O estudantado galego irá novamente á folga o xoves 16 de febreiro
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou esta mañá en rolda de prensa novas mobilizacións en diversas localidades, para o vindeiro día 16 de febreiro, e o apoio á folga convocada pola organización estudantil Erguer. Estudantes de Galiza, para ese día. Así o explicaba o seu portavoz, Anxo Louzao, quen asegurou que “continuaremos mobilizándonos mentres non se derroguen definitivamente a LOMCE e as reválidas”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorou positivamente as accións desenvolvidas ao longo deste primeiro trimestre de curso, que se concretaron no apoio a dúas xornadas de folga, numerosas mobilizacións e a entrega de máis de 13.000 sinaturas contra a LOMCE e as reválidas.
Tamén valorou positivamente o “recuamento” do Ministerio de Educación, que aprazou a aplicación das reválidas de 6º de Primaria, 4º da ESO e 2º de Bacharelato. Porén, Louzao matizou que “a supresión das reválidas non é definitiva, está condicionada ao futuro Pacto de Educación, e a LOMCE aínda non foi derrogada”.
Ademais advertiu que se pretende un Pacto para a Educación que “nace trucado” na medida en que “non se contempla unha concepción plurinacional do Estado español, nin se teñen en conta as demandas e consideracións das organizacións sociais, nin as educativas; só atinxe ás organizacións políticas”.
Tamén considerou negativo que non se parta de cero, ao manteren a LOMCE como punto de partida, porque “nin se van considerar aspectos fundamentais como a segregación, a laicidade e, en consecuencia, a supresión da relixión fóra do ámbito escola, que xunto coa privatización do ensino continúan sendo unha realidade no sistema educativo”.
O portavoz da PGDEP considerou que todas estas son razóns poderosas para que “continuemos coas accións, co obxectivo de que a LOMCE se derrogue, que se parta doutro posíbel acordo educativo no que se teñan en conta as demandas de toda a sociedade e que a supresión das reválidas non sexa provisional”.
Por iso a PGDEP ten previsto continuar coas mobilizacións á volta das vacacións de Nadal que se concretarán nunha nova folga estudantil o día 16 de febreiro e mobilizacións ese mesmo día en diferentes localidades.
Discriminación do galego
Anxo Louzao tamén deixou constancia da denuncia da PGDEP pola discriminación que sofre o noso idioma como consecuencia da implantación da LOMCE porque a pouca presenza que a lingua galega xa tiña na ESO quedou totalmente reducida e discriminada en relación ao español, que ten atribuídas 13 horas máis de carga lectiva a respecto das materias que se poden impartir en galego.
“Esta situación constata que o Decreto de plurilingüismo naceu para expulsar o galego como lingua vehicular no ensino”, denunciou. De aí que exixira a súa derrogación inmediata e a apertura dun proceso no que se acorde unha nova norma que “facilite a normalización lingüística e que o galego sexa vehicular no ensino”.