O futuro da conserveira grovense Thenaisie, pendente dun encontro chave
O futuro da conserveira Thenaisie Provoté, con centros de traballo no Grove e Mos, encara unha etapa decisiva coa celebración dunha segunda xuntanza entre a representación sindical, o empresario galego interesado na compra da fábrica, os secretario xerais do Igape e de Pesca, a patronal conserveira Anfaco e os asesores do grupo propietario, Scandia Food. Dende o comité de empresa agardan que a viabilidade do proxecto se confirme neste encontro que terá lugar a finais desta semana.
Dende a FGAMT-CIG do Salnés cualifican de “moi positiva” a primeira reunión, celebrada a semana pasada, porque por primeira vez quedou claro que todas as partes están pola labor de garantir a supervivencia do proxecto e de todos os postos de traballo. Segundo explica a súa responsábel, Rosa Abuín, tras ese encontro marcouse un prazo para que ao longo desta semana se puidese estudar o plan de viabilidade achegado polo empresario interesado en adquirir Thenaisie.
De feito, a reunión serviu para analizar a oferta coa que este empresario pretende facerse co capital de Scandia na conserveira, negociar a débeda que Thenaisie acumula coas entidades bancarias e integrar a firma grovense nun grupo empresarial dotado de caladoiros propios e con presenza no mercado internacional.
“A xuntanza foi moi satisfactoria, porque puidemos comprobar que as xestións que estamos a levar a cabo dende hai tempo está a dar resultados”, sinala Abuín. Neste senso, valora que tamén por primeira vez o grupo romanés propietario de Thenaisie se amosase disposto a apoiar o proxecto que permita salvar o emprego. Mais tamén o papel que está a xogar Anfaco, que dende o primeiro momento apoiou o proxecto do empresario galego para garantir a actividade industrial e a continuidade dos 125 empregos existentes nos centros de traballo do Grove e Mos.