O Gabinete de Saúde Laboral pon en marcha un espazo web específico para riscos laborais de traballadores/as maiores de 55 anos
Segundo informacións proporcionadas pola propia Eurostat, mentres que entre os/as traballadores/as de 45 a 54 anos prodúcese unha media de 39 novas enfermidades profesionais cada 100.000 traballadores/as, no grupo de idade dos 55 aos 64 anos prodúcense 69; a maioría delas derivadas de exposicións a factores físicos no traballo.
O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral considera que estes datos constatan que o número de casos de novas enfermidades profesionais increméntase significativamente coa idade, ao igual que o feito de que os accidentes producidos entre os/as traballadores/as maiores de 55 anos son de maior gravidade e rematan por ter asociado un periodo máis longo de incapacidade laboral; sendo tamén máis frecuentes entre este colectivo os accidentes laborais con resultado de morte.
Por iso entendeu necesario abrir este novo espazo, como unha forma de contribuír á correcta identificación e delimitación desta importante problemática. Espazo que, en todo caso, e segundo explica no propio Boletín, “se irá dotando dunha estrutura de contidos e recursos específicos sobre riscos, riscos novos e emerxentes e hábitos saudábeis referidos ás traballadoras e traballadores de máis de 55 anos”.
Xunto a isto, o Boletín fai unha análise exhaustiva da sinistralidade laboral en Galiza no ano 2015 e as súas causas. Unha información que completa coa análise da sinistralliddade, que acada cifras “altamente preocupantes” nas obras menores.
Este número recolle tamén un interesante artigo sobre “Industria 4.0: os novos retos do mercado laboral” e informa da “Última modificación da regulación da TPC: unha fuxida cara adiante na mala dirección”.