
O Goberno español expulsa a CIG da comisión de seguimento do Fondo de Reserva da Seguridade Social

A CIG recibiu o pasado 25 de marzo unha comunicación da subdirectora xeral de Ordenación e Pagos do Fondo de Reserva da Seguridade Social informando que a representación sindical nese organismo deixa de constituírse polas organizacións sindicais de máis implantación a nivel estatal, coa participación ininterrompida dende 2006 de CIG, ELA, USO, CCOO e UGT. Agora, de acordo ao RD 100/2025, de 18 de febreiro, que desenvolve a regulación do Fondo, o organismo pasa a estar formado polas organizacións sindicais que teñan a condición de máis representativas a nivel estatal. En consecuencia, na vindeira reunión que se vai celebrar este venres 4 de abril unicamente serán convocados como membros da comisión de seguimento os representantes dos sindicatos estatais de concertación social, CCOO e UGT.
Con todo, o secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, invitou as organizacións sindicais expulsadas a que envíen un representante á 30ª xuntanza da comisión que terá lugar este venres 4 de abril no Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións en Madrid a pesar de non reunir o requisito legal de maior representatividade para que poidan coñecer a situación actual do Fondo de Reserva.
O Goberno español aplica a súa ideoloxía centralista e estatalizadora para negar a existencia dos sindicatos que temos a consideración legal de máis representativos
Diante disto, dende a CIG denuncian, unha vez máis, o “engano” e o “cinismo” do Goberno español de Pedro Sánchez, “que se autodenomina o máis progresista da Historia pero que aplica a súa ideoloxía centralista e estatalizadora para negar a existencia dos sindicatos que temos a consideración legal de máis representativos conforme ao artigo 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical. O que lle dá a organizacións sindicais como a CIG en Galiza ou ELA en Euskadi a capacidade de ostentar representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal.
Con esta manobra “escurantista” e con “premeditación e aleivosía” o Goberno español saca adiante un decreto exprés dous meses antes da reunión. “Unha lei que nin tan sequera cumpre co principio de transparencia, ao non someter ao trámite de audiencia directa das organizacións sindicais máis representativas, como está previsto no artigo 26.6 da Lei 56/1997”.
Dende a CIG lembran que foi en 2006, e despois de tres sentenzas do Tribunal Supremo, cando se declarou que o reparto na comisión non podía ser 'dous a dous' (2 representantes CCOO e 2 UGT), e que tiñan que estar os sindicatos con mais implantación. “Pero nun exercicio de despotismo, indo mais alá da interpretación do propio TS, o Goberno de PSOE e Sumar pretenden calar as voces críticas coas políticas do Estado en materia de pensións modifican o artigo 10 do Real Decreto 125/2025 e recuperando a fórmula 'dous a dous' mediante a introdución do concepto sindicatos máis representativos a nivel estatal”.
Calar as voces críticas e discordantes
Ao mesmo tempo, a central chama a atención sobre o feito de que na anterior comisión do Fondo celebrada o 21 de xuño de 2024 levouse no punto 2º a proposta e aprobación do réxime de funcionamento da comisión de seguimento do Fondo de Reserva, que no seu punto 1º (Composición y funciones de la comisión de seguimento) propoñía que a comisión estaría conformada por catro representantes das organizacións sindicais de maior implantación designados polos seus respectivos órganos de dirección. “Mostrando a falta de escrúpulos e de ética do Goberno e do propio secretario de Estado de Seguridade Social”.
Expulsan a CIG como castigo para que as reunións da comisión sexan un exercicio de autobombo do Executivo e dos 'axentes sociais'
Este punto non chegou a ser debatido despois dun enfrontamento entre o secretario de Estado e o representante da CIG, que na súa intervención trasladou as “ineficiencias” do Fondo en canto ás cotizacións á Seguridade Social, xa que o crecemento do emprego non se está a trasladar aos ingresos por cotizacións polo menor crecemento dos salarios.
A representación da CIG tamén puxo enriba da mesa cuestións como o incumprimento da Carta Social Europea a respecto do SMI (que debera ser do 60% do salario medio), a gran bolsa de fraude polas horas extraordinarias non retribuídas, a parcialización que se está a producir no emprego e o proceso de privatización do sistema de pensións mediante os plans de pensións de emprego (PPE).
“É evidente que o Goberno español expulsa a CIG como castigo para que as reunións da comisión sexan un exercicio de autobombo por parte do Executivo e dos 'axentes sociais', xa que non respectan as voces críticas e discordantes; e moito menos van permitir que as nosas afirmacións aparezan nas actas, deixando retratado a quen se preocupa máis por quedar ben diante do Goberno que por defender os dereitos da clase traballadora”.
Á reunión deste venres asistirá o secretario confederal de Negociación Colectiva e Emprego, Francisco Xavier González Sío, que trasladará a “enérxica repulsa” da central sindical a este acto “antidemocrático e estatalizador” co que se pretende deixar a clase traballadora galega sen voz na comisión de seguimento do Fondo de Reserva. Fronte a isto, a CIG emprenderá as medidas institucionais, administrativas, sindicais e xudiciais necesarias para deter esta vulneración de dereitos.