O Goberno local vigués aproba o novo regulamento do pleno entre críticas de traballadores/as e organizacións sociais
O pleno da corporación viguesa sacou adiante a proposta do Goberno local cos únicos votos do PSOE, polo que a partir de agora as sesións plenarias contan cun novo regulamento que foi contestado por organizacións sindicais, políticas e sociais. Entre elas a Unión Comarcal da CIG, que presentou numerosas alegacións ao documento, ao entender que se pretende coartar a liberdade de expresión e dificultar a participación da veciñanza na vida municipal. De todas elas, unicamente foi aceptada unha.
Durante o pleno, no que non se rexistraron incidentes, parte do público asistente amosou carteis denunciando a actitude represora do alcalde e o seu intento de aplicar unha “lei mordaza municipal”, en alusión á normativa de seguridade cidadá aprobada polo Goberno central do PP. Na sesión participou tamén un grupo de traballadoras/es de Linorsa, concesionaria municipal da limpeza dos colexios e dependencias públicas, para reclamar o cobro dos salarios pendentes.
Unha vez aprobado o novo regulamento, os colectivos que se opoñen á súa entrada en vigor optaron por ausentarse do salón de plenos entre apoupos aos edís que sosteñen o Goberno local. Nada máis marchar, o voceiro do grupo municipal do PSOE amosou a súa satisfacción polo feito de que tivesen abandonado a sala.