O Goberno español prohibe a manifestación convocada pola CIG coincidindo co Foro da Toxa
A subdelegación do Goberno de Pontevedra vén de “prohibir a realización da manifestación” que a CIG tiña previsto desenvolver o vindeiro día 1 de outubro, das 10:00 ás 14:00 horas, coincidindo coa celebración da última xornada do III Foro da Toxa. Unha mobilización convocada para denunciar ante os seus responsables a estafa dos prezos da enerxía eléctrica; o peche de oficinas bancarias que a Xunta financia con subvencións a caixeiros; e a grave crise económica, industrial e laboral que padece Galiza.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifesta a súa indignación ante a prohibición desta manifestación, máis cando en anteriores edicións a mobilización se desenvolveu con total normalidade. Considera ademais “indignante que se deneguen mobilizacións da clase traballadora e que, porén, se autoricen, sen pudor algún, manifestacións fascistas e supremacistas ao longo e ancho do Estado”.
Carril anuncia que a central sindical interporá un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ante o que considera unha vulneración do dereito fundamental de expresión e do dereito de manifestación.
O III Foro da Toxa, presidido polo exministro de Aznar Josep Piqué ten previsto desenvolver, nesa xornada de clausura, dúas ponencias. Unha na que, baixo o título “Os protagonistas da recuperación”, estará o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, entidade á que a Xunta de Galiza subvenciona a instalación de caixeiros, mentres pecha oficinas, despide persoal e deixa sen atención financeira a miles de persoas no rural galego.
Contra a estafa da luz
E outra na que, baixo o título de “O compromiso ambiental. Un reto urxente”, participará o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, unha das multinacionais responsable da alza imparable dos prezos da electricidade e do espolio dos nosos recursos naturais.
A central sindical chama a participar masivamente nas mobilizacións que ten convocadas para o domingo día 3 de outubro en cidades e vilas galegas contra a estafa da luz e para denunciar tamén a impunidade de quen están perpetrando esta estafa.