As tres centrais sindicais con presenza na mesa do convenio colectivo provincial do metal da Coruña -CIG, UGT e CCOO- destacan un cambio de actitude por parte da patronal tras as tres exitosas xornadas de folga celebradas nas dúas últimas semanas. Por primeira vez, a patronal acudiu á reunión deste xoves, 28 de maio, para falar de puntos concretos do convenio colectivo.
Tras varias horas de reunión, a parte empresarial trasladou propostas que os sindicatos, á espera dunha valoración máis detallada, cualifican como insuficientes e moi afastadas das demandas do persoal, pero que representan un xiro respecto á súa actitude de bloqueo das últimas semanas.
A patronal mativo sobre a mesa cuestións como a vixencia do convenio a cinco anos ou incrementos salariais que se afastan das reivindicacións sindicais, mais ábrese a falar da redución da xornada, do aumento de un día de vacacións, de regular os contratos fixos-discontinuos, ampliar a novos sectores á subrogación e o compromiso de estudar medidas que eviten o abuso das empresas de traballo temporal.
Para as centrais sindicais este movemento, que segue a ser insuficiente, é consecuencia directa da presión e a forza demostrada polas traballadoras e traballadores do metal que secundaron masivamente as tres xornadas folga. “A mobilización foi a que trouxo á patronal á mesa”, aseveran.
Outro sinal deste cambio de actitude é que, por primeira vez, a parte empresarial acepta a petición dos sindicatos de manter dúas reunións semanais para axilizar as negociacións, demanda á que se opuñan con taimada resistencia até o momento. As próximas sesións da mesa negociadora celebraranse os días 2 e 4 de xuño.
Na reunión do día 2, a representación social trasladará a súa valoración formal das propostas patronais, agardando que se poida seguir avanzando nestas e noutras materias que están moi afastadas a día de hoxe.
Cómpre manter a forza da mobilización
As centrais sindicais fan un chamamento a todas as persoas traballadoras do sector para manter a tensión mobilizadora e, de non producírense avances significativos nas seguintes reunións que permitan pechar un acordo xusto, converter as xornadas de folga convocadas para os días 9, 10 e 11 de xuño noutro éxito de seguimento e participación.
Porque só desde a forza colectiva, a unidade de todo o sector e a determinación na loita se poderá acadar un convenio con avances reais nas condicións laborais, salariais e sociais para as case 18.000 persoas que traballan no metal da provincia da Coruña.