. |
Carencia de Formación |
Os expertos cuestionan a formación continuada do SERGAS? |
Equipa multidisciplinar roto, non hai traballo coordinado, nin traballo en colaboración entre xs distintos profesionais. |
Son as enfermeiras que se trasladan do hospital as responsables de xestionar o traballo en equipo?. |
No documento dos “Expertos” non se fala da responsabilidade da Administración no referente a: amortizar prazas, non cubrir as ausencias e dificultar a prestación de servizo. Para que? |
Para a CIG-Saúde, deste xeito a administración demostra unha grande irresponsabilidade pretendendo facer culpable da situación de atención primaria a un colectivo.
Abuín sinala que é verdade que o persoal que se traslada a primaria mellora a súa calidade de vida ao deixar de facer quendas de mañás, tardes e noites no hospital os 365 días do ano, mais matiza que isto “non é delito, senón un dereito”.