O final do "laissez-faire": o intento de Rusia de remodelar a economía mundial
O apoio dos Estados Unidos, Europa e Occidente a Kiev ten pouco que ver coa soberanía e independencia de Ucraína e todo que ver coa ansiedade real de que un éxito ruso derrube ou, polo menos, dane gravemente a versión actual da globalización económica tal e como a conciben Estados Unidos e os seus aliados
Desde o 31 de maio, o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, embarcouse nunha xira polos países do Consello de Cooperación do Golfo (CCG), onde visitou, entre outros, Bahrein, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos (EAU). O principal obxectivo destas visitas é reforzar os lazos entre Rusia e os países do CCG no medio dunha carreira mundial polo dominio xeopolítico.
Oriente Medio, especialmente a rexión do Golfo, é vital para a actual orde económica mundial e é igualmente crítico para calquera remodelación futura desa orde. Se Moscova consegue redefinir o papel das economías árabes fronte á economía mundial, o máis probábel é que consiga que se forme un mundo económico multipolar.
A reordenación xeopolítica do mundo non se pode lograr simplemente a través da guerra ou desafiando a influencia política de Occidente nos seus diversos dominios globais. O compoñente económico é posibelmente o máis significativo da actual disputa entre Rusia e os seus detractores occidentais.
Antes da guerra entre Rusia e Ucraína, calquera conversa sobre a necesidade de desafiar ou redefinir a globalización se limitaba en gran medida aos círculos académicos. A guerra converteu esa conversa teórica en algo tanxíbel e urxente. O apoio dos Estados Unidos, Europa e Occidente a Kiev ten pouco que ver coa soberanía e independencia de Ucraína e todo que ver coa ansiedade real de que un éxito ruso derrube ou, polo menos, dane gravemente a versión actual da globalización económica tal e como a conciben Estados Unidos e os seus aliados.
Tras o colapso da Unión Soviética a primeiros da década de 1990, o mundo deixou de ser un espazo disputado entre dúas superpotencias militares -a OTAN fronte ao Pacto de Varsovia- e dous grandes campos económicos -Estados Unidos fronte á URSS-. Adoito, falamos da invasión estadounidense de Panamá (1989) e da guerra de Iraq (1990) para sinalar a incontestábel ascendencia estadounidense nos asuntos mundiais. O que con frecuencia omitimos é que a compoñente militar e xeopolítica desta guerra ía acompañada dunha económica.
Do mesmo xeito que Panamá e Iraq pretendían demostrar o dominio militar de Estados Unidos, o estabelecemento da Organización Mundial do Comercio (OMC) en 1994-95 pretendía ilustrar as perspectivas económicas de Washington nesta nova orde mundial.
Aínda que sen precedentes na súa escala e ferocidade, as protestas contra a OMC en Seattle en 1999 parecían un intento desesperado de inverter a alarmante tendencia nos asuntos económicos do mundo. Aínda que lograron demostrar o poder da sociedade civil en acción, as protestas non produciron ningún resultado real e duradeiro. Na definición de globalización centrada nos Estados Unidos e Occidente, os países máis pequenos teñen pouco poder de negociación.
Mentres que os países ricos negociaron con éxito moitos privilexios para as súas propias industrias, a gran parte do Sur Global non lle quedou máis remedio que xogar coas regras de Occidente. Estados Unidos falaba de libre comercio e mercados abertos mentres mantiña unha axenda proteccionista sobre o que consideraba industrias chave. A globalización foi cualificada de éxito da liberdade e a democracia, mentres que, en esencia, era unha reprodución barata da doutrina económica do "laissez-faire" do século XVIII en Francia.
É doado criticar os países pobres por non desafiaren o dominio estadounidense/occidental. De feito, intentárono, e o resultado foron sancións económicas, cambios de réxime e guerras. A única físgoa de esperanza é que esta forma de capitalismo depredador animou os pequenos países do Sur Global a formularen os seus propios bloques económicos para poder negociar con maior influencia. Porén, nin sequera iso foi suficiente para influír, e moito menos para desmantelar, o nesgado paradigma global.
Ás grandes economías, como China, permitíuselles beneficiarse da globalización sempre que o seu crecemento masivo servise aos intereses da economía mundial, é dicir, de Occidente. No entanto, as cousas empezaron a cambiar cando o alcance político e xeopolítico de China comezou a coincidir coa súa influencia económica. O ex presidente republicano de Estados Unidos, Donald Trump, dedicou moita retórica e acabou declarando a guerra económica á chamada "ameaza chinesa". A actual administración demócrata de Joe Biden non é moi diferente. Aínda que está ocupado en contrarrestar as operacións militares de Rusia en Ucraína, Washington segue dedicado á súa retórica antichinesa.
O Acordo de Marrakech de 1994, o tratado sobre o que se estableceu a OMC, alcanzouse para substituír o xeopoliticamente defunto Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio de 1948. Obsérvese como cada un destes tratados económicos globais foi o resultado das súas únicas ordes xeopolíticas globais, a última tras a Segunda Guerra Mundial e a primeira tras o colapso do campo socialista. Aínda que Rusia e os seus aliados se centran agora sobre todo en reclamar algún tipo de vitoria en Ucraína, o seu obxectivo final é botar as sementes dun equilibrio económico diferente, coa esperanza de que en última instancia obrigue a renegociar a globalización actual, e xa que logo a hexemonía económica de Occidente.
Rusia aposta claramente por un novo sistema económico mundial, pero sen se illar no proceso. Doutra banda, Occidente está dividido. Quere facer caer sobre Rusia o pano de aceiro do pasado, pero sen prexudicar as súas propias economías no proceso. Esta ecuación é sinxelamente irresolúbel, polo menos durante os próximos anos.
Nun discurso pronunciado no Foro Económico Euroasiático, o presidente ruso Vladimir Putin dixo que tratar de illar Rusia é: "Imposíbel, totalmente irreal no mundo moderno". As súas palabras acentúan a plena conciencia de Rusia dos obxectivos de Occidente e do atarefado itinerario de Lavrov, especialmente no Sur Global, e é a propia forma de Moscova de animar un sistema económico global alternativo no que Rusia non estea illada. O resultado de todos estes esforzos non só redefinirá o mundo desde unha perspectiva xeopolítica, senón que redefinirá o propio concepto de globalización para as xeracións vindeiras.
[Artigo tirado do sitio web O Monitor de Oriente, do 9 de de xuño de 2022]