A CIG denuncia a grave irresponsabilidade do Goberno español por non desenvolver a normativa necesaria para garantir o cumprimento efectivo da Directiva europea 2023/970 sobre igualdade salarial e transparencia retributiva, malia ter dous anos para facelo, rematando o prazo o día 7 de xuño e sen ter a día de hoxe, mudanzas previstas.
Non se trata dun atraso administrativo menor, senón dunha decisión política que ten consecuencias directas sobre as traballadoras. O Goberno español perdeu unha oportunidade para modificar os decretos 901/2020 e 902/2020, que xa no seu día foron cuestionados pola CIG por non incorporar unha definición suficientemente precisa de fenda salarial e discriminación retributiva, permitindo interpretacións difusas e deixando marxe ás empresas para xustificar diferenzas salariais inxustificábeis.
Esta directiva é clara e reduce do 25% ao 5% o límite a partir do cal unha diferenza retributiva debe ser analizada e corrixida, e obriga a realizar unha avaliación retributiva conxunta coa representación das persoas traballadoras. Esta demora debilita a capacidade sindical para actuar fronte ás discriminacións salariais.
A directiva recolle que a información retributiva será diferente en función do tamaño do cadro de persoal:
- En empresas de máis de 250 persoas traballadoras a información será anual.
- En empresas de entre 150 e 249 persoas traballadoras a información será trianual.
- E a partires do mes de xuño do ano 2027 e entre 100 e 149 persoas traballadoras tamén será publicada cada tres anos, pero desde xuño do ano 2031.
Alén do anterior, a Directiva deberá aplicarse a todo o persoal, incluído o contratado a tempo parcial, con contrato de duración determinada, por ETT, traballo doméstico, a demanda, intermitente, mediante vales, de plataformas dixitais, con empregos protexidos, en prácticas e aprendices, mesmo ás persoas solicitantes de emprego. E o que é máis importante, polos feitos relativos ao traballo que desempeña e non pola descrición da relación ofrecida polas partes.
Sancións por falta moi grave
De non corrixir as diferencias retributivas, as empresas serán sancionadas por falta moi grave, estipulando o dereito das persoas traballadoras a denunciar individual ou colectivamente, debendo cubrir os danos e prexuízos sufridos como consecuencia da discriminación retributiva por razón de xénero (recuperación íntegra dos atrasos, primas e pagos en especie, resarcimento pola perda de oportunidades, acceso a determinadas prestacións en función do novel retributivo e os danos morais sufridos pola infravaloración do traballo realizado), sen límite máximo en concepto indemnizatorio.
Mesmo recollen a posibilidade de excluír dos contratos públicos as licitadoras que pese a presentar a oferta económica máis vantaxosa incumpran co principio de igualdade de retribución.
Deberán tamén as empresas incluír nas ofertas de emprego a información do rango salarial ou da banda retributiva e non poderán preguntarlle ás persoas candidatas canto cobraban noutra empresa para axustar a oferta.
Nos casos de denuncia de discriminación salarial potencial, directa ou indirecta, a carga de proba recaerá na empresa, debendo demostrar ante a Inspección de Traballo ou os tribunais de xustiza a xustificación obxectiva das diferencias retributivas entre persoal que desempeñe as mesmas funcións e responsabilidades.
Non hai constancia das intencións do Goberno
Aínda que para o Ministerio de Traballo “loitar contra a fendas salarial é unha das prioridades para o goberno” o certo é que non se ten constancia aínda nin do borrador do proxecto de real decreto, polo que a central tema que poidan repetir a mesma reacción que con textos anteriores retrasando a transposición da norma ou, directamente, expoñéndose ás sancións, tal e como aconteceu co permiso parental; ou ben tramitando a modificación pola vía de urxencia (sen contraste cos todos os axentes sociais como a CIG, ou cinxíndoa só ao diálogo social con CCOO e UGT).
Fica pendente, polo tanto, coñecer se máis aló da normativa de aplicación (que recolle a obriga das empresas de elaborar un rexistro retributivo anual, e de realizar unha auditoría retributiva logo dun sistema de valoración de postos de traballo), o Goberno ten pendente incorporar a definición do que se entende por un traballo de igual valor, concretar a contía das compensacións en caso de fenda de xénero sen xustificar, e modificar na norma a incorporación nas ofertas de emprego, da información das bandas salariais ás que acceden as persoas candidatas.
As discriminacións persisten
Os datos amosan que esta demora non é inocua. O ultimo estudo do IGE sobre bases de cotización do réxime xeral en Galiza ilustran un escenario de discriminación. A base media de cotización, no réxime xeral, dos homes galegos sitúase en 2.335,8 euros mensuais, fronte aos 2.034,8 euros das mulleres. É dicir, as mulleres teñen unha base media 301 euros inferior cada mes, o que supón unha fenda do 12,9%. A situación é aínda máis grave en territorios como Pontevedra, cunha fenda do 14,5%, ou na Mariña Occidental, onde a diferenza chega ao 26,9%.
Estes datos evidencian que a desigualdade salarial segue sendo estrutural e que afecta especialmente os traballos feminizados, historicamente infravalorados e peor retribuídos. Por iso, a falta de desenvolvemento normativo beneficia a patronal e prexudica as traballadoras, ao manter espazos de opacidade, discrecionalidade e impunidade empresarial.
O Goberno español non pode seguir facendo discurso de igualdade mentres atrasa as normas que deben facer efectivos eses dereitos nos centros de traballo. As traballadoras non precisan máis propaganda: precisan salarios dignos, transparencia real e ferramentas sindicais para combater a fenda salarial.
Segue a faltar contundencia nos textos publicados, segue a faltar información e unificación de criterio no que respecta a potestade de fixar criterios discrecionais como xustificación das retribucións variables, seguen a faltar procedementos para arbitrar as subidas salariais e son poucas as sancións ás empresas que carecen de plans de acción en materia retributiva, por mor dunha falta de vontade política que priorizou sempre aspectos económicos ou estratéxicos no canto de desenvolver os decretos e regulamentos necesarios para poñer en marcha a lexislación e para mudar esta desigualdade.