O Goberno español prégase ás patronais do metal pontevedrés e impide unha manifestación autorizada en Vigo
A CIG acusa o Goberno español de pregarse aos intereses das patronais do sector do metal da provincia de Pontevedra ao impedir unha manifestación autorizada de traballadores/as en Vigo no marco da terceira xornada de folga para reclamar un convenio colectivo digno. Ao mesmo tempo, a central sindical esixe a dimisión do delegado do Goberno ante a desproporcionada actuación dos corpos policiais, que deixou ducias de persoas feridas.
A terceira xornada de folga no metal pontevedrés para reclamar unha mellora das condicións laborais que o empresariado se nega a asumir transcorría con normalidade e cun seguimento masivo -incluso superior ao dous días anteriores- até que un forte cordón policial impediu o paso da manifestación convocada en Vigo, que ao igual que na xornada anterior debía acabar no IFEVI.
O obxectivo era o mesmo que o do pasado martes: levar as reivindicacións até o recinto, onde se celebraba a xornada de clausura do Mindtech, a feira internacional da industria e das tecnoloxías do metal que organiza a patronal Asime.
Os responsábeis das organizacións sindicais convocantes -CIG, CCOO e UGT- intentaron sen éxito que a marcha continuase negociando coa forzas antidisturbios, que optaron por realizar varias cargas empregando pelotas de goma que deixaron ducias de persoas feridas. A partir de entón os manifestantes dispersáronse, dividíndose en distintos grupo, que conseguiron chegar até o IFEVI e interromperon en varias ocasións o tráfico da autoestrada en distintos puntos. A propia patronal Asime recoñeceu o fracaso da feira Mindtech, que rexistrou unha "forte caída" de visitantes.
“O Goberno posiciónase claramente do lado do empresariado e impide que exerzamos o noso lexítimo dereito de folga e de mobilización”, censuran dende a CIG. Con todo, queren deixar moi claro que as protestas continuarán nos vindeiros días, “se cabe con máis contundencia”, até que se atendan as “lexítimas aspiracións” dos traballadores/as do sector, “que pasan por unha mellora substancial das condicións de traballo, entre o que se inclúe unha suba de soldos xusta”.
Neste senso, lembran que as patronais ofrecen un incremento salarial do 2% para 2023, do 3% para 2024 e do 3% para 2025, pero coa cláusula de revisión salarial topada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos. Pola súa banda, a parte social demanda un incremento do 4% para cada un dos anos con cláusula de revisión ao IPC real.
Asemblea multitudinaria
Antes do inicio da manifestación celebrouse unha multitudinaria asemblea na que as centrais volveron insistir nas principais demandas para o sector, como manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en 24 horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas. Tamén se abordou a ampliación das xornadas de folga anunciada no día de onte, de xeito que continuarán o vindeiro mércores 28 e os días 6 e 7 de xullo.
A folga tamén se deixou sentir especialmente na comarca de Pontevedra, no Salnés e no Deza, onde centos de piquetes percorreron as principais empresas e polígonos industriais. Nestas localidades tiveron lugar distintas mobilizacións, como a concentración celebrada diante de ENCE ou unha manifestación en Vilagarcía. No caso de Pontevedra desenvolveuse ademais unha marcha a pé que rematou á portas da Subdelegación do Goberno para rexeitar o acontecido horas antes en Vigo e trasladar a solidariedade cos traballadores/as afectados/as e coas persoas feridas.