O Goberno español segue sen asumir un compromiso real para resolver a situación no Sáhara Occidental
O pasado 2 de marzo recibiuse unha escueta carta asinada por Iván Redondo, en nome do presidente do Goberno español, en resposta ao comunicado sindical internacional asinado por 59 organizacións (que foi promovido pola CIG), pedindo unha solución inmediata para o Sáhara Occidental. Solución que pasa ineludibelmente pola posta en marcha e celebración do referendo de autodeterminación, tal e como se recolle nas resolución das Nacións Unidas ao respecto, e que se lle encomendou como misión á MINURSO.
O Goberno español persiste en desentenderse totalmente do problema e deixar no máis absoluto abandono ao pobo saharauí"
"Máis alá de agradecer a confirmación da recepción do noso comunicado e a resposta do presidente, unha vez máis temos que manifestar a nosa grande decepción e preocupación, pola continuidade e inmobilismo do Goberno español na súa persistencia por desentenderse totalmente do problema e deixar no máis absoluto abandono ao pobo saharauí, antiga colonia da que España segue a ser a potencia administradora", subliña o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.
A este respecto, nin a CIG nin o resto de organizacións asinantes do comunicado acreditan no compromiso manifestado nesa resposta, dunha resolución á cuestión do Sáhara; pois dicir que se defende a centralidade das Nacións Unidas e se apoian os esforzos do seu secretario xeral na busca dunha solución política, "parece un claro exercicio de hipocrisía, mentres na realidade se están a incumprir sistematicamente as súas resolucións e séguese a facer caso omiso aos chamamentos que a propia ONU lle ten feito ao Goberno español".
O Estado obvia os chamados da ONU
O máis recente, o pasado 10 de decembro, a través da Resolución 75/102, na que se insta o Estado español, como potencia administradora, a aplicar a Declaración de Independencia e o dereito á libre determinación do pobo saharauí, así como que lle transmita ao secretario xeral da ONU -nun prazo máximo de seis meses-, información estatística e de calquera outra natureza técnica sobre as condicións económicas, sociais e educativas do Sáhara Occidental.
A única solución posíbel para o Sáhara Occidental é a celebración do referendo de autodeterminación"
Tamén se lle solicita información sobre a lei ou o decreto polo que se estableza o goberno do territorio e a relación constitucional do Sáhara Occidental co Estado español. Ademais, emprázao a promover o avance político, económico, social e educativo da poboación saharauí.
"O goberno de España, que se autodefine como o máis progresista da historia, non pode seguir eludindo a súa responsabilidade neste asunto. Cando se estaba na oposición era moi doado manifestar publicamente en diferentes foros, mitins e mobilizacións a solidariedade co Sáhara por parte dos dous partidos que o conforman, como agora o seguen a facer nas redes sociais, o mesmo que as organizacións sociais e sindicais afíns. Mais agora non hai desculpa. É a ocasión de demostrar esa solidariedade e, desde as responsabilidades de goberno que teñen, cumprir coas resolucións Internacionais e facer xustiza, dunha vez por todas, cun pobo que o Estado español abandonou á súa sorte", asevera Rivera Jácome.
Ante esta falta de avances, a CIG reitera que a única solución posíbel para o Sáhara Occidental é a celebración do referendo de autodeterminación, tal e como marca a legalidade internacional á que o goberno español fai referencia no seu escrito, ao tempo que perpetúa o incumprimento deste mandato.