O éxito do primeiro día de folga no sector dos produtos elaborados do mar logra sentar a patronal
A folga unánime protagonizada onte polas mulleres do sector dos produtos elaborados do mar motivou o cambio de actitude da patronal, que sentará de novo na mesa tras a ruptura do diálogo o pasado 24 de setembro durante as negociacións do convenio estatal. Con este motivo, e despois dos compromisos adquiridos hoxe en Vigo nunha reunión entre ambas partes a iniciativa do Consello Galego de Relacións Laborais, aprázanse as dúas xornadas de folga convocadas para esta semana (24 e 25 de outubro). O comité de folga, pola súa parte, desprazarase a Madrid os vindeiros xoves 25 e luns 29, agardando obter avances no tocante ás reivindicacións do sector. En caso contrario, anuncian que retomarían os paros de 24 horas o próximo martes 30 e mércores 31.
CIG-Mar valorou a folga decorrida este luns 22 como un “éxito total”, cun protagonismo total das mulleres, que desde primeiras horas da madrugada lograron paralizar por completo a industria galega dos conxelados. Segundo a federación, a patronal debería tomar boa nota ante a vontade unánime de loita demostrada, xa que coa súa actitude provocou unha folga que, alén da reivindicación salarial, se centra na inclusión de dereitos básicos no convenio estatal.
“Foi unha xornada de folga histórica porque non se cinxiu, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que foi unha folga por dereitos, principalmente das mulleres”. Así o afirmou Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou que o seguimento foi total en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, cunha “resposta magnífica” por parte do persoal.
Lembran que o convenio estatal, expirado en 2015, é dos máis precarios de todo o ámbito da alimentación, cunha perda importante de poder adquisitivo nestes últimos anos. Neste sentido, reivindican, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros.
Esixen, tamén, limitar o masivo traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Alén diso, reivindican pluses de refrixeración, dadas as condicións de frío e humidade no que decorre o traballo.
Non obstante, e nun sector onde as mulleres representan entre o 75% e o 85% do total dos cadros de persoal, cobra maior relevancia a loita por dereitos tan básicos como conciliación, reducións de xornada, licenzas, permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, etc.
“As mulleres plantaron cara a unha patronal e uns gobernos que pretenden que continúen a ser carne de canón e man de obra barata polo grande sacrificio que fan”, sostén a federación, á vez que recomenda ao empresariado, agora que se decidiu a volver á mesa, unha “fonda rectificación” que supoña aceptar as reivindicacións dun sector “que espertou e petou na mesa”.
Responsabilizan, tamén, á Xunta de Galiza, á que acusan de complicidade coa patronal por non se ter implicado nunha problemática “que vén de lonxe”.
A folga retomaríase os vindeiros martes 30 e mércores 31 se non houbese avances nas negociacións, cunha alta expectativa, dado o caso, de repetir o éxito da primeira xornada, segundo a CIG-Mar.
A CIG-Mar reivindica un convenio galego
A federación continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.