O goberno de Rueda, o máis reaccionario dos do PP na Xunta, publica no DOG as instrucións para o control ideolóxico dos centros educativos

A CIG-Ensino chama a mobilizarse o 25 de xuño, ás 12:00 horas, diante da consellaría, para exixir a súa retirada e en defensa da dignidade profesional do profesorado
Nacional - 16 Xun 2025

A CIG-Ensino vén de exixir a retirada das instrucións publicadas no DOG, para o curso 2025-2026, segundo as que os centros educativos deben dar conta á Inspección educativa de calquera actividade que non estivese aprobada na Programación Anual Xeral, algo que non figura nos Regulamento Orgánicos dos centros nin nas ordes que os desenvolven. Reclama, ademais, que se leven a debate na Mesa Sectorial e chama a mobilizarse o 25 de xuño, ás 12:00 horas, diante da consellaría de Educación en defensa da dignidade profesional do profesorado e os dereitos laborais.

A CIG-Ensino acusa a Rueda de petender controlar as actividades e colaboracións externas dos centros educativos a través da inspección educativa, tal como se recolle nas instrucións publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o curso 2025-2026.

Estas instrucións, que afectan directamente as condicións laborais do profesorado e a autonomía pedagóxica dos centros, foron impostas sen negociación na Mesa Sectorial, vulnerando a legalidade e ignorando a oposición da comunidade educativa.

Unha nova ameaza á autonomía dos centros educativos

As instrucións publicadas no DOG introducen un nivel de control sen precedentes sobre as actividades complementarias e as colaboracións externas dos centros educativos, obrigando a informar á inspección educativa de calquera actividade non aprobada na Programación Xeral Anual (PXA).

Esta esixencia non aparece nos Regulamentos Orgánicos dos Centros (ROC) nin nas ordes que os desenvolven, evidenciando unha clara intención de limitar a autonomía pedagóxica e de fiscalizar o traballo docente. Ademais, o texto endurece os criterios para aprobar cambios na PXA, pasando de consideralos “excepcionais” a “moi excepcionais”, o que supón unha restrición burocrática innecesaria.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou este cambio como unha “novidade principal” durante a súa comparecencia, destacando a suposta necesidade de garantir a “neutralidade ideolóxica” nas actividades escolares.

Para a CIG-Ensino, esta é unha manobra política destinada a utilizar a inspección educativa como ferramenta de control, en lugar de promover unha colaboración co profesorado para mellorar o sistema educativo. “A Consellaría envía unha mensaxe clara de advertencia e fiscalización ás direccións e ao profesorado, poñendo en cuestión a súa profesionalidade”, afirma Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.

Unha xustificación ideolóxica baseada nunha lei obsoleta

O artigo quinto das instrucións xustifica a “neutralidade ideolóxica” citando a Lei Orgánica 8/1985 (LODE), unha norma de hai 40 anos que non foi invocada nin durante os mandatos de Manuel Fraga (1989-2005). Sorprendentemente, o texto omite calquera referencia á actual lei educativa en vigor, a LOMLOE (Lei Orgánica 3/2020), que establece principios e fins educativos moi claros, como a promoción da cidadanía democrática, a igualdade, a solidariedade, a educación para a paz e o respecto aos dereitos humanos. A CIG-Ensino considera que esta omisión deliberada introduce un “nesgo ideolóxico” por parte da propia Consellaría, que se contradí coa lexislación vixente.

Por exemplo, a LOMLOE recolle no seu artigo 1 que a educación debe transmitir valores que favorezan “a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”, e no artigo 2 subliña a formación para “a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres”, a “cohesión social” e o “desenvolvemento sustentable”.

“Se a Consellaría quere falar de neutralidade, debería comezar por respectar a lei actual e non recorrer a unha norma obsoleta para xustificar o seu control político”, critica Arroxo.

Un ataque á autonomía pedagóxica e á liberdade de cátedra

As novas instrucións poñen en risco a autonomía pedagóxica dos centros, un principio garantido por leis como a LOE, a LOMLOE e a normativa galega. Até agora, os cambios na PXA eran aprobados pola dirección dos centros, coa participación do Consello Escolar, sen intervención da inspección. A nova obriga de informar á inspección educativa supón unha inxerencia directa na organización das actividades escolares, limitando a capacidade dos centros para adaptarse ás necesidades do alumnado e da comunidade educativa.

A CIG-Ensino fai un chamamento ás direccións e aos consellos escolares para que manteñan a súa profesionalidade e sigan aprobando os cambios necesarios na PXA conforme á normativa de rango superior. Así mesmo, anima o profesorado a rebelarse contra calquera tentativa de censura por parte da administración, defendendo a súa liberdade de cátedra e a dignidade profesional. “Non consentiremos intervencións políticas que laminen a función docente. Apoiaremos os centros e o profesorado ante calquera intento de control ideolóxico”, asegura o sindicato.

Ausencia de medidas concretas para reforzar a autoridade docente

Mentres a Consellaría se esforza por implantar mecanismos de control, as instrucións carecen de propostas concretas para reforzar a autoridade pública do profesorado fronte a conflitos con familias ou alumnado. A mención á “autoridade docente” é meramente declarativa, sen detallar protocolos ou medidas prácticas. Por exemplo, a negociación do Plan de Igualdade, iniciada hai un ano, aínda non avanzou na elaboración dun Protocolo de Acoso que guíe o profesorado en situacións problemáticas. “A Consellaría enche a boca de grandes palabras, pero deixa o profesorado desprotexido ante os retos reais”, denuncia a CIG-Ensino.

Novidades que afectan as condicións laborais sen negociación

As instrucións inclúen cambios que impactan directamente nas condicións de traballo do profesorado, pero que non foron negociados na Mesa Sectorial, como é preceptivo. Un exemplo é o apartado 8.2, que establece que os especialistas con dispoñibilidade horaria poden apoiar ás titorías de educación infantil mediante docencia compartida ou individual. Esta medida, nova respecto á práctica habitual, debería terse debatido coa representación sindical antes da súa aplicación, xa que altera a organización laboral.

No ámbito da atención á diversidade, o artigo 34 permite ás direccións adaptar os horarios dos especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) durante o curso, pero non esixe consultar o criterio dos departamentos de Orientación, que son os responsables de propoñer estas modificacións. A CIG-Ensino solicita que se respecte a distribución horaria e as quendas de traballo do profesorado, conforme á normativa do calendario escolar, e que calquera cambio se acorde co persoal afectado.

Ademais, o artigo 36, que limita as adaptacións curriculares e os apoios de PT e AL a casos “excepcionais” de alumnado con necesidades específicas, é inaceptable para a CIG-Ensino. Esta redacción restrinxe o acceso a recursos para colectivos como o alumnado estranxeiro ou con altas capacidades, evidenciando a falta de compromiso da Xunta con unha educación inclusiva. O sindicato esixe a retirada deste artigo e unha dotación adecuada de recursos humanos.

Reunións telemáticas: unha carga para o profesorado

As instrucións tamén regulan as reunións telemáticas, esixindo que o profesorado dispoña de “medios tecnolóxicos propios” para participar. A CIG-Ensino considera esta obriga inadmisible, xa que contradi o artigo 47bis do EBEP, que establece que o teletraballo é voluntario e que a administración debe proporcionar os medios necesarios. O sindicato demanda a retirada deste apartado e a garantía de que os centros educativos faciliten os recursos tecnolóxicos ou a posibilidade de asistir presencialmente.