O futuro do traballo despois do coronavirus

Judith Carreras - 12 Ago 2020

O mundo do traballo pos-Covid-19 sitúanos ante un escenario complexo. O risco máis evidente é a aceleración das tendencias que se veñen dando, agravando as desigualdades, xerando sociedades máis polarizadas, empobrecendo aínda máis a unhas clases populares xa depauperadas, proseguindo coa devastación ambiental, e así de crise en crise

A carreira das predicións está en marcha: máis aló da contundencia ou prestixio de quen as presenta e dun certo consenso nos datos macroeconómicos a curto prazo, o factor incerteza e os grandes interrogantes son a tónica compartida. As incertezas derivadas da pandemia da Covid-19 veñen sumarse a outras que xa estaban moi presentes na sociedade -en relación co que nos depara o futuro do traballo ou aos retos ambientais da urxencia climática-. A diferenza é que esta pandemia vai acelerar todas estas crises interconectadas, aumentando as incertezas do futuro próximo que nos agora que, como o laboral, son agora presente -e moi cru- para moita xente; o que precipita á súa vez a necesidade de dar repostas e repensar alternativas.

 Este artigo pretende, modestamente, achegar algúns elementos para a reflexión sobre o impacto da Covid-19 no mundo do traballo a nivel mundial. Para iso, o texto articúlase en dous grandes apartados: o primeiro, un repaso da situación do emprego no mundo pre-Covid-19 e como esta primeira fase da pandemia está impactando nel. E o segundo, unha análise das megatendencias que xa viñan transformando de xeito profundo os mercados de traballo e como a crise da Covid-19 pode acelerar ou reverter algunhas destas tendencias. Por motivos de extensión, a parte máis propositiva: as relocalizacións, a reindustrialización e as nacionalizacións nun mundo global, unha nova fiscalidade para un novo modelo produtivo e de protección social, o reparto do emprego e os traballos, ou que dereito do traballo e gobernanza para o mundo do traballo que queremos, deberán quedar para outro artigo.

O mundo do traballo antes da Gran Reclusión e o impacto da Covid-19

 Dos 7.700 millóns de habitantes do mundo, estímase que hai en idade de traballar en torno a 5.300 millóns de persoas; destas están activas no mercado laboral uns 3.300 millóns de persoas, é dicir, o 62%. De todas as persoas empregadas, arredor de 1.800 millóns -o 54%- son asalariadas(1), o resto están en situacións de traballadores autónomos ou como traballadores familiares, en agricultura familiar, por exemplo, onde se concentran as situacións máis vulnerábeis.

 Máis de 2.000 millóns(2) de persoas, xa sexan asalariadas, autónomas ou na economía familiar(3) están en situación de informalidade. Iso significa que unha de cada tres persoas traballadoras ten a carencia dalgún, varios ou todos estes elementos: contrato, cotizacións á seguridade social -subsidio de desemprego, vellez contributiva, baixa de maternidade/paternidade-, dereito á sindicalización e negociación colectiva.

 A crise da Covid-19, estímase, afecta a case 1.600 millóns de traballadores da economía informal, provocando unha diminución media do 60% dos seus ingresos. De feito, aínda que poida parecer paradoxal, é nas economías do norte onde máis vai subir a pobreza relativa de traballadores e traballadoras informais. Antes da crise xa se situaba no 27,5% -fronte a un non pequeno 14% de formais-. Coa Covid-19, a pobreza relativa das e os traballadores informais subiu até un 80% 4/. Estes traballadores e traballadoras non se poden permitir deixar de traballar, nin traballar desde casa(5), mentres están sendo excluídas das axudas da maioría de Estados. Por exemplo, no Estado español pensemos en traballadores sen contrato na construción, restauración, feiróns, empregadas do fogar, ou en situación administrativa irregular, así como as traballadoras do sexo, que da noite para a mañá se viron sen ingresos polo traballo e sen dereito a prestacións sociais. Así como aquelas persoas que se atopaban nunha situación de desemprego e sen prestacións antes da crise. Todas quedaron nunha situación de absoluta precariedade e abandono contando só con redes de apoio familiar, veciñal e do terceiro sector. Uns datos de tal magnitude que condenan a unha parte da poboación a uns niveis de pobreza descoñecidos e insostíbeis socialmente.

 Antes da crise, 100 millóns de persoas caían na pobreza anualmente como resultado de gastos catastróficos de saúde(6); cifras que están crecendo de forma exponencial coa actual crise, como xa estamos vendo en países como os Estados Unidos ante o custo das longas hospitalizacións que provoca a Covid-19. As estimacións indican que só o 29% da poboación mundial dispón do acceso a unha seguridade social integral(7), que uns 1.200 millóns se benefician dalgunha cobertura da seguridade social -xa sexa subsidio de desemprego, saúde, pensións-, e que o resto, o que supón o 55% da poboación mundial -algo máis de 4.000 millóns de persoas-, non ten ningunha protección(8). Falamos que de media, máis da metade da poboación traballadora mundial se ve sen ingresos por mor da pandemia e sen ningún tipo de acceso a prestacións sociais.

 Os sectores económicos máis afectados por esta crise están a ser o turismo, a hostalaría e a restauración, o comercio polo miúdo, as actividades comerciais, as inmobiliarias e a industria manufactureira(9). Co cal aquelas economías e territorios máis dependentes deste tecido produtivo, da volatilidade do contexto internacional e en moitos casos xa de seu moi precarizados, son os máis severamente afectados polos efectos desta crise.

 Antes da pandemia a cifra de persoas desempregadas situábase en 190 millóns; practicamente inalterada desde a crise de 2008, aínda que hai que ter en conta que a poboación laboral crece unha media duns 35 millóns todos os anos. As estimacións do impacto no emprego foron aumentando de xeito moi rápido, e previsibelmente seguirán facéndoo, a medida que se vaian ampliando e prolongando as medidas de confinamento, así como expandindo a pandemia no mundo. A Organización Internacional do Traballo (OIT), nun informe do 7 de abril, calculaba unha redución do emprego de arredor do 6,7%, o equivalente a 195 millóns de traballadores a tempo completo(10). A data de 29 de abril, dábase o dato dunha deterioración do 10,5% do tempo de traballo, o equivalente a non menos de 305 millóns de empregos a tempo completo, asumindo na conversión 48 horas semanais por emprego(11). En ningunha outra crise a destrución do emprego fora tan drástica, nun período tan breve de tempo, afectando a practicamente todos os sectores, e cun futuro tan incerto.

 No caso do Estado español estariamos falando que desde o inicio da crise e até final do segundo trimestre de 2020 poderían perderse un 18,6% do total das horas traballadas, o equivalente a 3,5 millóns de postos de traballo. Iso non significa a eliminación deste número de empregos, senón a caída en número de horas, moitas das cales están sendo absorbidas polos ERTE e por reducións de xornada, non só por suspensión ou destrución de emprego. A cifra final dependerá das medidas que se manteñan e adopten, e de como transcorran os próximos meses, co risco de poder estar asistindo a unha destrución de emprego en diferido. O emprego xuvenil é de novo un dos sectores máis afectados, como o foi en 2008, onde se produciu unha maior destrución de emprego, ao acumular máis traballos a tempo parcial, contratos de curta duración e especialmente no sector servizos. Un terzo do desemprego mundial, 64,8 millóns en 2018, era desemprego xuvenil(12), aínda que en moitos países a realidade do desemprego xuvenil dobra ou triplica o desemprego adulto.

 Outra dimensión chave das condicións de traballo é a saúde laboral. A nivel mundial, cada ano morren máis de 2,78 millóns de traballadores por mor de accidentes laborais ou enfermidades relacionadas co traballo. Ademais, ocorren uns 374 millóns de lesións non mortais relacionadas co traballo. Esta tendencia parece aumentar de forma dramática polo efecto da crise sanitaria. Un estudo recente do Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC)(13). sinalaba que o Estado español é o país do mundo cunha porcentaxe de afectados sanitarios máis alto. O 20% de contaxios afecta a este colectivo, en Italia esa porcentaxe redúcese ao 10% -aínda que en Lombardía é tamén do 20%-. Nin que dicir que, a nivel mundial, as e os traballadores na economía informal están nunha situación particularmente vulnerábel, e esta pandemia súmase aos riscos diarios xa existentes. Asumir que as mortes e os accidentes laborais son efectos secundarios indesexados do funcionamento dos mercados de traballo, ou que os sanitarios son heroes da pandemia, é sinxelamente descargar a responsabilidade da prevención en materia de saúde laboral sobre a acción individual e a sorte do traballador/a. Coa Covid-19, a importancia e as deficiencias en materia de prevención de riscos laborais, que en moitos casos se viñeron asumindo como un trámite administrativo, quedaron máis patentes que nunca e iso esixe unha revisión profunda de todo o sistema.

 Esta sería unha sucinta radiografía do estado do emprego no mundo, profundamente devastadora e inhumana, resultado das lóxicas de funcionamento dun sistema económico altamente depredador de man de obra barata e recursos naturais, que sitúa as sociedades, sobre todo as clases máis populares, nunha posición de suma precariedade e debilidade para facer fronte a unha crise como a Covid-19. A cuestión é como tendencias que xa viñan transformando de xeito profundo o mercado laboral se verán afectadas pola pandemia, revertendo ou acelerando os procesos de cambio sobre o Futuro do Traballo.

 Desde hai xa uns anos, a noción Futuro do Traballo foi amplamente utilizada por diferentes organismos internacionais -OIT, OCDE, Banco Mundial, FMI-, así como grupos de investigación, medios de comunicación, actores nacionais e entre a opinión pública en xeral. Este concepto tenta englobar unha serie de tendencias que están provocando cambios acelerados nas nosas formas de crear, producir e consumir, así como de relacionarnos. Anticipando unha transformación dos nosos mercados laborais e o conxunto da sociedade, tensionando o mundo do traballo e os seus diferentes actores. No seguinte apartado tentarei analizar algunhas das megatendencias mundiais en relación co futuro do traballo e as súas consecuencias no emprego; esquematizadas en cinco eixes, que son: a revolución tecnolóxica; a resposta á urxencia climática e a crise ambiental; a globalización e as desigualdades; os desequilibrios demográficos, e as demandas de igualdade de xénero efectiva no mercado de traballo.

Megatendencias pre-Covid-19 dun futuro complexo

 A nova revolución tecnolóxica, da man á vez da robotización, o big data, o internet das cousas(14), o 3D e a intelixencia artificial, presentouse absolutamente disruptiva nas nosas sociedades, así como cunha capacidade profundamente transformadora do mercado de traballo. As cifras de afectación no emprego varían moito, desde algúns primeiros estudos, como o Carl Benedikt Frey e Michael A. Osborne(15), en 2015, que sinalaban que o 47% das e os traballadores de EE UU corren o risco de se veren substituídos nos seus postos de traballo pola automatización. Estudos posteriores de organismos internacionais como o Banco Mundial, a OCDE e o FMI sinalan que se automatizarán certas tarefas, pero non sectores enteiros e que os traballos máis afectados serán aqueles que desenvolven tarefas repetitivas. A parte substancialmente diferente con respecto a outras revolucións tecnolóxicas precedentes é que non só se destruirán tarefas manuais, senón tamén cognitivas de tipo repetitivo, afectando a moitos sectores como as finanzas e a industria. Todo iso co conseguinte risco dunha polarización nos mercados de traballo entre empregos non repetitivos, versátiles con alta demanda de competencias -algúns- e traballos non cualificados ou con pouca valoración social, onde se concentrarían a maioría. A disputa actual sitúase en que países conseguirán ser punteiros no primeiro bloque de empregos, coa formación como baza e aposta principal da chamada sociedade do coñecemento. Sorprende, porén, en relación cos prognósticos derivados do novo salto tecnolóxico, que ningún dos informes de referencia teña en conta a cantidade inxente de recursos minerais e materiais, así como insumos enerxéticos necesarios, para acometer esta chamada nova revolución. Nin desde as posicións máis tecno-inxenuo-optimistas se dá resposta a isto.

 Coa crise da Covid-19 ábrese todo un debate sobre a posible aceleración dos procesos de robotización e maior automatización como forma de evitar dependencia da man de obra humana e o risco de paralización produtiva ante futuras pandemias. Mentres, outras voces, como as de Carl Frey(16), sinalan que en épocas de recesión os avances tecnolóxicos se poden ver freados pola contestación social ante a destrución de emprego. Onde si probabelmente poderemos observar, de forma máis inmediata, a acentuación de dúas tendencias interrelacionadas entre si son, por unha banda, o crecemento do teletraballo e, por outra, o aumento da dixitalización no consumo de bens e servizos.

 A raíz do confinamento, o teletraballo irrompeu con forza en moitos fogares e parece unha tendencia que chegou para quedar. Promovido supostamente como unha medida para favorecer a flexibilidade, a conciliación e reducir os desprazamentos, puidemos tamén comprobar a capacidade de alterar as nosas condicións de traballo, facendo que aumente a nosa dispoñibilidad -24 horas, fins de semana, festivos-. A flexibilidade creceu, mais o dereito á desconexión e ao descanso saltou polo aire. Non é algo novo nin moito menos, si o é a súa rápida extensión e a súa xeneralización entre sectores tan diversos por todo o mundo.

 En relación coa dixitalización, o emprego e a Covid-19, podemos sinalar varios aspectos como a aceleración das dificultades que xa estaban confrontando algunhas pemes e pequeno comercio para se adaptaren e o risco de importantes perdas de emprego sobrevidas. Tamén podemos apuntar un aumento da concentración tecnolóxica que favorecerá a grandes superficies comerciais e de distribución no lecer -o caso de plataformas como Netflix e Google-, ou plataformas como Amazon na distribución e venda online, así como os desafíos de adaptación de competencias e formativas coa acentuación de fendas sociais.

 É probábel que vexamos tamén un aumento da economía de plataformas ou mal chamada economía colaborativa, combinación de varios factores como son: capital ocioso en procura de rendebilidade sen investir no produtivo, o potencial que presentan as plataformas para penetrar en moitos sectores económico-sanitarios, servizos varios, cunha dimensión global, e o feito de que o número de persoas dispoñíbeis para ofrecer o seu tempo de traballo coa crise aumentará.

 A economía de plataformas preséntase como un traballo flexíbel e autónomo, ademais dun novo nicho de emprego. Pero o certo é que os estudos que hai sobre os ingresos medios e condicións de traballo achégano máis a unha realidade de xornaleiros dixitais(17), cobrando tarefa a tarefa e aumentando a precarización do mercado laboral. Ademais de ser especialmente preocupante que aspectos centrais como a definición da condición laboral -se asalariado ou autónomo- até hoxe se estean deixando en mans dos tribunais con sentenzas como a dos riders nun e outro sentido, cando é un problema laboral que require dunha acción política, que debe con iso resolver cuestións como a limitación do tempo de traballo, a prevención de riscos laborais, a protección social e liberdade sindical e de negociación colectiva.

 O Estado español xa se sitúa á cabeza dos países da Unión Europa en volume de emprego en plataformas, cun 17% das persoas en idade de traballar realizando actividades por medio delas polo menos unha vez por semana. Estímase que para un 30,4% das e os traballadores de plataforma (algo máis de 1,9 millóns de persoas) representa a metade dos seus ingresos(18). Unha vez máis, parece que imos tarde na resposta.

A inadiábel resposta á urxencia climática e a crise ambiental

 Este é outro dos grandes desafíos para o mundo do traballo nas próximas décadas e o maior ao que debemos facer fronte como sociedade. Os prognósticos sobre o nivel de transformación dos mercados de traballo están claramente determinados polo escenario de transición ecolóxica e modelo social sobre o que o sustentan. O abano de estudos que analizan as perspectivas laborais foi abondoso antes da crise de 2008, na década seguinte freáronse ao mesmo ritmo que a acción política, e nos últimos anos volveron publicarse propostas e datos, a gran maioría só co horizonte de redución de emisións fixado no Acordo de París e sinalando datos cuantitativos de emprego sen entrar na dimensión da calidade dos empregos. Estes exercicios non son fáciles, nin ciencia exacta, mais si resultan ferramentas necesarias para a planificación económica e acción política.

 Por citar algún deles, con carácter sectorial, a OIT sinala que a adecuación de tres sectores industriais -enerxético, automobilístico e da construción- para cumprir cos Acordos de París pode ter un balance neto de 18 millóns de novos empregos a nivel mundial -crearíanse 24 millóns, fronte a 6 que se perderían-(19); a nivel rexional a Comisión Europea sinala que o Acordo de París xeraría uns 200.000 empregos adicionais no Estado español para 2030 e 1,2 millóns no conxunto da Unión europea(20). E en canto a países, no Estado español atopamos estudos como o de Greenpeace(21) que analiza a transición enerxética con tres escenarios -conservador, progresivo e responsábel- e un abano de creación de emprego de 800.000 a 3 millóns de empregos, respectivamente. Hai outros máis holísticos como o de Ecoloxistas en Acción, que presenta unha modelización de tres escenarios baixo o marco de distintas políticas de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) -business as usual, Green New Deal, decrecentista- para avaliar a evolución do emprego, coidados e traballo autoxestionado no período 2020-2030(22).

 Un dos retos compartidos por calquera dos escenarios de redución de emisións é a xestión social e económica da transición no mundo do traballo. Porque os empregos que se crearán non o farán nin no mesmo lugar nin no mesmo momento que os que se destrúan, e é fundamental que a reconversión e o cambio de modelo enerxético e produtivo ofreza alternativas económicas e sociais -emprego, protección social, formación- a quen se vexan afectados por iso. Que sexa unha transición xusta, como sinalou o movemento sindical e adoptou a comunidade internacional no Acordo de París.

 Certo é que canto máis ambiciosos sexan os escenarios de redución de emisións e reconversión de modelo, máis intensos serán os cambios e máis recursos serán necesarios no curto prazo. Porén, a experiencia destes anos tamén mostrou que un ritmo gradual na transición ecolóxica non é garantía dunha solución máis xusta ou menos traumática. Acordos como o de transición do sector do carbón no Estado español(23), aínda que moi meritorio, dáse nun sector xa moi minguado que fixera o proceso de desmantelamento laboral nos anos anteriores, segundo a lóxica de competencia de mercado. O gran reto é a transición enerxética e ecolóxica daqueles sectores con maior emprego e peso na economía, por exemplo, o automobilístico, e se se anticipará planificará ou se deixará de novo que o custo da reconversión o asuma quen traballa neles, as súas familias e territorios. Até o de agora a falta de ambición ecolóxica foi acompañada de falta de ambición social. O tempo vai na nosa contra, a única opción sensata no intento de evitar/suavizar/xestionar o colapso é desenvolver escenarios de redución de emisións ambiciosos con plans socialmente avanzados e robustos que á súa vez permitan reverter as deficiencias do actual modelo laboral.

 Sobre como pode afectar a crise da Covid-19 a esta axenda, a propia xénese da pandemia foi provocada por patóxenos que saltan dos animais salvaxes aos humanos como resultado do modelo depredador e ecocida que temos. Nestes meses de pandemia estamos observando importantes efectos de descontaminación e mellora da saúde ambiental con medidas drásticas en poucas semanas; constatamos a fraxilidade das grandes urbes e a súa dependencia externa de insumos e a necesidade de reconstruír un modelo social e económico máis resiliente que nos prepare para futuras crises de natureza parecida. Todo iso son razóns poderosas que veñen sumarse ás que xa existían para unha aposta ambiciosa de carácter ecosocial para saír da crise, pero vemos tamén como as inercias para intensificar o modelo pre-Covid-19 gañan terreo. Desde comunidades autónomas como as de Madrid, Murcia, Baleares retómase o discurso do uso do solo urbanizábel ou a ampliación do espazo hoteleiro para reactivar a economía e é sintomático tamén que o Parlamento Europeo, máis sensíbel a esta axenda que outras institucións europeas, aprobe en maio un marco orzamentario plurianual para o 2021-2027 onde desapareceron as referencias aos temas ambientais e o Green New Deal, cando xusto estiveran facendo bandeira diso. A disputa está aberta.

A globalización e as desigualdades

 A globalización neoliberal dos últimos corenta anos deu lugar á fisionomía do actual modelo de produción e mercado de traballo marcado por: a asunción de que non hai traballos para toda a vida; o aumento dos contratos a tempo parcial como forma de repartir o traballo, pero non a riqueza; os falsos autónomos; os contratos a cero horas, e a realidade dos traballadores pobres en países onde o emprego era unha garantía de ter as necesidades cubertas. A lóxica da mercantilización do traballo e o abaratamento constante da man de obra foi o motor das deslocalizacións, a terceirización, as externalizacións, a desregulación laboral e o desenvolvemento das cadeas globais de fornecemento que transformou profundamente a natureza da produción, o investimento, o comercio e o emprego. Unha tendencia que se viu acelerada nos últimos anos, até tal punto que un de cada seis traballadores o fai en cadeas globais de fornecemento(24). E que até a chegada da Covid-19 parecía imparábel.

 As desigualdades crecentes, plurais e interconectadas, son a outra cara da moeda do modelo neoliberal, que non fixo máis que afondar desde a crise de 2008. Se observamos a desigualdade mundial de ingresos, a fenda entre a xente rica e o resto estase alargando. O crecemento dos salarios non seguiu o mesmo ritmo que o crecemento da produtividade e reduciuse a proporción de ingresos nacionais consagrados ás e aos traballadores. No caso do Estado español, desde a última crise, a proporción da renda do traballo con respecto á do capital diminuíu de forma máis acusada que a media mundial, pasando de supoñer o 66,6% en 2009 ao 61,2% en 2017(25). O que significa que uns 64.500 millóns de euros que antes estaban en mans dos traballadores deixaron de estalo, anualmente. É o equivalente ao rescate bancario, pero cada ano.

 A isto hai que sumar que nas últimas décadas se produciron importantes transformacións na propiedade da riqueza, que pasou do dominio público ao privado. Desde 1980 obsérvase que, en practicamente todos os países, a riqueza nacional (pública máis privada) creceu de xeito notábel, mais a parte pública medrou de forma negativa ou próxima a cero nos países ricos (as débedas superan aos activos). Os países volvéronse máis ricos á vez que os gobernos se volveron máis pobres(26). Isto non só aumenta o poder corporativo, senón que tamén limita a capacidade dos gobernos para reducir a desigualdade ao tempo que condiciona as capacidades das institucións públicas á hora facer fronte ás consecuencias sociais e económicas da Covid-19. Onde unha vez máis estamos vendo como se está transferindo unha cantidade inxente de capital público para axudar ou salvar os intereses do sector privado sen apenas ningunha esixencia ou contrapartida, de tipo fiscal, por exemplo, seguindo o modelo da crise de 2008.

 Un dos maiores efectos da actual crise, que comparten moitas das análises, é que sacou á luz os riscos da hiperglobalización. Mostrounos o emperador espido. As dificultades dos países para aumentar as probas diagnósticas, fabricar respiradores e producir equipos de protección individual constataron a dependencia excesiva de China como fábrica do mundo. E posibelmente isto poida favorecer un discurso favorábel ás relocalizacións de certos sectores produtivos en clave nacional, como anunciou recentemente o goberno francés.

 O discurso das relocalizacións e dun certo proteccionismo nacional non é novo, vimos como nos últimos anos Trump abandeirou o America First. Pero que ninguén se engane, non hai ningunha proxección antineoliberal nestes proxectos políticos supostamente proteccionistas, o que hai é unha batalla por como xestionar a globalización neoliberal. E a peor noticia é que a esquerda parece estar ausente desta pelexa. Recuperar e reactualizar un altermundialismo con capacidade de articular imaxinarios globais xeradores de propostas e de confrontar a orde neoliberal parece de novo unha tarefa imprescindíbel para dar respostas ante a crise da Covid-19. No terreo laboral é fundamental promover medidas para asegurar que as multinacionais que impulsaron cadeas globais de fornecemento non se desresponsabilicen das e os traballadores das empresas provedoras -como xa está sucedendo pola paralización produtiva pola pandemia- e contribúan a facer unha transición. Así mesmo, temos que impulsar unha intervención pública e de planificación da economía, asegurando un cambio de modelo produtivo que leve parello un proceso de relocalizacións e desglobalización.

 Os desequilibrios demográficos son outra das tendencias que supoñerán unha serie de desafíos interrelacionados. A maioría das economías da OCDE deben facer fronte ao avellentamento da súa poboación que provoca unha redución da súa forza laboral de traballo dispoñíbel, unha presión crecente nos sistemas de pensións e un aumento das necesidades de coidados. Á súa vez, outras rexións do mundo, en particular a África subsahariana, cunha media de idade moi nova, están vendo un aumento do desemprego, do malestar da súa poboación e da migración por non poder ofrecer traballo a unha forza laboral crecente, ademais de sufrir outros problemas estruturais como o impacto do cambio climático, a extrema pobreza, violencia, etc. Hoxe en día hai 232 millóns de migrantes, a maioría en idade laboral; esta cifra representa un aumento total de máis do 50% desde 1990(27), mais a metade do que presumibelmente veremos nas próximas décadas. Porén, estes anos asistimos tamén a un recruamento e importancia institucional do discurso xenófobo e racista cun peche de fronteiras, que en última instancia non persegue evitar tanto a súa entrada senón a degradación xurídica e física dos migrantes. Convertidos en exército de reserva do precariado, fraxilizando non só os seus dereitos, senón o mesmo dereito a ter dereitos e, polo tanto, a súa capacidade de reivindicalos.

 Coa crise da Covid-19 vimos como Alemaña facilitou a licenza a médicos estranxeiros aos que até o de agora non se lles concedeu practicar medicina para que axuden coa atención da pandemia(28). Ou como o goberno alemán solicitou unha excepción no confinamento para que romaneses, búlgaros e polacos puidesen desprazarse ao país a recolectar o seu prezado espárrago branco. Reino Unido fretou voos chárteres desde Bucarest para levar por centos de temporeiros até campos británicos. Mulleres de Romanía e de Bulgaria emigraron a Austria para traballar en residencias(29). O Estado español habilitou a concesión de autorizacións para os mozos migrantes entre 18 e 21 anos que contan con permiso de residencia, pero non de traballo, para que traballen no agro, ao non poder contar coas temporeiras que veñen de Marruecos. E así outros países europeos. A escaseza de man de obra no ámbito agrícola, sanitario e de coidados, normalmente invisibilizado, quedou patente de novo nesta crise, demostrando as disfuncións do mercado laboral europeo, que é dependente, en sectores produtivos clave como a agricultura ou servizos de coidados, dunha man de obra precarizada e fraxilizada.

 Outra das tendencias actuais que se poden ver afectadas pola crise do coronavirus son as esixencias en prol dunha igualdade de xénero real, impulsadas por un movemento feminista a escala internacional. Unhas reivindicacións que, ademais de poñer a énfase nas discriminacións no mercado laboral: fenda salarial, maior precariedade en traballos feminizados, concentración de mulleres en xornadas a tempo parcial, manifestaron con contundencia que estas discriminacións non poden resolverse sen abordar a división sexual do traballo e unha reorganización social dos coidados.

 A OIT estima que se dedican a nivel mundial 16.400 millóns de horas ao traballo de coidados non remunerado todos os días. Isto corresponde a 2.000 millóns de persoas traballando oito horas ao día sen recibir unha remuneración a cambio. En 2018, no Estado español empregáronse 130 millóns de horas diarias en traballo de coidados non remunerado. Esta cifra equivale a 16 millóns de persoas traballando oito horas ao día sen percibir remuneración ningunha. Se estes servizos se valorasen sobre a base dun salario mínimo por hora, equivalerían ao 14,9% do PIB español(30). Actualmente o traballo de coidados remunerados emprega no país a 3,8 millóns de persoas (sanidade, educación, servizos de atención a persoas, traballadoras do fogar) das cales 2,9 millóns son mulleres e 936.000 homes. Ademais, diferentes estudos mostran que existe un potencial de creación de emprego de máis dun millón de traballos no sector dos coidados de aquí a 2030 para atender acaídamente ás necesidades sociais que xa existen e que crecerán nos próximos anos, fundamentalmente polo avellentamento da poboación.

 Aínda está por ver como a crise Covid-19 vai afectar esta axenda. Por unha banda, evidenciouse a importancia dos coidados remunerados como alicerce fundamental para facer fronte á pandemia, así como a súa fraxilidade por mor de anos de recortes en sanidade, o abandono das residencias de persoas maiores e a desprotección das empregadas do fogar. A disputa ábrese agora en asegurar que se blinden como cento por cento públicos estes servizos ante os procesos de mercantilización, se doten de recursos suficientes e garantan plenamente os dereitos laborais. Por outra banda, é preocupante a invisibilización que houbo dos traballos de coidados non remunerados durante a pandemia no Estado español. Refírome aos 4,5 millóns de fogares que hai con polo menos un menor de 14 anos e a aqueles con persoas dependentes ou maiores que  quedaron sen centros de día nin outras alternativas. O Estado fixo deixamento de funcións pechando as escolas seis meses sen ofrecer alternativas ás familias, máis aló das medidas de conciliación dos funcionarios públicos, promovendo só como fórmulas para facer fronte a esta situación o teletraballo ou que cada empresa facilite arranxos para a conciliación. Sen entrarmos a falar dos dereitos dos menores, as súas necesidades de socialización e de benestar emocional.

 Nestas semanas asistimos a unha reprivatización dos coidados no fogar, como nunca na historia recente. Buscar explicacións na excepcionalidade do momento é poñerse unha venda nos ollos ante un problema máis de fondo. A resposta á realidade da reprodución social e as necesidades dos coidados só pode pasar por unha reorganización profunda do mercado de traballo, o sistema produtivo e de protección social nun sentido amplo: redución de xornada, investimento en servizos públicos que permita reducir ratios, opcións de ERTE para quen deban asumir tarefas de coidados inescusábeis.

 Unha dura constatación que a axenda da corresponsabilidade, a conciliación e a igualdade efectiva estaba avanzando de forma epidérmica e para certos sectores, pero que en momentos de crise, cando son máis necesarios que nunca, volven ao caixón do ámbito privado, a invisibilidade e os apaños individuais. Malia ser socialmente imprescindíbeis, unha fonte de emprego e de benestar social.

A xeito de conclusión

 O mundo do traballo pos-Covid-19 sitúanos ante un escenario complexo. As crises abren fiestras de oportunidade para a disputa, tanto no relato como nas medidas que se desenvolvan. Con todo, as inercias para seguir co modelo prepandemia son moi fortes. O risco máis evidente é a aceleración das tendencias que se veñen dando, agravando as desigualdades, xerando sociedades máis polarizadas, empobrecendo aínda máis a unhas clases populares xa depauperadas, proseguindo coa devastación ambiental, e así de crise en crise.

 Aínda que as primeiras medidas adoptadas polos gobernos europeos están sendo de protección social dos sectores traballadores e expansivas en gasto público, lembremos que tamén o foron os primeiros momentos de xestión da crise de 2008. As pezas chaves da orde neoliberal xerador desta situación seguen intactas e os grupos económicos que o sosteñen están a xogar as súas bazas para beneficiarse desta e reforzar as súas posicións de privilexio aproveitando a oportunidade brindada pola crise, por esta situación de excepcionalidade. Co que non é nin moito menos descartábel que asistamos a unha aceleración neoliberal, co profundamento das tendencias sinaladas, utilizando a crise como unha coartada para levar a cabo reformas que agraven aínda máis a situación a nivel social e laboral.

 A outra opción é estender a disputa para reverter o modelo, para que a nova normalidade non sexa a mesma normalidade de sempre só que con maior control e distanciamento social. Os discursos sobre as oportunidades que nos ofrece esta crise, a necesidade de non repetir os erros da crise de 2008, xa están en marcha, a cuestión é se as medidas económicas, laborais e ambientais serán suficientemente fortes e robustas para dar un cambio de rumbo. Isto non vai depender só do que desexemos ou do que digan outros que farán por nós, senón sobre todo de canto fagamos para disputalo. Só desde o seu cuestionamento teremos a oportunidade de sentar as bases doutra economía ao servizo do ben común que en fronte os retos dunha urxencia climática e que poña a vida no centro das súas políticas.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

1/ OIT (2018a) Informe Mundial sobre Salarios 2018/2019: Qué hay detrás de la brecha salarial de género, https://www.ilo.org/global/research/global-reports/global-wage-report/WCMS_650653/lang–es/index.htm

2/ OIT (2019a) Trabajar para un futuro más prometedor, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—dgreports/—cabinet/documents/publication/wcms_662442.pdf

3/ Isto representa case o 40% de todas as persoas asalariados e máis do 60% da poboación empregada –autónomas e na economía familiar–.

4/ OIT (2020a) Impact of lockdown measures on the informal economy, https://www.ilo.org/global/topics/employment-promotion/informal-economy/publications/WCMS_743523/lang–en/index.htm

5/ OIT (2020b) COVID-19 crisis and the informal economy: Immediate responses and policy challenges, https://www.ilo.org/global/topics/employment-promotion/informal-economy/publications/WCMS_743623/lang–tr/index.htm

6/ OMS e BM (2017) Tracking universal health coverage: 2017 Global Monitoring Report, https://www.who.int/healthinfo/universal_health_coverage/report/2017/en/

7/ OIT (2017a) 2017-2019: La protección social universal para alcanzar los Objetivos de Desarrollo Sostenible, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—dgreports/—dcomm/documents/publication/wcms_624890.pdf

8/ OIT (2017a), op. cit.

9/ OIT (2020d), op. cit.

10/ OIT (2020c) Observatorio da OIT: El Covid-19 y el mundo del trabajo. Segunda edición. Estimaciones actualizadas y análisis, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—dgreports/—dcomm/documents/briefingnote/wcms_740981.pdf

11/ OIT (2020d) Observatorio da OIT: El Covid-19 y el mundo del trabajo. Tercera edición. Estimaciones actualizadas y análisis, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/@dgreports/@dcomm/documents/briefingnote/wcms_743154.pdf

12/ OIT (2019a), op. cit.

13/ Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) (2020) Rapid RiskAssessment: Coronavirus disease 2019 (Covid19) in the EU/EEA and the UK– ninth update, https://www.ecdc.europa.eu/en/publications-data/rapid-risk-assessment-coronavirus-disease-2019-covid-19-pandemic-ninth-update

14/ A internet das cousas é un concepto que se refire á interconexión dixital de obxectos cotiáns coa internet. Por exemplo, se a roupa ou os armarios dos medicamentos estivesen conectados á internet e estivesen equipados con dispositivos de identificación, indicaríannos a temperatura do corpo ou cando hai medicamentos que van caducar.

15/ Carl Benedikt Frey e Michael A. Osborne (2015) Technology at work: The future of innovation and employment, Citi Global Perspectives and Solutions (Citi GPS), Oxford e Nueva York, Universidade de Oxford e Citi Group, https://www.oxfordmartin.ox.ac.uk/downloads/reports/Citi_GPS_Technology_Work.pdf

16/ Carl Benedikt Frey (2019) The Technology Trap, Princeton University Press.

17/ OIT (2019a), op. cit.

18/ María Luz Rodríguez, “España: primera potencia europea en trabajo de plataforma”, Agenda Pública- El País, abril 2019, http://agendapublica.elpais.com/espana-primera-potencia-europea-en-trabajo-en-plataformas/

19/ OIT (2018b) Sostenibilidad medioambiental con empleo – Perspectivas sociales y del empleo en el mundo 2018, https://www.ilo.org/global/research/global-reports/weso/greening-with-jobs/lang–es/index.htm

20/ Europa Press, abril 2019, https://www.europapress.es/economia/laboral-00346/noticia-cumplir-acuerdo-paris-generaria-200000-empleos-adicionales-espana-2030-12-millones-ue-20190704172622.html

21/ Greenpeace (2016) La recuperación económica con renovables, http://archivo-es.greenpeace.org/espana/Global/espana/2014/Report/cambio-climatico/recuperacion_economica_con_renovables_web.pdf

22/ Ecologistas en Acción (2020) Escenarios de trabajo en la transición ecosocial 2020-2030, https://www.ecologistasenaccion.org/132893/

24/ OIT (2016): El trabajo decente en las cadenas mundiales de suministro, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—ed_norm/—relconf/documents/meetingdocument/wcms_468096.pdf

25/ OIT (2020e): Perspectivas sociales y del empleo en el mundo: Tendencias 2020, https://www.ilo.org/global/research/global-reports/weso/2020/WCMS_734481/lang–es/index.htm

26/ Alvaredo, F.; Chancel, L.; Piketty, T.; Sáez, E., e Zucman, G. (2018) Informe sobre la desigualdad global, Cambridge, MA, BelknapPress of Harvard UniversityPress. https://wir2018.wid.world/files/download/wir2018-summary-spanish.pdf

27/ OIT (2015) Inciativa del Centenario relativa al futuro del trabajo. https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/—ed_norm/—relconf/documents/meetingdocument/wcms_370408.pdf

28/ Riham Alkousaa e Paul Carrel (2020), “¿Refugiados al rescate? Alemania acude a médicos migrantes para dura batalla contra coronavirus”, Reuters, marzo 2020, https://lta.reuters.com/articulo/salud-coronavirus-alemania-refugiados-idLTAKBN21C2SU

29/ Costi Rogozanu, Daniela Gabor (2020) “La historia del virus y los trabajadores rumanos del espárrago blanco”, eldiario.es, abril 2020, https://www.eldiario.es/theguardian/importante-Europa-occidental-trabajadores-procedentes_0_1017698940.html

30/ OIT (2018c) El trabajo de cuidados y los trabajadores del cuidado para un futuro con trabajo decente. https://www.ilo.org/global/publications/books/WCMS_633168/lang–es/index.htm

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 1 de agosto de 2020]