O Goberno do PP gasta 55 millóns de euros nun helicóptero ‘nocturno’ mentres nega máis bases medicalizadas no resto do país
A CIG-Saúde denuncia que o Goberno galego do PP continúa apostando por derivar fondos públicos a empresas privadas en vez de investir no reforzo directo da sanidade pública. A central sindical critica o recente anuncio da posta en marcha dun helicóptero medicalizado con servizo nocturno, cun custe de arredor de 55 millóns de euros, cando esta cantidade permitiría poñer en funcionamento tres bases medicalizadas do 061.
“Este é un recurso moito máis próximo, eficaz e necesario para garantir a atención ás emerxencias, especialmente no rural galego, e coa capacidade de prestar servizo as 24 horas do día os 365 días do ano”, afirman.
A CIG-Saúde leva anos denunciando a falta de bases e ambulancias medicalizadas do 061 en amplas zonas do país, especialmente no rural, unha carencia estrutural que segue sen resposta por parte do SERGAS. Na actualidade, a maioría das bases medicalizadas concéntranse nas cidades e nas zonas máis poboadas, mentres que a poboación rural continúa desprovista dunha atención urxente próxima, directa e de calidade.
A organización sindical considera que este novo anuncio responde máis a unha medida propagandística que a unha solución real e eficiente ás necesidades asistenciais da cidadanía. Ademais, a central advirte de que o helicóptero anunciado non poderá operar todos os días debido ás condicións climatolóxicas nin acceder a todas as zonas do territorio, polas limitacións propias deste tipo de servizo. Polo tanto, reiteran “non vai solucionar o problema real de acceso ás emerxencias sanitarias das persoas que viven no rural”.
Neste sentido, a CIG-Saúde reclama que o diñeiro destinado ao helicóptero se invista no que realmente salva vidas. Entre as prioridades urxentes sinalan a necesidade de incorporar un segundo persoal técnico nas ambulancias medicalizadas de baixo custo, que na actualidade funcionan cunha única/o profesional, obrigando o persoal médico e de enfermaría a asumir tarefas que non lles corresponden, como o traslado da persoa paciente, a carga do material ou o manexo da aparataxe.
Así mesmo, consideran imprescindíbel crear unha unidade específica para o traslado de pacientes con shock cardioxénico ou con dispositivos Impella, equipada cunha plataforma elevadora e sistemas de suxeición homologados, que garantan a seguridade tanto do persoal como das persoas pacientes, algo que na actualidade non está asegurado.
Por último, reclaman que as actuais SVAE pasen a prestar servizo as 24 horas, e non só durante 12 horas como sucede agora, unha limitación que reduce de maneira significativa a capacidade de resposta do sistema de emerxencias sanitarias.
Por todo isto, a CIG-Saúde esixe ao SERGAS unha distribución equitativa dos recursos sanitarios en toda a Galiza, que invista no que é esencial: máis persoal, máis seguridade e máis cobertura territorial. “A cidadanía precisa unha sanidade pública forte e eficaz, non proxectos vistosos que deixan sen protección real amplas zonas do país”, conclúen.