O Goberno aplicará a reforma proposta pola CIG para obrigar as empresas a rexistrar a xornada laboral
O Ministerio de Traballo valora impulsar a reforma legal proposta pola CIG aos distintos grupos políticos en 2017 que na actualidade se atopa en fase de tramitación tras seren aprobada polo Congreso dos Deputados/as para que as empresas teñan a obriga de rexistrar a xornada laboral efectiva.
Dende a federación de Banca da CIG sinalan que a súa loita contra a fraude na xornada laboral “vén de moi vello, e cómpre lembralo cando semella inminente a posta en marcha dunha modificación legal para rematar coa fraude das horas extraordinarias ilegais”.
Lembran que se trata de horas non pagadas, que non cotizan á Seguridade Social nin tributan e que superan o máximo legal de 80 horas anuais (un tope co que se que pretende impedir a destrución de postos de traballo).
En 2014 a CIG-Banca puxo en marcha unha campaña de denuncias nas Inspeccións de Traballo e de mobilizacións, e en 2015 a federación presentou conflitos colectivos reclamando o rexistro da xornada en diferentes bancos (Abanca, BBVA e no Pastor). A Audiencia Nacional ditara sentenzas favorábis, e as patronais CECA e AEB abriron procesos de negociación. Tratábase de rematar cunha práctica totalmente estendida no sector financeiro contra a que a CIG leva loitando dende 1995 mediante diversas campañas.
Finalmente o Tribunal Supremo (TS) fallou a favor das empresas en 2017, negando a obriga do rexistro; tempo despois, CECA e AEB pecharon as negociacións. Mais a propia sentenza establecía que “non existe a obriga legal de rexistrar a xornada efectiva”, pero que sería necesaria unha “modificación legal”.
Proposición de Lei
Ao fío desas sentenzas, a CIG decidiu o ano pasado remitirlles unha Proposición de Lei a todos os grupos con representación no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados/as. Esta proposta derivou en iniciativas que foron presentadas por varios grupos no Congreso e que foron aprobadas.
A proposta remitida pola CIG cubriría esa necesidade de clarificación normativa á que aludía a sentenza do TS, modificando os artigos 34 e 35 do Estatuto dos Traballadores/as para establecer a obriga para todas as empresas de rexistrar diariamente a xornada dos seus traballadores/as, en termos similares á regulación actualmente existente para os traballadores/as móbiles no artigo 10 bis.5 do Real Decreto sobre xornadas especiais de traballo.
Tamén se modificaría o artigo 7.5 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, a fin de establecer como unha infracción grave en materia de relacións laborais individuais e colectivas a falta de control ou incorrecto control do rexistro diario de xornada.
Con esta modificación legal pretendíase evitar as prolongacións irregulares de xornada, que prexudican non só os intereses económicos e xurídicos dos traballadores/as e o seu dereito á conciliación da vida persoal e laboral, senón tamén a creación de emprego e consecuente diminución do desemprego.
Agora o novo Goberno español do PSOE anunciou que pretende implantar a obriga de rexistrar a xornada, medida que se incluiría nun plan contra a precariedade laboral. “O traballo de anos da CIG contra a fraude na xornada está a piques de dar os seus froitos. Unha cousa é oportunismo, outra sindicalismo. O traballo sindical serio e rigoroso non sempre dá resultados de xeito inmediato”, indican dende a central.