O falecemento dun paciente no PAC da Estrada amosa a realidade máis dura dos recortes sanitarios
Dende a federación de Saúde da CIG de Santiago denuncian que o falecemento dun paciente no PAC da Estrada o pasado sábado cando o único equipo médico existente saíra co 061 amosa a realidade máis dura dos recortes e lembran que existía un acordo para reforzar o centro nas fins de semana. Neste senso, rexeitan a política de aforro que está a levar a cabo a Xerencia da área sanitaria e sosteñen que se poden aplicar medidas de contención do gasto que non estean centradas só en reducir custes en persoal.
Segundo critican, a desculpa sistemática dos responsábeis do Sergas ante as reiteradas queixas da CIG polo peche de camas e pola non cobertura de persoal é asegurar que non hai persoal médico nos listados de contratación. “O que non din é que non houbo previsión algunha e que se están a producir máis xubilacións ca incorporacións de médicos/as ao mundo laboral”.
Si ben o sucedido este sábado podería ter acontecido igualmente, o que non se tería dado é a situación de angustia que tivo que pasar a familia do falecido, o resto de pacientes que se atopaban no centro, a compañeira TCAE que estando como usuaria interveu na urxencia nin tampouco a compañeira PSX
A maiores denuncian que lonxe de ofrecerlles unha estabilidade laboral, seguen a ofertarlles “contratos vasoira que levan a este persoal a coñecer xeograficamente a área sanitaria pero non ao seu cupo de usuarios/as, de xeito que un médico/a de familia puido estar onte traballando en Carnota, hoxe en Lalín e mañá ter un contrato en Aguiño”.
Reforzo por 23000 euros ao mes
Trátase, tal e como aseguran, dunha realidade provocada pola política da anterior Xerencia e na que a actual non fai máis que afondar e que se caracteriza por basear todas as medidas de recorte impostas polo Sergas en reducir os custos en persoal. “A nova dirección, lonxe de facer gala da suposta recuperación económica, segue a manter as pautas de actuación herdadas amparándose, iso si, en que levan pouco tempo ou en que ofertaron dous contratos máis ou estabilizaron dúas ou tres prazas máis”.
O certo -citan a modo de exemplo- é que salario base do persoal facultativo médico non supera os 1300 euros ao mes, mentres que o de enfermería non chega aos 1000. “Deste xeito, por exemplo, o PAC da Estrada, tal e como se tiña acordado, tería un equipo de reforzo as fins de semana por 2300 euros ao mes; e si ben o sucedido este sábado podería ter acontecido igualmente, o que non se tería dado é a situación de angustia que tivo que pasar a familia do falecido, o resto de pacientes que se atopaban no centro, a compañeira TCAE que estando como usuaria interveu na urxencia en espera da chegada do 061 nin tampouco a compañeira PSX”.
Carta aberta ‘PACs en pé de guerra’
Pola súa banda, os profesionais de Atención Primaria agrupados/as no colectivo ‘PACs en pé de guerra’ fíxeron pública unha cara aberta a raíz da morte deste paciente na Estrada na que denuncian que este feito se deu nun contexto de falta de cobertura do reforzo de sábado de tarde e ante a ausencia do único equipo que desenvolvía o traballo nesa tarde por acudir a unha urxencia fóra do centro.
“A falta de medios persoais que vimos denunciando dende hai meses levou o noso colectivo a reclamar coa presentación de centos de sinaturas de traballadores/as no Sergas que se cubrisen todos os PAC con equipos completos (enfermeira/o e médica/o) e a revisión dos plans funcionais de cada centro, por considerar que estamos traballando con recursos mínimos”.
Sosteñen que tras meses denunciando esta situación atópanse que unha vez chegado o verán, cando a carga asistencial e a poboación aumenta, o persoal co que traballan é inferior ao do resto do ano. “Todo isto malia a que limitaron o tempo de goce de vacacións e permisos, que denegaron reducións de xornada por motivos de conciliación e que aumentaron a xornada obrigando a facer quendas de traballo a maiores”. Polo tanto, critican que a solución sexa unha vez máis a sobrecarga e o recorte de dereitos dun persoal “extenuado” e que “xa non pode máis”.
O Sergas “bota balóns fóra”
Ademais, censuran que o Sergas “bote balóns fóra como se cousa do azar se tratase; falta autocrítica e solucións a un problema que vimos denunciando con máis forza se cabe nas últimas semanas ao ver que non se cobren nin os mínimos e onde o persoal remata cada quenda de traballo coa sensación de ter resolto os problemas como ben pode pero non como ben sabe”.
Aseguran que a falta de persoal non se soluciona sobreexplotando sempre aos mesmos/as, senón que pasa por formar os sanitarios/as suficientes para que cubran as xubilacións que se producen e se van producir, por ofertar prazas suficientes en oposicións que aseguren esta cobertura, por ter ao persoal eventual cuns dereitos mínimos para evitar a fuga en busca dunhas condicións dignas, etc. “En definitiva, a solución é cambiar un funcionamento que non está a resolver nada e que está a ter consecuencias sobre a poboación”.
Finalmente, dende ‘PACs en pé de guerra’ trasládanlle o seu pesar á familia do falecido e instan novamente a Administración a buscar solucións a un problema “que se vai agudizar nos vindeiros se non se adoptan as medidas oportunas”.