O feminismo galego solicita a intervención da Valedora ante a eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade
Un grupo de mulleres de diversas entidades feministas (entre as que está a CIG) realizaron unha concentración este xoves e fixeron entrega dun escrito de queixa ante a Valedora do Pobo pola eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade. No escrito solicitan a intervención da Valedora para que o goberno da Xunta reconsidere a súa decisión e "atenda o clamor do feminismo galego ante este síntoma de degradación das políticas de igualdade"a
As participantes no acto, en representación de 42 colectivos que asinaron o manifesto, fixeron un repaso das políticas de desmantelamento, aplicadas polos sucesivos gobernos do PP , dos recursos clave "para que as mulleres podermos avanzar en igualdade". Lembraron a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, a irrelevancia dos centros Quérote, dos CIM, dos pisos de acollida etc. Así mesmo, denunciaron que PP promocionou con subvencións e presenza en institucións públicas a asociación antiabortista Red Madre, mentres dificultaba a práctica do dereito ao aborto na rede sanitaria pública.
Advertiron que a desaparición da Secretaría Xeral non pode pasar inadvertida, ao igual que a separación de igualdade e violencia en dúas dirección xerais. "É unha torpeza non entender que a violencia de xénero non é senón a mostra máis indesexábel da desigualdade destinada ás mulleres. Para alén disto, a día de hoxe temos un motivo máis de preocupación, após as declaración do actual director xeral sobre o regreso á política dun exalcalde do PP condenado por violencia de xénero; tememos que a forma de abordar a violencia polo goberno da Xunta non vai ser integral senón “técnico-xurídica”".
Durante a concentración, denunciaron "estar fartas" de que a Igualdade sexa un reclamo electoral. "Exiximos seriedade na aplicación de políticas para a igualdade real, medidas transversais e que en todas as áreas se teña en conta o impacto do conxunto das medidas na vida das mulleres", aseveraron.
As mulleres organizadas no feminismo galego "imos ser constantes na oposición a calquera decisión que supoña un paso atrás nos nosos dereitos. Agora facémolo de forma simbólica coa entrega desta queixa ante a Valedora mais, como temos demostrado, somos quen de encher as prazas para reclamar a igualdade que aínda se nos adebeda".