O Goberno español négalle aos palangreiros o acceso ao máximo coeficiente redutor da idade de xubilación
O Goberno español, a través do Instituto Social da Mariña (ISM), confirmou hoxe que non permitirá que aos palangreiros galegos se lles aplique o máximo coeficiente redutor da idade de xubilación (0,40), ao tempo que abriu a porta a que os barcos que se constrúan a partir de agora, tanto palangreiros como arrastreiros, tampouco teñan este dereito. Diante disto, na CIG-Mar entenden que a única vía que lle queda ao sector é a xudicial e a da mobilización.
O anuncio foi feito durante a xuntanza celebrada esta mañá na sede do ISM en Madrid, na que participou o responsábel da CIG-Mar, Xabier Aboi, quen criticou que os responsábeis públicos non desen argumentos “de por que uns barcos quedan fóra e outros non”. Segundo explica o representante sindical, a decisión responde unicamente a criterios económicos, “xa que pretenden recortar este dereito porque a súa financiación seica supón un perigo para a caixa da Seguridade Social”.
Deste xeito, os tripulantes dos palangreiros non poderán adiantar a súa xubilación, como si o poden facer os dos arrastreiros, a pesar de que nos dous casos se trata de conxeladores, o tipo de barcos que tiñan dereito á aplicación do máximo coeficiente redutor. “Ademais, a partir de agora as novas embarcacións que se constrúan, tanto do palangre como do arrastre, non terán este dereito, xa que mediante unha circular interna o ISM estableceu dúas novas subcategorías que quedarán fóra: arrastreiros-conxeladores e palangreiros-conxeladores”.
Diante isto, Aboi considera que a única saída que lle queda ao sector é a xudicial, ademais da convocatoria de mobilizacións. “Non hai outra opción, unha vez que Madrid confirma que non está en disposición de restablecer un dereito cuxa eliminación supón o maior recorte social na historia da pesca galega”.