O “Galego” Soto, líder da Patagonia Rebelde

Manuel Mera - 18 Feb 2025

O sindicalismo de Arxentina e Chile ve no “Galego” Soto un dirixente a reivindicar. Foi un galego exemplar, un paisano que fixo o que debía e que nunca esqueceu a súa patria, como amosou cando fundou anos despois o Centro Galego de Punta Arenas (Sur de Chile)

 Antonio Soto Canalejo foi un de tantos paisanos emigrados á Arxentina na procura dunha vida mellor... (tamén para evitar as levas da guerra de Marrocos). Chegou a Bos Aires, Arxentina, sendo un mozo desde o seu Ferrol natal, traballou unha miga aquí e outra alí, e co tempo foise vencellando aos defensores dos asalariados daquel momento, os anarquistas. En 1919 a gran cidade do Plata axítase (tiña xa dous millóns de habitantes), esténdese a protesta social que desemboca na “Semana Tráxica”, mobilizacións nas rúas, represión militar e policial, detencións, expulsións do país, centos de obreiros feridos e mortos. Este contexto, ademais da proximidade da Revolución Rusa, alentan os desexos de cambio, nun contexto social e laboral no que as condicións eran moi ruíns, cando non noxentas.

 En 1920 Antonio Soto chega a Río Gallegos, capital do territorio de Santa Cruz, na Patagonia Arxentina, que tiña apenas 20.000 habitantes (un 20% procedentes do Estado español, moitos deles galegos/as). Aos poucos días asiste a unha asemblea da Federación Obrera da localidade. Fala, os asistentes comprenden axiña que ten madeira de dirixente, pídenlle que quede... Ao pouco tempo é elixido Secretario da Federación. Comezan as loitas, as folgas... primeiro na hostelaría, despois no frigorífico, logo entre os peóns do campo. Estes últimos, na maioría chilotes (chilenos da illa de Chiloe, durante a colonia chamábase “Nueva Galicia”), tamén europeos que traballan en condicións feudais. Non teñen sequera un catre no que se deitar, carecen de velas, as instrucións dos botiquíns están en inglés (nacionalidade da maioría da patronal). Comeza a folga e o goberno envía tropas militares. Varela, o oficial que as comanda, comprende o razoábel das proprostas e impón un acordo de compromiso. Os patróns non cumpren, e a folga reiníciase. Varela volta a Río Gallegos coa orde de actuar (dada por Yrigoyen, o primeiro presidente realmente democrático, radical, que cede ante as presións do Goberno Británico). Principia a represión, as matanzas.

 Un feito determinante no conflito, sucede na facenda “La Anita”. Antonio Soto, xunto a un grupo de chilotes, que non creen na proposta do exército que os arrodeaba na facenda (decembro de 1921) foxe a Chile xunto a un grupo de chilotes cabalgando día e noite. Non queren ser presa fácil ante unha morte que consideran segura, ao perderen a asemblea, na que el propón irse ao monte e seguir desde alí a folga. Na asemblea gaña a postura dos que coidan que as propostas dos militares de rendición sen represalias son sinceras. Os que aceptan pasarán toda a noite sostendo de pé cada un unha vela, no interior dun galpón amoreados. Ao amencer son fusilados en grupos. Represión cruel para uns peóns que só reclamaban velas, catre para durmir e instrucións nos botiquíns en castelán. En La Anita, unha grande “estancia” (facenda) serán fusilados 350 peóns (hai fontes que rebaixan as cifras). Noutras “estancias” farase o propio. Calcúlanse en 1.500 os fusilados. Remata o conflito, traxicamente, na Patagonia rebelde.

 O “Galego “ Soto era un home alto, que falaba unha mestura de castelán e galego, polo que os peóns non lle entendían todo, porén era tanta a forza que transmitía que o seguían. El facía os panfletos, elaboraba as proclamas e redactaba as táboas reivindicativas, mais tamén estaba a cabalo acotío entre unha “estancia” e outra, nun territorio oito veces máis grande que Galiza. Así era Soto, por iso o sindicalismo de Arxentina e Chile ve nel un dirixente a reivindicar. Foi un galego exemplar, un paisano que fixo o que debía e que nunca esqueceu a súa patria, como amosou cando fundou anos despois o Centro Galego de Punta Arenas (Sur de Chile), ensinandolle á súa filla a lingua galega. Así foi Antonio Soto, así foron tamén moitas ducias máis de paisanos que participaron na loita dos peóns da Patagonia (como Outerelo, Graña... ou Puente, en Puerto Natale), outros na Semana Tráxica,… mobilizándose e organizando á clase obreira en América Latina, especialmente na Arxentina. Merecen a nosa lembranza.

 

[Galiza, 17 de febreiro de 2025]